Deben darse os tratamentos cando máis do 30% da viña teña xa follas
incipientes
· Os técnicos comprobaron tamén que xa
maduraron as primeiras oosporas do fungo que causa o mildiu, pero advirte que
non é preciso aínda dar ningún tratamento
Os
técnicos da Estación Fitopatolóxica do Areeiro (EFA) dependente da Deputación
de Pontevedra, recomendan estar atento ao agromar das viñas para poder tratalas
contra a excoriose en canto as follas estean en estado incipiente.
Advirten
que a viña debe estar protexida contra este mal (que afecta a todas as partes
verdes da vide) en canto as follas comecen a abrir (follas incipientes), algo
que non tardará moito en acontecer, dado que nestes momentos na maioría das
plantacións a vide xa conta con xemas infladas ou coas puntas verdes e,
incluso, xa se detectan algunhas con follas incipientes ou abertas.
Nestes
casos (cando en máis do 30% das viñas as follas estean en estado incipiente)
será preciso aplicar os correspondentes tratamentos para previr ou evitar a
enfermidade.
Este
tratamento faise especialmente necesario se chove, dado que a humidade favorece
o desenvolvemento da enfermidade.
Os
tratamentos recomendados son os funxicidas e, concretamente, as combinacións de
cimoxanilo ao 4% + folpet ao 25% + fosetil-al ao 50; ou folpet 10% + metalaxil
8% + oxicloruro de cobre 7,5%+ sulfato cuprocalcico 7,5%; ou folpet 35% +
metalaxil 10% + oxicloruro de cobre 25%; ou folpet 50%; mancozeb ao 35%, 75% ou
80%, e metiram 80%.
Comeza o ciclo do mildiu
Así
mesmo, os técnicos de Areeiro confirmaron que as primeiras oosporas do fungo
que provoca o mildiu xa acadaron a súa maduración e, polo tanto, comezou o
ciclo desta enfermidade.
Malia
todo, lembran que non é preciso dar aínda ningún tipo de tratamento, porque non
se dan as condicións meteorolóxicas nin de desenvolvemento da vide necesarias
para que progrese a enfermidade.
Nesta
liña, desde a Estación Fitopatolóxica lembran que os primeiros tratamentos
contra o mildiu daranse cando a planta xa acade certo grao de desenvolvemento e
existan unhas condicións ambientais propicias, sobre o que informarán no seu
momento.
De
feito, nestes días continuarán analizando o estado das oosporas en diferentes
comarcas da provincia, para detallar o estado do ciclo do mildiu en cada unha.
No hay comentarios:
Publicar un comentario