Louzán informou de que mantivo 4 encontros co
director xeral de Patrimonio para tratar da cesión do inmoble, antiga sede de
Facenda
· Os orzamentos de 2015 inclúen unha
1,5 millóns de euros para a rehabilitación dos edificios centrais do Museo
A Deputación de Pontevedra aposta pola recuperación e rehabilitación do
Edificio San Francisco para convertelo nun gran centro de investigación “que
reúna toda a realidade documental e histórica da provincia”.
Así o puxo de manifesto esta mañá en rolda de prensa o presidente da
Administración Provincial, Rafael Louzán, que incidiu en que xa mantivo 4
encontros do director xeral de Patrimonio do Estado para abordar a posible
cesión deste inmoble, antigo edificio de Facenda, á Deputación de Pontevedra
para que poida recuperalo e destinalo a albergar os arquivos da propia
administración provincial e do Museo de Pontevedra.
Louzán subliñou que se trata dunha proposta que xa foi presentada ao
Goberno central e que o que se pretende é seguir avanzando na unificación de
servizos e na recuperación e protección do patrimonio histórico-artístico.
Neste sentido, lembrou que a Deputación ten incluída unha partida de 1,5
millóns de euros nos orzamentos de 2015 para a rehabilitación dos edificios
centrais do Museo que aínda non foron restaurados e que esta actuación estaría
en certo modo vinculada á cesión ou non do citado edificio.
“En función de se nos dan ou non a cesión dese edificio –sinalou Louzán- o
concepto da nosa redistribución de edificios sería outra, polo que estamos
pedindo que exista celeridade a este respecto, porque levo máis de un ano
falando coa Dirección Xeral de Patrimonio”.
Neste sentido, indicou que o servizo de Arquitectura da Deputación está elaborando
un amplo proxecto arquitectónico e de usos dos edificios centrais do Museo
“tendo en conta a posibilidade ou non de contar con ese edificio”.
Así, lembrou que se se levan a cabo as obras nos inmobles centrais do Museo
sen contar con San Francisco, isto podería “hipotecar” unha “posible solución a
este edificio” que, tal e como lembrou, cada día ten un maior deterioro.
O obxectivo, asegurou “é que un edificio público dos máis importantes que
ten a cidade de Pontevedra e incluso toda a provincia, que non caia nun estado
de semirruína como pode verse dentro de moi pouco tempo se seguimos con este
nivel deterioro”.
No hay comentarios:
Publicar un comentario