Exhibiranse por primeira vez unha gran variedade de pezas relacionadas co
xoguete ferroviario, procedentes da colección Quiroga-Monte
·
A exposición
ofrece unha completa visión da fabricación do tren de xoguete e os seus
accesorios en España desde 1884 ata a década dos 80
·
Inaugurarase
o 11 de abril no segundo andar do Edificio Sarmiento e permanecerá aberta ata o
18 de maio
O Museo de Pontevedra conmemora o 130 aniversario da chegada do tren á
cidade de Pontevedra (o 16 de maio de 1884) cunha espectacular mostra de trens
de xoguete e diferentes accesorios relacionados co mundo ferroviario desde
finais do século XIX ata a década dos 80.
A exposición, que se inaugurará o 11 de abril e que permanecerá aberta ao
público ata o 18 de maio, traerá por primeira vez a Pontevedra pezas mestras do
xoguete ferroviario español, procedentes dunhas das máis prestixiosas e
completas coleccións de xoguetes de España, como é a Quiroga-Monte.
Agárdase que a mostra, titulada Historia
do tren de xoguete español e que estará aberta ao público no segundo andar
do edificio Sarmiento, bata récords de visitantes, tanto polo atractivo do
tema, que esperta a curiosidade tanto de nenos como de maiores, como pola
relevancia da Colección Quiroga-Monte que, segundo os expertos, fai que cada
unha das mostras que realiza sexan en si mesmas as máis relevantes e completas
exhibicións de xoguete antigo que se poden contemplar en España.
PEZAS MESTRAS
A visita á mostra permitirá descubrir a través dos xoguetes, os diferentes
materiais empregados nas manufacturas, desde a folla de lata ata o plástico;
así como os procedementos técnicos utilizados pola industria xogueteira, e a
gran cantidade de modelos e deseños existentes ao longo do tempo.
Así, reuniranse no Museo de Pontevedra pezas mestras da evolución do tren
de xoguete e diferentes accesorios, como gardaagullas, indicadores de
dirección, despachos de billetes, estacións e múltiples modelos de
ferrocarrías.
Completarase a mostra con paneis ilustrados con fotografías e reproducións
da prensa de 1884 que permitirán ao visitante achegarse de unha forma divertida
e entretida á chegada do primeiro tren a Pontevedra que foi, concretamente,
unha viaxe de proba entre Redondela e a cidade do Lérez, o 16 de maio de 1884.
Sería este o paso previo á viaxe de inauguración, o 30 de xuño do mesmo ano.
Precisamente, a peza máis antiga da exposición data de 1884 e xunto a ela
poderán contemplarse unha gran variedade de elementos, desde os primeiros trens
de impulso manual ata os trens eléctricos, xunto con trens de madeira, os trens
con resorte de corda e unha amplísima gama, desde os máis modestos ata os máis
elaborados e custosos.
Colección Quiroga-Monte
A colección da que proceden as pezas que se exhibirán no Museo de
Pontevedra está composta a día de hoxe por máis de 1.500 xoguetes que abarcan
un abano temporal de 125 anos (desde 1860 a 1985). Trátase dunha das mellores e
máis completas coleccións privadas españolas de xoguetes e elementos do mundo
infantil, na que se inclúen trens e accesorios, pero tamén coches, bonecas,
soldadiños, proxectores, xogos de mesa, álbums, contos recortables, teatriños…
Son innumerables os concellos, comunidades autónomas e entidades públicas e
privadas que acolleron diferentes mostras tanto monográficas como xenéricas de
pezas desta colección e sempre cun extraordinario éxito de público.
Así, a mostra organizada na Praza
de Colón en Madrid e inaugurada polo daquela alcalde Alberto Ruiz Gallardón,
recibiu máis de 100.000 visitas en 10 días, e foron máis de 70.000 os que a
visitaron no edificio Botines de León.
No hay comentarios:
Publicar un comentario