O DOG publica a orde na que se definen as
normas para a pesca de determinadas especies nas augas continentais da
Comunidade Autónoma
§
Entre as novidades desta tempada destaca a recuperación das cotas de captura
xeral para reo e troita no río Umia e a declaración de novas masas salmoneiras
como consecuencia do Plan de recuperación do salmón na Coruña
§ Aumenta a cota de captura do salmón
nos ríos Lérez e Ulla, que pasa de 8 a 12 exemplares no primeiro e de 35 a 40
no segundo
§ A pesca do reo iniciase o 1 de maio e
remata segundo o couto entre os meses de agosto e setembro, mentres que a
captura da troita comeza o 16 de marzo ata o 31 de xullo, agás nos coutos
conveniados que se prolongará ata o 30 de setembro
§ A orde tamén aclara as condicións da
captura dos ciprínidos e perca negra, saboga, cangrexo vermello americano e
cangrexo sinal, anguía e lamprea
§
Con carácter xeral, decláranse os luns como
inhábiles para a pesca, agás os festivos nacionais ou autonómicos
A tempada de pesca para o ano 2014 na
Comunidade galega comezará o vindeiro 16 de marzo e rematará o 31 de xullo, con
carácter xeral. Así se establece na orde que recolle as normas de pesca nas
augas continentais, que hoxe publica o Diario Oficial de Galicia (DOG).
Trátase dunha orde anual na que se definen as
normas xerais de pesca fluvial de distintas especies ictícolas e dos demais
seres vivos que habitan as augas continentais de Galicia e que é acorde aos
artigos 46 e 47 do Regulamento de ordenación da pesca fluvial e dos ecosistemas
acuáticos continentais (Decreto 130/1997, do 14 de maio).
Entre as novidades que destacan na orde que
se publica hoxe atopánse a recuperación das cotas de captura xeral para reo e
troita no río Umia, e a declaración de novas masas salmoneiras como
consecuencia do Plan de recuperación do salmón na Coruña que declara 6 novos
tramos de augas nos ríos Anllóns, da Balsa, de Cundíons, Mera, da Purgueira e
Sor.
Outras das modificacións son a creación de 11
tramos de pesca sen morte que acadan unha lonxitude total de 39,4 quilómetros
(A Coruña: 1; Lugo: 3; Ourense: 4 e Pontevedra: 3), e a reapertura de coutos
vedados na provincia de Pontevedra, que despois de moitos anos e grazas ás
labores de recuperación efectuadas suprímese o vedado en Portamuíño (río
Almofrei), Fragoso (río Lagares e afluentes) e das Neves (río Termes). Tamén é
importante a supresión no Couto de Soutomaior (tramo río Verdugo) que grazas a
traballos realizados para a recuperación do ecosistema, xunto coas repoboacións
sistemáticas efectuadas, permiten agora a súa apertura.
Salmón
O período hábil para a pesca do salmón nos
coutos da Pontenova, Betanzos, Celeiro, Couso, Frieira, Monteporreiro, Salmeán,
Sinde e Ximonde irá dende o 1 de maio ata o 31 de xullo, pero poderá adiantarse
o remate da temporada en función das cotas de captura. No río Eo a tempada dará
comezo o 27 de abril e rematará o 15 de xullo, por acordo coas autoridades do
Principado de Asturias. Por outro lado, nos coutos do río Ulla poderá
practicarse a pesca sen morte do salmón.
A cota de captura está establecida nun
exemplar por persoa e xornada, cunha dimensión mínima de 40 centímetros. Destaca
a subida das cotas nos ríos Lérez e Ulla, que pasan de 8 a 12 exemplares no
primeiro e de 35 a 40 no segundo. No río Mandeo os exemplares serán 5, 15 no
río Masma, 8 no río Miño, e 10 no couto de Salmeán. No resto dos coutos
autorizados no río Eo non se establece cota anual de captura.
En relación cos engados (engado é o material
que se pon no anzol para atraer á presa e que o trague) poden ser naturais
autorizados como as miñocas e quisquillas, ou
artificiais que son construídos imitando animais ou outros obxectos que poden
ser atractivos para os peixes que se queren capturar. Estes poden ser a mosca
artificial, culleriña e peixes artificiais ou semellantes. Dende o 1 de xuño
ata fin da tempada os engados só poderán ter un anzol simple. Para a pesca sen
morte do salmón no río Ulla autorízase unicamente a mosca artificial con anzol
sen arponciño.
Pautas especiais na
captura do salmón
Na orde tamén se recolle unha serie de
prescricións especiais para as capturas do salmón. Así, aquelas que sexan
accidentais fora da tempada hábil, de exemplares de menos de 40 centímetros, e
máis as capturas en tramos de pesca sen morte terán que ser devoltas a auga con
rapidez, mantendo ao pez na auga mentres se libera do engado podéndose valer
dunha sacadeira. Deste xeito, nunca deberá estar suspendido verticalmente
suxeitándolle pola cola, e de ser preciso, procederase a cortar a sedela para
liberar o peixe.
En todos os salmóns capturados comprobarase a
existencia de micromarcas magnéticas na cartilaxe nasal no momento de seren
precintados e guiados. Dado que os salmóns
micromarcados proceden das repoboacións efectuadas pola Administración galega
ou por outras administracións españolas ou estranxeiras, débense recuperar as
mesmas mediante a extracción dun fragmento da cartilaxe nasal no que se atope a
citada micromarca magnética. Nestes casos, deberase prestar a colaboración
necesaria e permitir a permanencia do salmón no centro de precintaxe o tempo
necesario para a recuperación da micromarca magnética, propiedade da
Administración autora da repoboación.
A pesca do reo
En función do couto no que se practica este
deporte, a Xunta establece unha data de remate da tempada:
-
Coutos
de Celeiro (lotes 2 e 3), Couso, Lambre, Monteporreiro, Noia, Noval, Ombre,
Padrón, Ponte Arnelas, A Ponte do Porto, Ribeiras, Segade, Sinde, Traba,
Viveiro (lotes 2 e 3), Ximonde e Xuvia a tempada comezará o 1 de maio e
rematará o 30 de setembro.
-
No
couto de Betanzos dende o 1 de maio ata o 14 de setembro.
-
No río
Eo compartido a tempada iniciarase o 18 de maio ata o 15 de agosto.
Cómpre sinalar que nas zonas de desembocadura
non se autoriza a captura do reo e noutras masas de auga (distintas das citadas
anteriormente) establécese un período de pesca que discorre dende o 1 de maio
ao 31 de xullo.
Para esta especie, fíxase unha captura de 5
exemplares, dunha dimensión mínima de 35 centímetros, por persoa e xornada. No
couto da Ponte do Porto a cota de captura é de 2 exemplares por persoa e
xornada, e no río Eo compartido a dimensión mínima establecida é de 25
centímetros e a cota de captura é de 28 reos ou troitas por persoa e día.
Sobre os engados, nos caso dos artificiais
permítense os mesmo que no caso do salmón ao que se suma o risco. No que
respecta aos engados naturais, permítense todos agás todo tipo de ovas de
peixes e o peixe natural, nas augas salmoneiras non se permiten os cebos
naturais agás para a pesca do salmón nos seus coutos.
Captura da troita
Para esta especie a tempada comezará o 16 de
marzo e rematará o 31 de xullo. Nos coutos conveniados prolongarase ata o 30 de
setembro na modalidade de pesca sen morte, e nos ríos salmoneiros non empezará
a tempada ata o 1 de maio.
Por norma xeral establécese a posibilidade de
capturar 10 exemplares ao día e por persoa cunha talla mínima de 19
centímetros, e os engados son os mesmos que os da tempada pasada, engadindo a
posibilidade de empregar o asticot nos encoros incluídos no anexo VII da Orde
de Vedas.
Na normativa que publica hoxe o DOG tamén se
aclaran as condicións da captura das seguintes especies: ciprínidos e perca
negra, saboga, cangrexo vermello americano e cangrexo sinal. Con respecto á
anguía a norma establece a vedada para a pesca deportiva e a lamprea autorízase
unicamente nos ríos Tea e Ulla.
Xornadas hábiles
Tal e como se recolle na normativa, con
carácter xeral decláranse os luns como inhábiles para a pesca, agás festivos
nacionais ou autonómicos, e nos coutos de pesca tamén serán inhábiles os xoves.
Os coutos conveniados con sociedades
colaboradoras de pesca poderase pescar os xoves na modalidade de pesca sen
morte.
No hay comentarios:
Publicar un comentario