Pedaladas para o recordo: Homenaxe por "Angrois" - Voz de Barro. Noticias

Breaking

El tiempo en Barro

miércoles, 7 de agosto de 2013

Pedaladas para o recordo: Homenaxe por "Angrois"



Baixo o título Pedaladas para o recordo, organizarase unha marcha ciclista para profesionais e outra máis curta para familias e nenos
DEPUTACIÓN E UNIPUBLIC HOMENAXEAN ÁS VÍTIMAS E AOS VOLUNTARIOS DE ANGROIS CUNHA ETAPA DA VOLTA ESPECIAL QUE SE AGARDA MULTITUDINARIA
·       A inscrición na marcha, que custaba 20 euros, pasa a ser de balde
·       Ao remate das dúas marchas, os participantes terán a oportunidade de ver a zona de saída da Volta dende unha batea, e disfrutarán dunha comida gratuíta.
·       Partirá do porto de Vilanova e rematará en Monte Lobeira
A Deputación de Pontevedra e Unipublic decidiron que a Volta a España se converta tamén nunha sentida e multitudinaria homenaxe ás vítimas do sinistro de Angrois e a todos cantos “o deron todo por axudar” nun día que Galicia demostrou o seu carácter solidario e esforzado. Así o anunciou esta mañá en rolda de prensa a deputada provincial Begoña Estévez, que estivo acompañada polos alcaldes de Vilagarcía, Tomás Fole, e de Vilanova, Gonzalo Durán; por Serafín Martínez, en representación de Unipublic e de Ricardo Terceiro, xerente da Federación Galega de Ciclismo.
Baixo o lema Pedaladas para o recordo, reorganizarase e cambiarase a filosofía da Etapa da Volta que estaba pensada como unha marcha cicloturista para profesionais e semiprofesionais, cun custe da inscrición de 20 euros, e que agora pasa a ser unha marcha de homenaxe, de carácter gratuíto, e na que os participantes lucirán camisetas en lembranza dos afectados polo accidente ferroviario de Santiago, co antedito lema Pedaladas para o recordo.
Así mesmo, e co obxectivo de que se poidan sumar a esta homenaxe o maior número de persoas posible, ademais da marcha prevista inicialmente -de 130 quilómetros de lonxitude con saída no Porto de Vilanova de Arousa e chegada ao Monte Lobeira- organizarase outra cun percorrido máis curto e sinxelo orientado a familias con nenos e a ciclistas afeccionados. Esta contará cun percorrido de 7 quilómetros, moi sinxelo, e que sairá tamén do Porto de Vilanova aínda que unhas horas máis tarde (en torno ás 12,00 horas).  Ao rematar ambas marchas, os participantes terán a oportunidade de ver in situ a zona de saída inédita da Volta España dende unha batea, e posteriormente se lles ofrecerá a todos una comida tamén de balde.
O obxectivo deste inicio máis tardío é que os participantes nas dúas marchas poidan estar de novo no Porto de Vilanova á mesma hora, para participar no acto de convivencia co que rematará a marcha.
Agárdase que nos próximos días se incremente notablemente o número de inscritos, xa que ata o de agora son xa 700 as persoas anotadas (ás que se lle reintegrará a cota que xa pagaron) e ao eliminarse a cota de inscrición agárdase superar amplamente a cifra inicialmente prevista, que era de 1.200 persoas.
Así mesmo, o feito de contar cunha marcha curta, que pode realizar calquera persoa, tamén permitirá aumentar moito a participación.
Tal e como salientou a deputada provincial Begoña Estévez, tanto Deputación como Unipublic buscan con este acto “que sexa un día no que todos participemos, no que esteamos coas vítimas, pero tamén con todos aqueles que o deron todo por axudar”.
Un mes desde o sinistro
Pola súa banda, o alcalde de Vilanova, Gonzalo Durán, lembrou a conveniencia deste acto, máxime se se ten en conta que o día 24, o mesmo da saída da Volta Ciclista deste este concello “fará xusto un mes daquela noite na que todos chamabamos aos amigos para preguntar ¿onde estás?, por se estaban no tren”.
Por iso, asegurou, se “o 24 é un acontecemento internacional”, o “23 debe ser o día de todos os galegos”, no que Galicia enteira se sinta homenaxeada, xunto coas vítimas, porque no accidente de Angrois, segundo asegurou Durán e Begoña Estévez, os galegos demostraron o seu carácter e a súa solidariedade.
Incremento de licenzas
Pola súa banda, Ricardo Terceiro incidiu no gran impacto que ten a Volta Ciclista que non só se mide en retorno económico, senón tamén deportivo. Neste sentido, subliñou que no último ano se incrementou en mil o número de licenzas federativas, o que dá mostra do efecto de promoción do ciclismo que está a provocar a Volta.
Un retorno que Tomás Fole, alcalde de Vilagarcía,  tamén destacou, incidindo especialmente no efecto que está a ter a nivel de promoción dos concellos polos que pasa.

No hay comentarios:

Publicar un comentario