Nava Castro incide no valor da enogastronomía como reclamo turístico na presentación da II edición de ‘Barro de tapas’ - Voz de Barro. Noticias

Breaking

El tiempo en Barro

sábado, 16 de marzo de 2013

Nava Castro incide no valor da enogastronomía como reclamo turístico na presentación da II edición de ‘Barro de tapas’

A directora de Turismo de Galicia asistiu esta mañá en Barro á presentación da segunda edición deste evento que aglutina a dezaseis establecementos de restauración que durante once días potenciarán a gastronomía e os viños da zona a través desta ruta de bares e tapas nas Rías Baixas

Barro (Pontevedra), 16 de marzo de 2013.- A Asociación Cultural Amigos da Fervenza da Barosa organiza por segundo ano a ruta enogastronómica Barro de Tapas, que conta coa colaboración de Turismo de Galicia, a Deputación de Pontevedra, a D.O.P. Rías Baixas e mais co patrocinio de Saramagal, Moirama e Arousana de Bebidas.

Á presentación do evento que tivo lugar no Espazo Natural da Barosa esta mañá, asistiu a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro quen incidiu no feito de que este tipo de accións promocionais constitúen “non só un xeito de potenciar a nosa gastronomía, a segunda motivación dos turistas que nos visitan para vir a Galicia, senón tamén un modo de activar a restauración da zona, de dinamizar turísticamente o territorio ou de complementar a visita por estas terras cunha lembranza culinaria”. Tamén recalcou o feito de que as tapas do certame estean acompañadas por bebidas elaboradas na terra e por xente nova e emprendedora que “dotan de valor engadido a esta experiencia”.

Segundo dixo Nava Castro, co gallo do Barro de Tapas, os viaxeiros que se acheguen á vila poden coñecer os recursos turísticos da zona e coñecer o municipio de Barro, cruzado de Sur a Norte polo Camiño Portugués a Santiago de Compostela e que discorre por A Portela, Agudelo e Barro, nunha contorna natural moi fermosa.

A directora de Turismo comentou durante a presentación que o Espazo Natural Río Barosa permite ao viaxeiro compaxinar a práctica da enogastronomía coa do sendeirismo grazas ao sendeiro de 4 km que percorre o río e no que se poden observar muíños de auga situado a xeito de fervenza e que conxugan a etnografía co medio ambiente. Ademais falou das manifestacións da arquitectura popular ou relixiosa, como a casa da Torre ou os Petos de Ánimas, como opcións para completar a visita cultural a esta terra.

Barro de Tapas
A ruta de bares está conformada por dezaseis establecementos do municipio de Barro e pode percorrerse dende hoxe ata o día 24 de marzo. Un viño Albariño ou unha cervexa artesanal máis unha tapa do certame custan 2,5 euros. Pode obterse información específica tecleando nas redes sociais Facebook e Twitter: @BarrodeTapas.


No hay comentarios:

Publicar un comentario