A concienciación dos máis pequenos sobre os
coidados dos cans e o fomento da identificación dos animais, serán os eixes da
iniciativa
·
Distribuiranse 8.000
libros titulados Os Bolechas van ao CAAN
·
A web dos Bolechas
inclúe, xogos online, pósters, miniguías e toda unha serie de recursos
centrados na promoción dunha tenza responsable de animais
·
Baixo o lema E ti de quen vés sendo? editáronse
15.000 carteis e trípticos que se están a distribuír en concellos, centros
escolares, clínicas veterinarias
Os Bolechas e o seu
autobús chegaron esta mañá ao Centro Príncipe Felipe para presentar cunha gran
festa a nova campaña de concienciación impulsada polo Centro de Acollida de
Animais Abandonados de Armenteira (CAAN), dependente da Deputación de
Pontevedra.
Fixérono entre a ledicia
dos máis de 150 nenos e nenas de entre 4 e 10 anos que agardaban ansiosos non
só para ver en directo uns dos seus personaxes favoritos, senón tamén para
poder acariñar aos cachorros chegados desde o CAAN no marco desta presentación.
O presidente da
Deputación, Rafael Louzán, participou no acto, onde destacou o gran labor que
se está a realizar no CAAN e o “ritmo alto” de adopcións que mantén o centro,
con 535 animais adoptados desde a súa apertura fai 17 meses.
Louzán quixo agradecer o
compromiso das familias que optan por darlle un novo fogar a estes animais e
animou a todos os que estean en condicións de adoptar a facelo, dándolle unha
nova oportunidade a algún dos centos de animais que cada ano son abandonados na
nosa provincia.
A sensibilización social como eixe
Este é, precisamente, un
dos obxectivos centrais da campaña, que dá comezo tan só dous meses despois de
pecharse a anterior cun notable éxito, xa que só un mes despois de iniciada, as
adopcións multiplicáronse pasando de unhas poucas á semana a superar a media de
unha diaria.
A nova campaña consta de
dúas partes: unha orientada aos adultos e outra centrada nos máis cativos e nas
súas familias, cos Bolechas como protagonistas.
Baixo o lema E ti de quen vés sendo?, preténdese
promover a identificación dos animais co correspondente microchip, dado que na
actualidade, e malia ser obrigatorio por lei, unha gran maioría dos animais
está sen identificar.
De feito, o 80% dos
animais recollidos no CAAN carecían do obrigatorio microchip. Unha das vantaxes
desta identificación é que se evita o extravío dos animais.
Para concienciar sobre
esta necesidade editáronse 15.000 carteis e trípticos que se están a distribuír
nos concellos da provincia, en centros escolares, clínicas veterinarias e
outros centros frecuentados pola poboación.
Os beneficios do
microchip puideron comprobalo, por exemplo, os propietarios dos 215 cans
extraviados recollidos polo CAAN, xa que puideron recuperar as súas mascotas
rapidamente e sen ningún custe.
Non pasou o mesmo cos
donos doutros 244 animais, que carecían de identificación e que tiveron que ser
trasladados ao centro para que se puidese localizar aos seus donos.
Contos, actividades, xogos e pósters dos Bolechas
A esta parte da campaña
súmase a destinada a concienciación dos máis pequenos sobre o coidado dos
animais. E ¡qué mellor maneira de chegar aos máis pequenos que a través das
súas personaxes preferidas! Os Bolechas son, así, os protagonistas desta parte
da campaña ensinándolle aos máis cativos o respecto aos animais, os coidados
que lle hai que prestar ou o rexeitamento do abandono.
Fano a través de 8.000
libros titulados Os Bolechas van ao CAAN
e da propia web dos Bolechas, que inclúe unidades didácticas, xogos online,
pósters, miniguías e toda unha serie de recursos centrados na promoción dunha
tenza responsable de animais e que os máis pequenos da casa poden disfrutar
desde hoxe mesmo no enlace http://www.osbolechas.com/caan/.
Os libros serán
distribuídos en centros escolares e bibliotecas e poderá descargarse tamén, de
forma gratuíta, na citada web.
Previr
Con esta nova campaña de
sensibilización e concienciación, a Deputación pretende seguir afondando na que
foi e segue a ser unha das ideas centrais da posta en marcha do CAAN: traballar
a prol da redución dos abandonos, fomentar as adopción e concienciar á
poboación contra o maltrato animal.
Louzán subliñou que se
trata dun labor primordial, porque reducir os abandonos debe ser sempre o
prioritario.
3.000
intervencións
A gravidade do problema do
abandono animal dedúcese das máis de 3.000 intervencións que nos seus 17 meses
de funcionamento leva realizado o CAAN, o que quere dicir que os operarios do
centro tiveron que acudir a chamadas alertando de cans abandonados
practicamente 6 veces diarias.
Como dato positivo está a adopción de 535 animais e o feito de que 459
puideran ser devoltos aos seus propietarios. Preto de 1.000 cans que
deambulaban polas rúas e que puideron atopar un fogar.
No hay comentarios:
Publicar un comentario