§
En gran parte de Galicia o inverno foi máis
cálido do normal, sobre todo, nas áreas do litoral, menos nas zonas montañosas
das provincias de Lugo e Ourense que resultou frío
§
Tamén se teñen observado anomalías en
temperaturas inferiores aos -0.5 graos nas serras do Suído e do Laboreiro,
ademais das comarcas do Barbanza e Muros
§
En relación ás precipitacións, este foi un
inverno chuvioso, xa que en decembro de 2012 as precipitacións superaron os
valores agardados o mesmo que en xaneiro
A Xunta de Galicia, a través de
MeteoGalicia, fai público o informe
climatolóxico do inverno 2012-2013, no que se conclúe que a Comunidade galega
rexistrou un período climatolóxico de contrastes, xa que predominaron
temperaturas máis cálidas do normal. O inverno comezou cun decembro
no que as temperaturas acadaron valores normais nalgúns puntos, pero altas na
meirande parte de Galicia. O feito de que as temperaturas foran máis altas do
normal, foi consecuencia da compensación dos valores de temperatura nos
primeiros días do inverno, nos que tivemos chegada de masas de aire frío, co
predominio das masas de aire húmidas e cálidas no resto das xornadas.
Entre os datos a destacar do informe elaborado por MeteoGalicia, sobresae
que a temperatura máis alta do inverno rexistrouse nos concellos de Arnoia,
Boiro e Carballo, os días 15 e 16 de febreiro e 3 de xaneiro, respectivamente,
con 19,1º centígrados. En canto ás temperaturas máis baixas, foi a localidade
de Cabeza de Manzaneda, o pasado 25 de febreiro, posto que se alcanzou unha
temperatura de menos 11.4º.
Por outra banda, no
tocante ás precipitacións máximas estacionais neste inverno acumuláronse na
localidade de Cuntis con 1.468 litros por metro cadrado, mentres a mínima tivo
lugar en Monforte de Lemos con 264 l/m2.
No mes de xaneiro, rexistráronse altas temperaturas debidas a presenza moi
persistente de ventos de suroeste, que deixaron ambiente suave. A esta
situación súmase o período anticiclónico dos primeiros días do mes, onde,
chegou aire cálido que trouxo como consecuencia altas temperaturas.
Neste mapa poden verse as anomalías de temperaturas deste inverno de
2012-2013.
O único mes que tivo un comportamento ‘tipicamente invernal' foi o mes
de de febreiro, onde as temperaturas
estiveron, en xeral, por debaixo do agardado neste mes. A diferenza dos
anteriores meses de inverno, non predominaron os ventos do suroeste e existiron
dúas entradas de aire frío, particularmente intensas na última semana do mes, o
que supuxo que a media alcanzase valores máis baixos do normal.
En xeral, o litoral representou as temperaturas máis altas, mentres que as
máis baixas déronse na alta montaña da provincia de Ourense. Por outra banda,
neste mapa poden verse as anomalías de temperaturas deste inverno de 2012-2013.
Como se
refleitaba nos datos anteriores, en gran parte de Galicia o inverno resultou
cálido, menos nas zonas montañosas das provincias de Lugo e Ourense que foi
frío. Tamén se teñen observado anomalías en temperaturas inferiores aos -0.5
graos nas serras do Suído e do Laboreiro, ademais das comarcas do Barbanza e
Muros.
Precipitacións
En relación
ás precipitacións, este foi un inverno chuvioso, posto que no mes de decembro
de 2012 as precipitacións superaron os valores agardados, nun mes xa de por si chuvioso
en toda Galicia, esta situación vén motivado pola persistencia das situacións
de borrasca e ventos de suroeste, que chegaron moi cargados de humidade. Tamén,
no mes de xaneiro superáronse os valores normais de precipitación.
Así mesmo, o
primeiro período seco non conseguiu compensar á persistencia das chuvias nas
seguintes semanas así como, a intensidade dalgunha das frontes que chegaron ata
Galicia. Deste xeito, acumuláronse cantidades de chuvia significativamente
superiores ás normais para esta época do ano.
Non obstante,
o mes de febreiro resultou seco en practicamente toda a Comunidade, exceptuando
o norte da provincia de Lugo, con valores normais e mesmo húmido na Mariña
Luguesa. Este patrón está asociado cos ventos de compoñente norte que
predominaron nos dous episodios de entrada de aire frío.
Os episodios
de ventos de sur que afectaron a Galicia neste caso deixaron chuvias de moi
pouca importancia, pero a chuvia dos anteriores meses determinou este inverno
como chuvioso. Neste cadro pódense ver os valores máximos de precipitacións
acumulada no inverno de 2012-2013.
Na
precipitación total acumulada no inverno de 2012-2013 sobresae a provincia de
Pontevedra, e o sudoeste da provincia da Coruña, sobre todo, nas comarcas do
Xallas, A Barcala, Santiago, Barbanza e Noia. Nestes lugares superáronse os 1.000
l/m2 de precipitación acumulada.
A porcentaxe
de precipitación mostra un inverno en xeral húmido e mesmo moi húmido
(>190%), nas comarcas do Deza, nos Ancares e na localidade de Nogueira de
Muñiz, tamén na Baixa Limia obsérvase unha elevada porcentaxe. Pola contra, os
valores máis baixos correspóndense ás comarcas de Quiroga, en Lugo, e ás de
Valdeorrras e Terra de Trives en Ourense.
Ao observar a
evolución histórica no tocante á temperatura, cabe sinalar que a anomalía de
temperatura media con respecto ós dous períodos de referencia é de 0.2ºC. Na
seguinte táboa móstrase a distribución por meses da temperatura media no
inverno de 2012-2013.
No referente ás precipitacións a porcentaxe
de precipitación con respecto ó período de referencia 1961-1990 é de 112% e de 117%
respecto ó período 1971-2000. Así, este inverno resulta húmido aínda que
próximo á normalidade. A precipitación rexistrada en cada un dos meses mostra
uns decembro (115%) e xaneiro (157%) húmidos. Febreiro sen embargo, resultou
seco (71%).
Día
Meteorolóxico Mundial
Coma cada ano, o vindeiro día 23 de marzo
celébrase o Día Meteorolóxico Mundial dedicado a un tema elixido por convenio.
Ese día conmemora a entrada en vigor en 1950 da Convención da Organización
Meteorolóxica Mundial, creándose dita Organización. En 1951 foi designada como unha axencia especializada das Nacións
Unidas.
Diariamente, os servizos meteorolóxicos e
hidrolóxicos recollen e analizan os datos relacionados co tempo atmosférico, o
clima e a auga, converténdoos nestes tempos difíciles, nun valor engadido, como
información que protexe vidas e bens. Este intercambio de coñecementos
meteorolóxicos e hidrolóxicos é fundamental, tanto para os poderes públicos, as
empresas coma para o cidadán particular, co fin de asegurar o presente e futuro
da nosa sociedade e do noso planeta.
No hay comentarios:
Publicar un comentario