Nestes momentos ten
acollidos 270 cans adultos e deu en adopción 70 animais
· Os
concellos nos que máis animais se recolleron foron O Grove e A Cañiza
· A
concienciación contra os abandonos e a promoción das adopcións son dous eixes
fundamentais do traballo do centro
· O CAAN
colabora con diversas protectoras da provincia, como Peludos sen Fogar de
Lalín, ou Adopcións Galicia
Con máis de 600 intervencións nos primeiros catro
meses de funcionamento, o Centro de Acollida de Animais Abandonados (CAAN) da
Deputación de Pontevedra ten demostrado que se trata dun servizo cunha alta
demanda e que vén a dar resposta a un problema real que moitos concellos da
provincia non podían asumir por falta de medios técnicos e de recursos
económicos.
O presidente da Deputación, Rafael Louzán, visitou
esta mañá as instalacións do centro, nos que nestes momentos hai acollidos 270
cans adultos e preto dun cento de cachorros de menos de 2 meses. Son datos que,
a xuízo do titular da Administración provincial, demostran “o éxito dun servizo
que foi posto en marcha para axudar aos concellos da provincia” e ao que xa
están adheridos 48 municipios.
Louzán salientou que se trata dun centro que “está
funcionando a pleno rendemento e cun éxito rotundo”.
Os concellos onde máis animais se recolleron foron
O Grove (con 29 animais) e A Cañiza (con 23). No extremo contrario situáronse Dozón
e Mondariz-Balneario, onde non foi preciso recoller ningún animal. Por
comarcas, foi a de O Salnés a que demandou un maior número de intervencións,
con 170.
Louzán incidiu en que, ao contrario do que desde
algúns colectivos se tratou de facer crer, trátase dun servizo viable, que
funciona e, o máis importante, que era moi necesario.
A Administración provincial investiu 120.000 euros
en traballos orientados a mellorar o funcionamento do centro para que se
consolide como un centro de acollida de referencia en toda a provincia.
O obxectivo é conseguir que estas instalacións dean
a mellor das respostas aos concellos que xa están adheridos e a todos os que se
poidan adherir nun futuro.
70
adopcións
Nestes 4 primeiros meses de funcionamento, o CAAN
logrou 70 adopcións e as perspectivas son que se incremente notablemente o
ritmo de adopcións coa próxima posta en marcha da web do centro, onde se
incidirá na promoción das adopcións e desde a que se poderán axilizar os
trámites para adoptar.
A concienciación contra os abandonos e a promoción
das adopcións son dous eixes fundamentais do traballo do CAAN, que na
actualidade colabora xa con diversas protectoras da provincia na recollida,
recuperación e adopción de animais, como é Peludos
sen Fogar de Lalín ou Adopcións
Galicia.
As adopcións son totalmente gratuítas para as
persoas que deciden acoller algún destes animais abandonados e, ademais,
recíbenos vacinados, desparasitados e co obrigatorio microchip.
O
90%, sen microchip
O número de animais recollidos polo servizo de
lacería é moito menor que o das intervencións feitas, dado que cando se trata
de animais con microchip e perfectamente identificados, dáse aviso aos
propietarios para que poidan recollelo xa no mesmo lugar da captura.
Deste xeito, buscase premiar a aqueles propietarios
que teñen o seu animal correctamente identificado e rexistrado, de forma que
poden recuperar o animal facilmente e sen custe cando este se extravía. Así,
preto de 150 puideron ser recuperados polos seus propietarios no centro de
acollida.
Malia todo, o CAAN ten detectado un alto índice de
animais sen identificar, xa que o 90% dos cans recollidos carecían do
correspondente microchip.
A maiores, un 10% presentaban lesións ou
enfermidades graves no momento da súa entrada no centro, derivadas de
actuacións neglixentes, maltrato ou accidentes de trafico. En todos os casos,
os animais son tratados polos veterinarios do centro para a súa recuperación.
Aforro
dun 70%
A posta en marcha deste servizo supúxolle aos
concellos da provincia á posibilidade de prestar de forma eficiente e económica
un servizo que lles estaba a resultar moi gravoso para as arcas municipais ou
que, directamente, eran incapaces de prestar por carecer de recursos, malia ser
de competencia municipal.
Así, o aforro que a posta en marcha do servizo
provincial de recollida de animais lles supuxo a algúns concellos supera
nalgúns casos o 70%, con respecto ao que estaban a pagar ata o de agora.
Nesta liña, a xestión do servizo supón un custo
anual de 250.000 euros, dos cales uns 130.000 euros os financia a Deputación e
o restante o abonan os concellos a razón de 30 céntimos por habitante e ano.
No hay comentarios:
Publicar un comentario