O
plan inclúe actuacións por importe de 12 millóns de €, das cales algunhas xa
están adxudicadas e as restantes aprobaranse nos vindeiros días
· Na área de Pontevedra aprobáronse
obras en viais nos concellos de Marín, Poio, Barro, Campo Lameiro e Cotobade
· En Ponte Caldelas financiarase a
construción da EDAR de Taboadelo e en A Lama a mellora do abastecemento en
varios núcleos rurais
· A Deputación financiará integramente
as obras no 89% dos casos
A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra acordou a concesión de
subvencións por un importe total de 6.316.613 euros para diversas obras nos
concellos da provincia, no marco do Plan de Obras e Servizos da Administración
Provincial.
Esta relación é a primeira dunha serie de proxectos que os concellos
presentaron nos últimos meses para obter financiamento por parte da Deputación
e que se completarán nas vindeiras semanas coa aprobación de novas axudas en
concorrencia competitiva, ata completar un total de 12 millóns de euros.
O total de actuacións incluídas neste plan supera as 140, das cales 43
foron aprobadas hoxe e veñen a sumarse ás que xa se foron autorizando en días
pasados (como as obras do campo de fútbol de herba sintética de Santo Adrián,
en Vilaboa).
A Deputación financiará integramente as obras na meirande parte dos casos,
concretamente, no 89% dos casos, a Administración provincial corre co custe
total dos traballos, mentres que no 11% restante haberá achegas dos concellos.
Desta forma, o investimento total nas 43 actuacións ascende a 9,1 millóns
de euros.
Obras prioritarias
Trátase de obras prioritarias, dado que o groso dos investimentos refírese
a actuacións de acondicionamento, mellora ou humanización de viais,
especialmente camiños rurais (29 obras, o que representa o 67% dos proxectos
subvencionados).
As restantes obras refírense aos servizos básicos de abastecemento e
saneamento, aos que se suman algunhas obras de mellora ou creación de espazos
verdes, de lecer ou culturais.
Rafael Louzán fixo fincapé en que se trata dun plan de investimentos co que
a Deputación vai permitir que se realicen obras relevantes nos 60 concellos de
menos de 50.000 habitantes da provincia, cun investimento global de 12 millóns
de euros.
Obras no contorno de
Pontevedra
Entre as actuacións aprobadas esta mañá figuran, na comarca de Pontevedra e
o seu contorno, obras nos concellos de Barro, Campo Lameiro, Cotobade, A Lama,
Poio, Ponte Caldelas e Marín.
Nos sete casos, os investimentos permitirán realizar obras de carácter
básico e prioritario, xa que atenden á necesidade de mellorar vías de
comunicación e servizos fundamentais como os de abastecemento e saneamento e serán
financiadas integramente pola Deputación.
En Barro realizaranse obras por importe de 67.675 euros na Rúa Areal,
mentres que en Campo Lameiro a subvención da Deputación, que ascende a
102.669,86 euros, vai orientada á mellora dos accesos e á dotación de
aparcamentos nos núcleos rurais de Reboredo (parroquia de Fragas), Couso e
Muimenta.
A mellora de camiños rurais é tamén o destino da achega que se destinará ao
concello de Cotobade, que ascende a 60.055,17 euros, e a concedida ao concello
de Poio.
Neste último municipio financiarase con 114.391,67 euros a pavimentación e
mellora do firme nos camiños de Monforte, Cotorela, Mato, Outeiro e Fonte e con
75,245,74 euros a pavimentación e dotación de servizos no Camiño de Tarrío.
Trátase de dúas obras que pretenden corrixir as deficiencias que actualmente
presentan estes viais, aproveitando, no caso de Tarrío, para dotar de servizos
a zona.
En Marín procederase á humanización da rúa Almuíña, cun orzamento de
373.911,60 euros, achegados integramente pola Deputación.
Finalmente, en Ponte Caldelas e A Lama as
subvencións van orientadas á mellora ou dotación de servizos de saneamento e
abastecemento de auga. En Ponte Caldelas financiarase con 72.984,21 euros a
construción dunha Estación Depuradora de Augas Residuais (EDAR) en Taboadelo,
para mellorar e completar o servizo de saneamento desta zona; mentres que en A
Lama os traballos centraranse na mellora da rede de abastecemento de auga
potable aos núcleos de poboación de Fentosa, Campo, Ventoselo, Paradela de
Xende e Gaxate.
No hay comentarios:
Publicar un comentario