A Xunta de Goberno aprobou tamén o novo Plan de Emprego para a contratación
de 720 operarios con destino aos concellos da provincia
· O Plan está dotado cun orzamento de 4
millóns de euros
· As empresas que desexen adherirse a
este programa terán 20 días hábiles desde a publicación no BOP para presentar a
solicitude
· Primarase a aquelas que garantan que
presenten un itinerario de inserción que poida garantir a continuidade do
bolseiro na empresa
· Con estas dúas novas iniciativas, a
Deputación contratará en 2013 a preto de 3.000 persoas, cun investimento de 3
millóns de euros
A Deputación Provincial de Pontevedra vén de aprobar o II Plan de Práctica
Laboral que concederá bolsas a 400 titulados universitarios e de ciclos
superiores de FP para que poidan realizar prácticas en empresas privadas.
Os beneficiarios deste Plan serán titulados sen experiencia laboral previa
e menores de 35 anos, aos que se lle vai ofrecer a oportunidade de desenvolver
labores relacionadas coa profesión na que se formaron en diversas empresas da
provincia.
Así o anunciou esta mañá o presidente da Deputación Provincial, Rafael
Louzán, na rolda de prensa posterior a Xunta de Goberno, onde salientou que é
unha medida coa que a Administración Provincial quere contribuír, como xa vén
facendo á redución do desemprego, principal preocupación cidadá nestes
momentos.
Nesta liña, tras valorar os datos do paro rexistrado coñecidos hoxe,
incidiu na necesaria colaboración entre sector público e privado para que “o
cambio de tendencia” que xa se percibe se consolide e comece a xerarse emprego
e riqueza.
Louzán salientou o éxito do primeiro Plan de Práctica Laboral, dando fe da
satisfacción tanto de bolseiros como de concellos, e asegurou que isto animou á
Administración provincial a poñer en marcha esta nova fase, na que serán as
empresas privadas as que reciban aos bolseiros.
Procedemento
A materialización deste Plan farase en dúas fases, na primeira delas
abrirase un prazo para que as empresas interesadas, que terán que ter a súa
sede social na provincia de Pontevedra, se sumen ao proxecto.
Este prazo será de 20 días hábiles contados a partir da publicación no
Boletín Oficial da Provincia (a vindeira semana). Poderán presentarse empresas
de calquera natureza xurídica e de calquera sector, sempre e cando cumpran cuns
requisitos como son os de non ter contrato de servizos coa Deputación, que a
súa actividade estea relacionada co perfil das titulacións demandadas ou non
ter realizado despedidos improcedentes, entre outros.
Á hora de seleccionalas, puntuarase cun máximo de cinco puntos o proxecto
de práctica laboral e con ata 4 puntos o deseño de itinerarios alternativos de
inserción, que dean opción ao bolseiro a ter continuidade na empresa.
A cooperación entre a Deputación Provincial e as empresas da provincia que
resulten beneficiarias materializarase a través dun convenio no que se
establezan os dereitos, obrigas e compromisos de cada unha das partes.
Determinación do perfil
Esta primeira
fase permitiralle á Deputación determinar a demanda de bolseiros existente
para, en base a ela, abrir a fase de selección de titulados.
Unha vez
decididas as titulacións e prazas que se convocan, farase a convocatoria pública e procederase á selección e
contratación dos traballadores.
720 operarios
A maiores, a Xunta de Goberno aprobou tamén a
contratación de 720 novos traballadores para os concellos da provincia, no
marco do Plan de Emprego que xa ten nestes momentos a outros 720 empregados
prestando servizos de interese colectivo nos municipios.
Neste caso, trátase de prazas orientadas a desempregados
sen prestación e non de titulados. Os novos contratados substituirán aos
contratados na primeira fase deste plan, e que rematan os seus contratos en
torno a finais de setembro.
Con estas dúas novas iniciativas, son preto de 3.000 as
persoas que a Deputación provincial de Pontevedra contratará ao longo de 2013,
cun investimento de preto de 20 millóns de euros.
Tirar
Louzán situou estas medidas na necesidade de camiñar xuntos para poñer freo
ao desemprego e valorou os datos coñecidos hoxe e que sitúan a Pontevedra como
a provincia galega na que máis descendeu o paro, con 4,37%.
“Levamos catro meses consecutivos de baixada do paro nesta provincia, cinco
no conxunto de España”, asegurou, para afirmar que isto “evidencia un cambio de tendencia que nos ten que dar idea de que
estamos no camiño correcto”
A xuízo de Louzán “mentres o nivel de paro sexa tan elevado, non hai lugar
para o triunfalismo, pero si para ser positivos”, polo que reiterou o
compromiso da Administración de seguir mantendo como prioritaria a loita contra
o desemprego.
No hay comentarios:
Publicar un comentario