A DEPUTACIÓN RENOVA O CONVENIO CON TRAGSA PARA A XESTIÓN DO SERVIZO PROVINCIAL DE ACOLLIDA DE ANIMAIS ABANDONADOS - Voz de Barro. Noticias

Breaking

El tiempo en Barro

El tiempo - Tutiempo.net

sábado, 8 de marzo de 2014

A DEPUTACIÓN RENOVA O CONVENIO CON TRAGSA PARA A XESTIÓN DO SERVIZO PROVINCIAL DE ACOLLIDA DE ANIMAIS ABANDONADOS



O CAAN leva aos nenos de infantil e primaria a súa campaña de concienciación contra o abandono e maltrato animal

·       O centro realizou unha media de 6 intervencións diarias e atende a uns 500 cans nas súas instalacións de Armenteira
·       Desde a súa posta en marcha, o centro logrou a adopción de 270 cans, 160 deles desde o inicio das campañas de sensibilización, no pasado mes de novembro
A Deputación de Pontevedra aprobou, na súa Xunta de Goberno desta mañá, a sinatura dun novo convenio para que a empresa Tragsa siga xestionando o centro de acollida de animais abandonados de Armenteira.
O presidente da Deputación, Rafael Louzán, subliñou que se trata dun servizo que está dando “moi bos resultados”, especialmente no que se refire “ao labor de concienciación social e de garantía de que os animais estean ben atendidos”.
De feito, esta mesma semana deu inicio a segunda fase da campaña de concienciación que a Deputación está a levar a cabo para promover as adopcións e sensibilizar á poboación no respecto aos animais e en contra do abandono e o maltrato.
Esta segunda fase pon a súa atención nos máis pequenos e consiste en achegar aos nenos e nenas de entre 3 e 12 anos unidades didácticas que fomenten neles actitudes responsables e os animen a exercer de mestres de boas prácticas no seu contorno.
As primeiras actividades -nas que participan veterinarios do CAAN e membros das Protectoras de animais Adopcións Galicia, de Pontevedra,  e Peludos sen Fogar de Lalín- estanse a desenvolver no colexio Álvarez Limeses de Pontevedra e nos vindeiros meses estenderanse aos colexios San Benito de Lérez e Xunqueira II de Pontevedra, CEIP de Armenteira en Meis e o CEIP Varela Buxan de Lalín, para continuar ampliando a campaña a toda a provincia.
Solución aos problemas
Louzán valorou este labor de concienciación e tamén a relevancia que a posta en marcha do servizo tivo para os concellos, xa que veu a dar solución a un problema moi serio que debían afrontar e que lle supoñía un elevadísimo custe. De feito, en moitos casos triplicaba o prezo que agora pagan co servizo provincial.
Neste sentido, o deputado provincial e alcalde de A Estrada, José Carlos López Campos, afirmou que o servizo provincial lle permitiu pasar dos 16.000 euros que pagaba por acordos con empresas privadas aos 5.000 que paga na actualidade.
O mesmo sucede con concellos como A Guarda ou Tomiño, que antes de entrar en funcionamento o servizo provincial pagaban 12.000 e 16.000 euros/ano por este servizo, e co novo convenio pagarán 4.100 e 5.400 euros respectivamente, o que lle supón un aforro superior ao 60% e a tranquilidade de ter atención as 24 horas do día os 365 días do ano.
López Campos referiu que o problema dos cans abandonados é unha realidade que afecta moito aos concellos, como o demostra o feito de que no seu municipio “co da tempada de caza ou na primavera e no verán chegamos a ter 7 ou 8 chamadas diarias advertindo de cans soltos, que poden ser perigosos e que ninguén se fai responsable deles” e que se converte “nunha situación imposible de soster, porque non eramos capaces de facer nin o servizo de recollida, non tiñamos lacería e tiñamos o problema de que faciamos co propio animal”, polo que aplaudiu a iniciativa posta en marcha pola Deputación co que “todos eses problemas quedaron resoltos”.
Acordo plurianual
O acordo aprobado hoxe pola Xunta de Goberno asinarase para o período 2014 a 2017, por un prezo anual de 366.000 euros, aínda que no presente ano, ao non ser o ano completo, o custe será de 286.000 euros.
O custe do servizo pagarase entre concellos e Deputación, de forma que os 48 municipios adheridos destinarán ao servizo un total de 150.000  euros distribuídos en función da poboación e a Administración provincial achegará os 216.000 euros restantes.
6 intervencións diarias e 40 adopcións ao mes
O Centro de Acollida de Animais de Armenteira leva realizadas nos seus once meses de funcionamento un total de 2.000 intervencións para atender avisos de animais abandonados, o que significa máis de 6 actuacións diarias.
Ademais, atende diariamente a uns 500 animais nas súas instalacións, garantindo a súa saúde e benestar e traballando para atoparlle novas familias nas que integrarse.
A promoción das adopcións é un dos piares da actuación do centro que xa logrou a adopción de 270 animais, dos cales 160 foron adoptados nos últimos 4 meses. Isto supón que, desde a posta en marcha das campañas de sensibilización, a media de adopcións no CAAN é de 40 mensuais.
O obxectivo é seguir mellorando estas cifras e, sobre todo, previndo condutas irresponsables que rematen no abandono dos animais.
De aí as campañas que agora se están a realizar nos colexios, con unidades didácticas adaptadas aos diferentes grupos de idade (de 3 a 6 anos; de 6 a 8 anos; de 8 a 10 anos e de 10 a 12 anos) e coas que se busca implicar aos máis cativos, de forma lúdica e entretida, na tenza responsable de animais.

No hay comentarios:

Publicar un comentario