Xuventude oferta este verán máis de 720 prazas para actividades de ocio alternativo dirixidas a mozos e mozas de entre 18 e 35 anos - Voz de Barro. Noticias

Breaking

El tiempo en Barro

El tiempo - Tutiempo.net

domingo, 17 de julio de 2011

Xuventude oferta este verán máis de 720 prazas para actividades de ocio alternativo dirixidas a mozos e mozas de entre 18 e 35 anos

A Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado, dependente da Consellería de Traballo e Benestar, oferta este verán un total de 723 prazas para actividades de ocio alternativo dirixidas a mozos e mozas de entre 18 e 35 anos. O prazo de inscrición para participar nos diferentes programas que se desenvolverán remata 24 horas antes de que comece a actividade, polo que os interesados aínda teñen a oportunidade de inscribirse nalgunhas das iniciativas na páxina web http://xuventude.net. A inscrición farase nos teléfonos indicados para cada programa.

En concreto, aínda non se cubriron a totalidade das prazas nas actividades de aventura e deporte que se realizará no albergue de Corgo, na localidade de Muíños, en diferentes quendas ao longo do mes de agosto; nas rutas de kaiak que terán lugar na enseada de San Simón do 2 ao 6 de agosto; no programa Vento a favor que se desenvolverá a bordo da goleta Raquel C do Grove nas últimas dúas fins de semana de agosto e na primeira de setembro; e, por último, quedan aínda prazas libres para pasar unha fin de semana nas Illas Cíes entre o 23 de xullo e o 4 de setembro. Os prezos de todas as actividades que se ofertan oscilan entre os 35 e 120 euros.

Esta iniciativa forma parte da campaña ‘Acción de Verán 11’ que a Dirección Xeral de Xuventude puxo en marcha o pasado día 1 de xullo. Ao longo de todo o verán participarán nos diferentes programas que se ofertan un total de 9.300 mozos e mozas.

Con esta oferta total, a Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado incrementa nesta edición as prazas da Campaña de verán nun 4,5 por cento máis que en 2010. Para poñer en marcha esta iniciativa, a Xunta destina a estas actividades un orzamento de máis de 3,2 millóns de euros, o que tamén permitirá a contratación de máis dun millar de mozos e mozas como monitores de tempo libre.

A campaña, ademais de prazas en actividades para mozos e mozas maiores de 18 anos, oferta prazas en campamentos doutras comunidades autónomas; en campamentos para menores de 18 anos; e prazas para campos de traballo. Ademais, resérvanse prazas para descendentes de galegos e galegas residentes no exterior e para persoas discapacitadas, menores tutelados pola Xunta e fillos e fillas de vítimas da violencia de xénero para que tamén poidan participar nestas actividades.

O principal obxectivo da campaña é favorecer a participación da mocidade en múltiples actividades que teñen un compoñente de educación non formal no ámbito do ocio e o tempo libre.
Para obter máis información, os interesados poden consultar a páxina web http://xuventude.xunta.es.


No hay comentarios:

Publicar un comentario