O CAAN e a Deputación agardan chegar a máis de 2.000 nenos e nenas coa súa
campaña a prol dunha tenza responsable de animais domésticos
·
A campaña dá
lugar a entrañables anécdotas. A máis frecuente, a de nenos e nenas ansiosos
por recuperar o can que un día perderon
·
No mes de
marzo foron 500 os cativos de entre 3 e 12 anos que recibiron a visita dos
veterinarios do CAAN e membros das protectoras Peludos sen Fogar e Adopcións
Galicia
·
O Álvarez
Limeses de Pontevedra, o CEIP San Benito de Lérez e o Varela Buxán de Lalín
foron algúns dos centros que xa se sumaron á campaña
“¿….e tedes a Boby?” Boby pode ser
Boby, pero tamén Lúa, Lassi, Moro, Toby … ou calquera dos numerosos cans e
gatos cos que moitos nenos e nenas se encariñan ao longo e ancho da provincia e
que un día, sen que os pequenos saiban moi ben cómo, desaparecen para non
volver.
Durante este mes de marzo, os veterinarios do Centro de Acollida de Animais
Abandonados (CAAN) que a Deputación de Pontevedra puxo en marcha en Armenteira
están comprobando que moitos cativos quedan coa ansia de saber que foi das súas
mascotas durante longo tempo.
As campañas de concienciación contra o maltrato animal e sobre a tenza
responsable de animais que o centro, coa colaboración de integrantes das protectoras
Peludos sen Fogar e Adopciones
Galicia, está a desenvolver en colexios de educación infantil e primaria da
provincia de Pontevedra dá lugar a anécdotas moi entrañables, nas que os máis
pequenos demostran verdadeiro cariño polos que tantas e tantas veces son
definidos coma o mellor amigo do home.
Frases como “¿.....e tedes a Boby?”, é unha das máis repetidas polos
rapaces participantes nos talleres que se desenvolven no marco desta campaña
impulsada pola Deputación de Pontevedra e que busca concienciar aos máis
pequenos sobre todo o que implica ter unha mascota na casa, as necesidades de
coidalo, de saber tratalo e, tamén, de identificalo. Así, se un día Boby
desaparece, será máis doado atopalo.
Máis de 2.000 participantes
No mes de marzo foron xa máis de 500 nenos e nenas de entre 3 e 12 anos os
que participaron nestas actividades, que xa se desenvolveron nos colexios
Álvarez Limeses e San Benito de Lérez de Pontevedra, e no Varela Buxán de
Lalín.
A eles seguirán outros centros, entre os que se atopa o Xunqueira II, tamén
de Pontevedra, onde se desenvolverán diferentes obradoiros do 1 ao 15 de maio;
ou o CEIP de Armenteira, en Meis.
En total, e tendo en conta que son xa diversos colexios da provincia os que
solicitaron participar nestas actividades, a Deputación agarda poder chegar con
estas actividades a máis de 2.000 cativos e cativas antes de que remate o curso
escolar.
Emotividade e formación
Os monitores das actividades describen a experiencia dun xeito moi
satisfactorio, dada a aceptación e a asimilación de conceptos por parte dos
escolares participantes. Son moitas as
anécdotas que viven durante a impartición de unidades didácticas, que se
realiza de forma lúdica e implicando aos máis pequenos en diferentes
actividades, como pode ser a lectura dun chip ou aprendendo a implantarllo ao
seu boneco.
Os veterinarios do CAAN e os integrantes de Peludos sen Fogar e Adopciones
Galicia que participan nesta campaña destacan a sensibilidade e a capacidade
de compresión dos rapaces.
Estas actividades conforman a segunda parte dunha campaña máis ampla, coa
que tamén se trata de fomentar as adopcións e sensibilizar ao conxunto da
poboación. Con este obxectivo, xa se editaron diversos dípticos, carteis e
folletos informativos que se distribuíron en todos os concellos da provincia
para chamar a atención sobre o abandono animal, animar ás persoas a optar pola
adopción cando queren adquirir un animal e a identificar ás súas mascotas co
correspondente chip, tal e como esixe a lei.
Nesta liña, calquera persoa interesada en adoptar en CAAN poderá visitar o
centro, consultar a páxina web (www.caan.depo.es) ou chamar por teléfono ao 608
975 326, onde será puntualmente informada.
A adopción non supón ningún custe para o interesado, premiando así a
decisión de adoptar fronte á de comprar un animal. Os animais adoptados no CAAN
son entregados aos seus novos propietarios completamente desparasitados,
vacinados e identificados.
No hay comentarios:
Publicar un comentario