Tras manterse na alcaldía dende 1983 -cunha paréntese de sete anos nos que foi alcaldesa a súa muller ao estar el inhabilitado- José Antonio Landín Eirín deixará de ser alcalde de Barro. O Partido Popular perdeu a maioría absoluta ao obter un respaldo do 45,24% (993 votos). Con este resultado, os populares quedan con cinco concelleiros dos once que hai na corporación.
En total, o PP cae máis de dez puntos con respecto ás últimas eleccións municipais e perde un concelleiro, o sexto, xusto o que os priva de revalidar a maioría absoluta. Concretamente, quedou a 33 votos de manter a Alcaldía.
Todo apunta a que o novo alcalde do municipio será o nacionalista Xosé Manuel Abraldes. El deu ao BNG a súa primeira alegría da noite na comarca ao coñecerse os resultados definitivos. Obtivo 684 votos, un 31,16% do total, o que lle garante catro concelleiros na próxima corporación municipal.
Este resultado supón sete puntos máis que en 2011 (102 votos máis), o que lle permite subir de 3 a 4 concelleiros.
Para ostentar o bastón de mando, o candidato do BNG terá que pactar co PSdeG-PSOE de José Sanmartín, que tamén mellorou os seus resultados con respecto ás últimas eleccións. Alcanzou os 491 votos, un 22,37% de apoios por parte dos veciños de Barro. Son 79 votos e case cinco puntos máis que hai catro anos.
Serán dous os concelleiros socialistas que se senten na nova corporación.
A participación nestas eleccións foi do 70,89%, case cinco puntos menos que hai catro anos.
http://pontevedraviva.com/xeral/20314/eleccions-24m-pp-perde-maioria-absoluta-barro-abre-porta-alcaldia-bng/
No hay comentarios:
Publicar un comentario