As empresas
interesadas en beneficiarse do plan teñen ata o 7 de abril para presentar a súa
solicitude
· A convocatoria ábrese tamén ás
empresas que, aínda non tendo sede social na provincia, si teñen centro de
traballo
· Conta cun orzamento de 4,2 millóns de
euros
· O 80% dos bolseiros que actualmente
están en empresas amósase satisfeito co contido das prácticas
· O 70% considera que as tarefas que
realiza responden ás súas expectativas
· Valoran especialmente a experiencia
adquirida, a formación e o clima laboral
400 novos
titulados universitarios ou de formación profesional da provincia de Pontevedra
poderán beneficiarse do novo Plan de Práctica Laboral en Empresas que acaba de
convocar a Deputación de Pontevedra. O Boletín Oficial da Provincia publica
hoxe as bases do programa e abre o prazo para que as empresas interesadas en
acollerse ao mesmo poidan presentar as súas solicitudes.
As empresas
disporán de 20 días hábiles (ata o 7 de abril) para solicitar bolseiros e, unha
vez seleccionadas as empresas e definido o perfil dos titulados que demandan,
procederase á convocatoria das bolsas para as que, tal e como sinalou o
presidente da Deputación, existe un orzamento de 4,2 millóns de euros.
A selección
das empresas farase tendo en conta o contido do proxecto de práctica laboral
que presenten e o compromiso de contratación e, posteriormente, procederase á
selección dos bolseiros atendendo ás titulacións demandadas polas empresas.
Requisitos
Neste II Plan
de Práctica Laboral en empresas, non só poderán beneficiarse del as compañías
que teñan a súa sede social na provincia, senón tamén aqueloutras que teñan un
centro de traballo nalgún dos seus 62 concellos.
En todo caso,
deberán cumprir unha serie de requisitos, entre os que figura a obriga de non
extinguir contratos laborais vixentes e non ter realizado despedimentos
improcedente de ningún traballador. Así mesmo, esixiráselles que a súa actividade
teña relación coa titulación que demanda e que estean inscritas no rexistro
público correspondente.
Ademais,
terán que presentar o programa formativo e de prácticas que ofertan para o
bolseiro e, no caso de que requiran coñecementos específicos de idiomas,
deberán facelo constar expresamente na solicitude.
Á hora de
adxudicarlle as bolsas, terán preferencia aquelas empresas que non foran
beneficiarias do plan anterior e, en segundo lugar, as que fosen beneficiarias
do plan e obtivesen unha avaliación positiva por parte da comisión de
seguimento.
Unha vez
adxudicadas as bolsas para estes dous grupos de empresas, adxudicaránselle a
colexios, cámaras, federacións, confrarías e outras entidades similares que non
fosen beneficiarias do anterior plan e ás que, sendo beneficiarias, teñan unha
boa valoración.
No que
respecta aos bolseiros, poderán beneficiarse destas axudas os titulados
universitarios e de formación profesional que finalizasen os estudos despois do
1 de xaneiro de 2005, que non teñan experiencia laboral previa na titulación na
que van realizar as prácticas e que non sexan beneficiarios na actualidade de
ningún dos plans de práctica laboral postos en marcha pola Deputación.
Ademais da
convocatoria por titulacións, poderán establecerse convocatorias específicas
para aquelas bolsas nas que se requira un bo dominio de un ou máis idiomas. Os
que opten a estas bolsas, terán que superar unha proba específica de
coñecemento do idioma en cuestión.
As bolsas
serán de 800 euros mensuais para os titulados universitarios e de 700 euros
para os de ciclos superiores.
Satisfacción
co plan en marcha
O presidente
da Deputación subliñou o alto grao de satisfacción co plan actualmente en
marcha tanto por parte dos empresarios como dos propios bolseiros.
Neste
sentido, incidiu en que son moitas as empresas que lle transmiten o éxito desta
iniciativa, uns datos que coinciden cos resultados da enquisa que a comisión de
seguimento realizou aos bolseiros que actualmente están realizando prácticas en
empresas e da que se deduce que o 80,7% está satisfeito co programa.
Así mesmo, un
70% afirma que as tarefas que a empresa lle encomenda responden as expectativas
que inicialmente tiña, fronte a un 10% que opina que os traballos encomendados
non se adecúan ao seu nivel de estudos e un 7,8% que di que non responde ás
súas expectativas.
En canto ao
ambiente laboral, o 80% declárase plenamente integrado no equipo de traballo da
empresa, un 92,9% asegura que as empresas respectan os seus horarios de
prácticas e o 86,8% valora os medios e instalacións nos que realizan as
tarefas.
Na enquisa
reflíctese que os bolseiros valoran especialmente a experiencia e formación que
están a adquirir neste período en empresas, así como as tarefas que realizan, o
clima laboral e a oportunidade de inserción que se lle ofrece.
No hay comentarios:
Publicar un comentario