Rafael Louzán presentou en rolda de prensa un plan
que cualificou como “de rescate inversor” para os concellos
· Permitirá
a creación e mantemento duns 1.000 postos de traballo directos e agárdase sacar
a concurso uns 300 proxectos
· Os
proxectos que se presenten terán que ser, obrigatoriamente, para
infraestruturas básicas e prioritarias
· Co
obxectivo de axudarlles a manter o equilibrio financieiro, os concellos poderán
destinar ata un 30% da cantidade que lle corresponda a amortización ou
pagamento de débedas e a gasto corrente
Os concellos da provincia disporán de 15 millóns de
euros para investimentos, ao abeiro do novo plan posto en marcha pola
Deputación Provincial e ao que poderán acollerse os municipios de entre 1.000 e
50.000 habitantes.
Así o anunciou esta mañá o presidente da
Deputación, Rafael Louzán, nunha rolda de prensa na que salientou que se trata
dunha medida coa que se pretende seguir dando apoio aos concellos e
facilitándolles a execución de proxectos e a prestación de servizos
prioritarios que sen a axuda da Deputación non poderían realizar.
É, en palabras de Louzán, “un plan de rescate
inversor para os concellos”, dado que se busca que as entidade locais poidan
seguir creando e mellorando infraestruturas prioritarias para os que neste
momento non dispoñen da suficiente dispoñibilidade económica.
Criterios
de selección
A cada un dos 59 concellos beneficiarios deste plan
concederáselle unha achega mínima de 100.000 euros e, o resto do orzamento,
distribuirase en función de criterios de poboacion e territorio.
Os concellos poderán presentar a este plan
proxectos de importe igual ou superior a 20.000 euros e sempre que estean
relacionados cos servicios obrigatorios que deben prestar as entidades locais e
en ningún caso se financiarán obras ou servizos que non resulten básicos.
Malia todo, no caso de que algún concello presente
un proxecto de actuación que non resulta prioritaria ou non responde a servizos
básicos, non perderá o investimento senón que terá a ocasión de presentar
proxectos alternativos que si cumpran cos requisitos.
Neste sentido, Louzán incidiu en que o obxectivo é
que nestes momentos de dificultade “se busca garantir que se atenden os
servizos e infraestruturas necesarias”, e as secundarias se deixan para mellor
momento. Malia todo, Louzán incidiu en que a experiencia demostra que os
concellos están tendo unha actitude moi responsable e acuden a estes plans con
propostas que si resultan prioritarias.
Equilibrio
financeiro
Tal e como indicou o titular da Administración
Provincial, un ano máis permitirase que os concellos destinen ata un 30% da
cantidade concedida a amortización de débeda, pagamento a acredores ou gastos
correntes (luz, auga, electricidade, recollida de residuos), co obxectivo de
axudarlles a manter o equilibrio financeiro.
Non obstante, amosouse confiado en que non
sexan moitos os que acudan a esta vía, dado que xa se puxo en marcha no
anterior plan e, a maiores, existen dous programas do Goberno central que tamén
se activaron para o pagamento de débedas e a provedores.
Cubrir
necesidades
Con este novo plan, a Deputación pretende completar
a cobertura das necesidades e demandas dos concellos. Así, lembrou que nestes
momentos hai 780 traballadores distribuídos entre os concellos da provincia que
están desenvolvendo labores fundamentais e que, unha vez que estes rematen o
seu contrato, entrarán a traballar outros tanto tamén contratados pola
Administración autonómica, de forma que “entre estes traballadores e o novo
plan de investimentos” os concellos poidan dar resposta ás necesidades dos
veciños e veciñas dos seus municipios.
A maiores, Louzán destacou que se agarda que estes
15 millóns de euros permitan a creación e mantemento de 1.000
postos de traballo, así como dar carga de traballo a empresas dun dos
sectores máis castigados pola crise, como é o da construción, dado que se
agarda que saian a concurso uns 300 proxectos.
No hay comentarios:
Publicar un comentario