Voz de Barro

Síguenos en twitter

O tempo en Barro

Tiempo en Barro

martes, 23 de mayo de 2017

A DEPUTACIÓN DESTINA 600.000 EUROS A ACTUACIÓNS NO PATRIMONIO HISTÓRICO E CULTURAL




A través dunha liña de axudas que inclúe a restauración de bens inmobles de titularidade municipal, conxuntos urbanos e contornas naturais;  a adquisición de bens integrantes do patrimonio histórico; e a instalación de paneis informativos neste tipo de bens
Poderán concorrer a esta liña de axudas todos os concellos da provincia con menos de 50.000 habitantes
A Xunta do Goberno provincial vén de aprobar as bases das axudas para a rehabilitación e sinalización do patrimonio histórico e cultural dirixidas aos concellos da provincia. O prazo para acceder a estas axudas abrirase tras a publicación do extracto da convocatoria no BOPPO e rematará o 30 de xuño, e poderán presentar solicitudes todos os concellos da provincia con menos de 50.000 habitantes. O departamento provincial de Cultura e Lingua convoca esta liña de subvencións para promover a recuperación e rehabilitación deste tipo de patrimonio existente na provincia, sempre que sexa de titularidade municipal.
A orde de axudas contempla tres apartados: a adquisición de ben inmobles integrantes do patrimonio histórico da provincia; a restauración dos bens inmobles, conxuntos urbanos e sitios naturais que teñan recoñecido valor arquitectónico, histórico, artístico, paleontolóxico, arqueolóxico e etnográfico; e a instalación de paneis informativos no patrimonio histórico e cultural.  
Contempla actuacións que inclúan propostas de obras de conservación, restauración e sinalización. Como obras de conservación estipúlanse as que teñan como finalidade o mantemento do inmoble coas súas características e materiais orixinais, sexan reparacións puntuais, substitucións concretas de elementos deteriorados, ou as que deriven de reparacións dos danos habituais provocados polo paso do tempo ou polo seu uso característico.
Por obras de restauración enténdense as que teñen por obxecto a restitución da imaxe e unidade do ben, a través de operacións de reintegración de elementos deteriorados, perdidos ou eliminados no seu momento cun criterio desafortunado ou erróneo, co fin de recuperar o carácter orixinal do inmoble e a súa función. Estas obras de restauración poden supoñer a execución de novas estruturas, peches, cubertas, ou outros elementos de entidade construtiva.
Tamén contempla como subvencionables as obras de sinalización dos ben inmobles, e os estudos museográficos e arqueolóxicos coa información previa ao deseño dos mesmos e que son necesarios para a elaboración de sinais. A orde inclúe ademais os proxectos técnicos oficiais e colexiados das actuacións a levar a cabo; o deseño e instalación de paneis informativos; e os gastos de estudos museográficos e arqueolóxicos para a elaboración dos paneis de sinalización, coa recollida da información precisa e veráz dos mesmos.
Tanto para as obras de conservación como para as de restauración deben aplicarse criterios nos que se empreguen as solucións construtivas e de deseño tradicionais e orixinais, utilizando os materiais que lles son propios. No suposto de adquisición, rehabilitación e mellora de bens inventariables o beneficiario deberá destinar os bens ao fin concreto para o que se lle concedeu a subvención, durante un período non inferior a dez anos no caso de bens inscribibles nun rexistro público, nin a cinco para o resto dos bens.
Mentres, os tipos e as medidas dos paneis informativos quedarán suxeitos ás necesidades e á contorna, respectando a normativa vixente. Para os paneis interpretativos deberán empregarse materiais resistentes á intemperie e ao vandalismo, e que harmonicen coa contorna. No caso dos cambios de sinalización por reposición de sinais nos núcleos urbanos, deberán respectarse as directrices establecidas nas respectivas ordenanzas municipais.
A Deputación destinará a esta liña de axudas un total de 600.000 euros. Un importe fixo de 300.000 euros repartirase de forma lineal entre os concellos da provincia que decidan acollerse a estas axudas. Os outros 3 00.000 euros serán repartidos do seguinte xeito: o 20% desta cantidade destinarase ao grupo de concellos de ata 10.000 habitantes; unha porcentaxe do 40% destinarase ao grupo de concellos que teñan entre 10.001 e 20.000 habitantes; e outro 40% destinarase ao grupo de concellos que teñen entre 20.001 e 50.000 habitantes. No suposto da non existencia de solicitudes por algún dos concellos incluídos nestes grupos procederase a unha nova redistribución das cantidades iniciais, trasladándollo aos concellos solicitantes para os efectos oportunos.

No hay comentarios:

Publicar un comentario