Esta semana daranse a coñecer os prazos para a presentación de
candidatos e o perfil dos mesmos
· Contrataranse a 450 mozos e mozas
titulados superiores con destino nunhas 400 empresas da provincia
· As bolsas serán de 6 meses
prorrogables por un ano e cubrirán o custe salarial íntegro dos titulados
· Louzán incidiu en que cos dous plans
de práctica laboral da Deputación se consegue que máis de 1.000 mozos e mozas
“non se teñan que ir fóra a traballar”
Rafael Louzán asegurou que os 450 mozos e mozas titulados
superiores aos que a Deputación de Pontevedra lles concederá bolsas de práctica
laboral en empresas privadas estarán traballando o 2 de xaneiro de 2014.
Así o afirmou na rolda de prensa posterior á Xunta de Goberno, onde indicou
que esta semana se darán a coñecer os prazos que os interesados terán
para presentar as súas solicitudes, así como as titulacións requiridas. Os
beneficiarios serán mozos e mozas titulados superiores menores de 35 anos e sen
experiencia laboral previa.
Para definir o perfil dos bolseiros, primeiro convocouse ás empresas que
desexan participar no programa, sendo un total de 479 ás que presentaron
solicitude, aínda que unha vez analizada a súa solicitude o número de
beneficiarias quedará en 400 (a selección fíxose tendo en conta cuestións como
que se ofertase un itinerario formativo para o bolseiro, que o traballo que se
lle vai encomendar ao bolseiro se adecúe á súa titulación…).
Rafael Louzán subliñou que se trata dun plan “totalmente novidoso” na
provincia e que vai permitir, xunto co que xa está en marcha de práctica
laboral en administracións locais, que máis de 1.000 mozos e mozas poidan realizar
o seu traballo en Galicia e “non teñan que marcharse fóra a traballar”.
Neste sentido, indicou que as bolsas –que cubrirán o custe salarial íntegro
- estarán abertas a 113 titulacións e que cada unha das empresas disporá de
entre 1 e 3 bolseiros. As bolsas terán unha duración de seis meses,
prorrogables por outros seis, co obxectivo de que estes mozos e mozas estean
traballando e formándose un ano e coa perspectiva de poder continuar na
empresa, tal e como salientou Louzán.
Entre as titulacións máis demandadas están Administración e Dirección de
Empresas, Administración e Finanzas, Xestión Comercial e Marketing, Relacións
Laborais, Ciencias Económicas, Sistemas Informáticos, Psicoloxía, Empresariais
ou Dereito.
No hay comentarios:
Publicar un comentario