A DEPUTACIÓN E O CAAN POÑEN EN MARCHA UNHA CAMPAÑA DE SENSIBILIZACIÓN CONTRA O ABANDONO ANIMAL - Voz de Barro. Noticias

Breaking

El tiempo en Barro

El tiempo - Tutiempo.net

martes, 29 de octubre de 2013

A DEPUTACIÓN E O CAAN POÑEN EN MARCHA UNHA CAMPAÑA DE SENSIBILIZACIÓN CONTRA O ABANDONO ANIMAL


O presidente da Deputación anunciou a ampliación do centro en 2014, para o que a Administración provincial destinará 150.000 euros

·       Os cans abandonados na provincia de Pontevedra provocaron 193 accidentes, cun balance de 3 feridos graves e 34 leves
·       Louzán destacou o labor do centro de acollida de animais, que realizou máis de 1.200 intervencións nos 48 concellos adheridos
·       Distribuiranse carteis e trípticos informativos en centros escolares, universidades, colexios de veterinarios…de todos os concellos da provincia
A Deputación de Pontevedra pon en marcha unha campaña de sensibilización e concienciación social contra o abandono de animais, a través do seu servizo provincial de acollida de animais (CAAN). O obxectivo é atallar o problema dos abandonos desde a base “promovendo actitudes de respecto e concienciando á poboación contra este tipo de maltrato”.
Así o asegurou o presidente da Deputación, Rafael Louzán, na rolda de prensa de presentación da campaña, na que tamén participaron o responsable veterinario do CAAN, Santiago Díaz, o xefe do servizo na Deputación, Gabriel Rodríguez, e a deputada Begoña Estévez.  
15.000 exemplares
A campaña componse de dous tipos diferentes de cartel  e  un tríptico informativo, cunha tirada de máis de 15.000 exemplares, que se distribuirán en todos os concellos da provincia, centros escolares, universidades e colexios de veterinarios.
Baixo o lema Tres cans abandonados por cada 1.000 persoas, ¿Es unha delas?, o primeiro dos carteis busca facer participe á sociedade do problema do abandono -que sofren 6.000 cans cada ano en Galicia- amosando aos cidadáns como corresponsables do problema, tanto na presentación do mesmo –é o home o que abandona- como na súa solución.
Neste sentido, o segundo cartel, Busco dono, presenta a imaxe de cans que están no centro en busca de novo propietario e trata de transmitir á poboación a necesidade de optar pola adopción como alternativa prioritaria de cara a adquisición dun animal.
En canto ao tríptico informativo, ademais do contido dos dous carteis, recolle consellos e recomendacións para a tenza responsable de cans.
Así, utilizando as iniciais da palabra IDEAS, incide na necesidade de identificar e rexistrar aos animais, tal e como recolle a lei, porque, segundo indicou o veterinario do centro, Santiago Díaz “este é o mellor antídoto contra o abandono” e permite localizar aos propietarios en minutos; denunciar os abandonos; esterilizar os animais adultos para evitar camadas indesexadas e posibles fugas e extravíos en período de celo; adoptar, como acto solidario e responsable orientado; e sementar a conduta responsable entre os máis pequenos, porque, en palabras do presidente da Deputación, “un neno concienciado será un adulto responsable, pero tamén porque os pequenos son verdadeiros mestres de boas prácticas nas súas familias e no seu contorno máis cercano”.
Neste sentido, Rafael Louzán anunciou unha segunda fase da campaña, que se dirixirá a todos os centros de primaria da provincial, nos que se distribuirán unidades didácticas.
Máis de 1.200 intervencións
Na rolda de prensa de presentación da campaña, o presidente da Deputación anunciou a ampliación do centro, para o que se incluirá nos orzamentos de 2014 unha partida de uns 150.000 euros.
Louzán subliñou que se trata “dun servizo de interese social” que está a funcionar moi ben, como o demostra o feito de que nos 7 primeiros meses de funcionamento se teñen realizado xa máis de 1.200 intervencións, sendo as comarcas de O Salnés e Vigo as que maior número de actuacións requiriron, con 305 e 253, respectivamente.
Dos animais recollidos, máis dun cento foron adoptados, mentres que 143 puideron ser entregados aos seus donos. Algo máis de 400 atópanse nestes momentos no centro de acollida de Armenteira.
O presidente da Deputación amosou tamén a súa confianza e a dos que traballan no CAAN de que nos próximos meses se vaian incrementando as adopcións, grazas á recente posta en marcha da web do centro, que en só 2 meses de funcionamento recibiu xa máis de 4.000 visitas.




No hay comentarios:

Publicar un comentario