Nos
42 días de funcionamento da campaña, foron adoptados medio cento de animais
· Desde a súa posta en marcha, son xa
160 os animais adoptados
· O Centro iniciou xa a segunda fase da
campaña, orientada a sensibilizar aos máis pequenos sobre o respecto aos
animais e contra o abandono
· Desenvolverase inicialmente nos
colexios de Pontevedra, Lalín e Meis
· Nos últimos 8 meses, os servizos de
lazaría do centro atenderon máis de 1.500 chamadas
En pouco máis dun mes de funcionamento, a campaña de fomento das adopcións
impulsada pola Deputación e o Centro de Acollida de Animais Abandonados de
Armenteira está a dar uns excelentes resultados, de forma que se ten logrado
que se produza un mínimo dunha adopción diaria.
Así, nos 42 días desde a posta en marcha da campaña (desde o 1 de novembro
ata o 12 de decembro) xa foron adoptados no centro preto de 50 animais. Entre
eles, os protagonistas da campaña: Baloo, Gold e Aura, que deron a súa imaxe
para os carteis que se distribuíron por toda a provincia co lema :Busco Dono. Non abandones, identifícao,
adópta.
Dos animais que atoparon familia nestes días, 45 están xa no seu novo fogar
(14 cachorros e 31 adultos), e 4 están á espera de que se cumpra o prazo legal
de 20 días desde a súa chegada ao centro ata que se poida formalizar a adopción.
Entre os que están á espera de que se cumpra ese prazo legal está KER, a
cadeliña mestiza que se recupera no Centro de Acollida de Armenteira dun
envelenamento.
Dos 45 animais con adopción formalizada, 6 foron atopados en Meis, 5 en A
Estrada, 3 en Sanxenxo, outros tanto en A Illa de Arousa, 2 en Meaño, Marín,
Silleda, Ribadumia e Gondomar.
160 animais adoptados
En total, desde a posta en marcha do centro, son xa 160 os animais
adoptados, pero a colaboración e a concienciación social seguen sendo
fundamentais porque aínda quedan 400 animais no centro que precisan unha
familia e, sobre todo, porque o abandono animal é demasiado frecuente.
Os datos son elocuentes: nos 8 meses de funcionamento, o Centro de Acollida
realizou máis de 1.500 intervencións nos 48 concellos adheridos.
Actuación en centros escolares
Por iso, a Deputación de Pontevedra e o Centro de Acollida de Animais
Abandonados puxo xa en marcha a segunda fase da campaña, orientada neste caso
aos máis pequenos e que consiste na impartición de unidades didácticas en
centros de infantil e primaria.
Así, un grupo de persoas que traballan en centros de acollida ou
protectoras de animais acudirán aos centros interesados en participar neste
programa para sensibilizar aos máis pequenos en contra do abandono animal e
sobre a necesidade de respectar e coidar aos animais.
Polo de agora enviouse invitación para participar na campaña aos colexios
de infantil e primaria de Pontevedra, Lalín e Meis e xa amosaron o seu interese
en participar o CEIP Álvarez Limeses e San Benito de Lérez de Pontevedra; o
CEIP de Armenteira en Meis; e o CEIP Varela Buxán de Lalín.
Pouco a pouco a campaña irase ampliando a outros puntos da provincia co
obxectivo de promover unha actitude responsable cos animais desde a infancia.
Esta campaña completa o labor que se está a facer desde o CAAN que tamén
ten en marcha unha web que en 3 meses de funcionamento recibiu xa máis de 6.000
visitas. Nesa páxina, ademais de poder ver os animais do centro, pódense facer
todos os trámites relativos ás adopcións, que son totalmente gratuítos.
Ademais, desde a posta en marcha da campaña de fomento da adopción e contra
o maltrato, tense rexistrado un considerable aumento das visitas ao centro e
das chamadas para interesarse polo seu funcionamento.
No hay comentarios:
Publicar un comentario