Servizo de información de Viñas Atlánticas destinado ó control dos viñedos e gratuíto para todos os viticultores - Voz de Barro. Noticias

Breaking

El tiempo en Barro

El tiempo - Tutiempo.net

viernes, 18 de octubre de 2013

Servizo de información de Viñas Atlánticas destinado ó control dos viñedos e gratuíto para todos os viticultores


O proxecto da Deputación de Pontevedra está orientado a reducir o uso de fitosanitarios e a acadar unha mellor xestión das explotacións A Deputación de Pontevedra, a través do proxecto Viñas Atlánticas, acaba de poñer a disposición de todos os viticultores un servizo de información para o control dos seus viñedos.
Trátase dun perfil público no que calquera persoa pode obter os datos necesarios para efectuar un maior e mellor control das pragas da vide, cargar os datos dos seus libros de explotación e xestionar de forma máis eficiente os seus viñedos.
Os destinatarios desta aplicación son todos os que teñan viña, sexan ou non profesionais, así como os técnicos que asesoran ás adegas e ós produtores.
O servizo, totalmente gratuíto, é accesible desde a páxina web de Viñas Atlánticas (www.vinasatlanticas.depo.es), a través do enlace ‘Acceso á aplicación'. Para darse de alta como usuario público só é necesario facilitar unha dirección válida de correo electrónico e seleccionar a provincia e o concello ó que se pertence.
Unha vez na aplicación os usuarios poderán acceder a un servizo de información meteorolóxica, onde terán a predición do tempo por concello e para un período de tres días, coa posibilidade de coñecer a predición hora a hora. Esta información é posible grazas á rede de estacións meteorolóxicas que se desenvolveu no marco do mencionado proxecto e que a Deputación cedeu a Meteogalicia.
Así mesmo, inclúese un indicador do risco de mildiu en cada momento e para diversas zonas, por medio dun código de cores (tipo semáforo). Así, a cor verde indica que non se detectou risco inmediato de nova infección; o amarelo advirte da detección do risco de inicio dun ciclo de infección primaria; e o vermello indicaría que se detectaron as condicións para que se dean brotes de infeccións secundarias.
Estas indicacións ofrécense para as zonas do Salnés sur, centro – Castrelo, Salnés norte, centro – Ribadumia, centro – Tremoedo, Salnés este e Soutomaior.
Toda esta información complétase cos boletíns fitosanitarios da Estación Fitopatolóxica de Areeiro e os boletíns meteorolóxicos e fitosanitarios da Consellería do Medio Rural; todos accesibles desde esta aplicación.
Proxecto galardoado e exitoso
O proxecto Viñas Atlánticas –no que participaron as cooperativas Martín Códax, Condes de Albarei e Paco & Lola– botou a andar en 2011 da man da Deputación de Pontevedra e con financiamento de fondos europeos do programa Life+, co obxectivo de demostrar a necesidade e a viabilidade dun desenvolvemento máis sostible na produción de viño da D. O. Rías Baixas, minimizando o uso de produtos químicos.
Con ese obxectivo desenvolveuse un Sistema Integrado de Control para a Optimización Ambiental (SICOM) composto por tres partes principais:
  1. Unha rede sensorial sen fíos (WSN) que permite coñecer no instante as variacións climáticas e estudar as condicións de desenvolvemento (temperatura e humidade) dos tipos de fungos que causan as enfermidades máis comúns na viña.
  2. Un modelo matemático baseado en regras e no ciclo biolóxico do mildiu para calcular os riscos
  3. Unha plataforma accesible desde a web do proxecto que lles permite ós viticultores a xestión integral das súas explotacións vitícolas accedendo a servizos de predición meteorolóxica, consulta de información de produtos fitosanitarios, comunicación cos técnicos da adega, información actualizada do risco de infección, xeolocalización das parcelas e o libro dixital de explotación, no que os viticultores teñen gardados os datos xerados durante cada campaña (tratamentos fitosanitarios aplicados ou traballos realizados na parcela, entre outros).
Os resultados obtidos mereceron numerosos recoñecementos e galardóns e permitiron unha redución notable do uso de produtos fitosanitarios.
Así, os 450 viticultores que participaron no proxecto en 2012, a través da mencionada plataforma dixital, reduciron a aplicación de produtos químicos nas súas viñas entre un 15 e un 20%, malia que ese ano foi un ano moi difícil para o control do mildiu.
Esta redución de praguicidas supuxo un notable aforro económico e permitiu limitar a emisión de produtos contaminantes ó medio ambiente, sen implicar perdas na produción.
O éxito acadado e o interese amosado polos viticultores animou á Deputación de Pontevedra a abrir esta aplicación para o conxunto da sociedade, para que todos os produtores de uva que así o desexen poidan mellorar a xestión económica e ambiental das súas explotacións.

No hay comentarios:

Publicar un comentario