O Pleno aprobou
a licitación do proxecto DepoGap, cun orzamento de 6,9 millóns de euros
cofinanciado nun 70% por fondos FEDER
· Crearanse un portal e unha aplicación
para móbiles desde a que calquera cidadán poderá comunicar ao concello
incidencias, queixas ou suxestións
· Desenvolveranse probas piloto de
eficiencia enerxética en edificios públicos, instalacións deportivas, fogares e
alumeado público
O Pleno da
corporación provincial aprobou o venres, cos votos favorables de PP e PSOE e a
abstención do BNG, o expediente de contratación do proxecto DepoGap, co que a
Deputación de Pontevedra pretende avanzar na mellora da xestión de activos
municipais. O proxecto conta cun orzamento de 6,9 millóns de euros, dos cales o
70% son achegados polos Fondos Europeos de Desenvolvemento Rexional (FEDER).
O proxecto
suporá a creación dun inventario de todos os activos municipais e os da propia
institución provincial, e o deseño e implantación de ferramentas tecnolóxicas
que permitan mellorar a súa xestión.
Así,
elaborarase un inventario que permitirá coñecer en detalle a cifra,
características, ubicación, estado de conservación de edificios
administrativos, edificios culturais e cívicos, centros sanitarios, centros
docentes, centros asistenciais, tanatorios, cemiterios, matadoiros, parques e
xardíns, instalacións deportivas, redes de abastecemento e saneamento,
estacións de tratamento de augas residuais, EDAR, rede de vías públicas,
alumeado público (puntos de luz, cadros eléctricos….), redes de gas, eléctricas
e de telecomunicacións, vertedoiros e puntos limpos, contedores de lixo, parque
móbil, mobiliario urbano, bens mobles históricos, dereitos reais e revertibles
e créditos e dereitos persoais a favor dos concellos, entre outros.
Actualización permanente
Trátase dunha
información de gran valor para a xestión municipal, que é fundamental manter
actualizada.
Por iso,
outro dos traballos centrais de DepoGap será a implantación dun catálogo de
normas e procedementos normalizados que permitan a actualización permanente dos
datos de forma sinxela e eficaz.
Estes
traballos de actualización facilitaranse coa creación de ferramentas
tecnolóxicas específicas. Así, porase en marcha unha plataforma de xestión de
activos, unha ferramenta informática que permitirá manter actualizada a
información e manexala para unha mellor xestión. Incluirá un cadro de mandos
con indicadores de utilidade como consumo de auga e enerxía, aviso de consumos
inapropiados (que poden, por exemplo, avisar dunha fuga de auga na rede…) e
outros datos útiles para a toma de decisións por parte dos rexedores e
responsables municipais.
A estas
ferramentas sumarase un portal web e unha aplicación para dispositivos móbiles,
desde os que os veciños e veciñas non só poderán consultar información pública
senón tamén enviar incidencias e avisos. Por exemplo, poderán comunicar se
atopan un banco ou un contedor roto; se hai fallos no alumeado público; fallos
nas redes de auga ou saneamento….
Esas
incidencias quedarán rexistradas na plataforma de xestión de activos, que
enviará de forma automática avisos aos responsables de mantemento un aviso para
que procedan a corrixir as deficiencias. Así mesmo, o cidadán recibirá resposta
con información sobre a resolución da incidencia comunicada.
Eficiencia enerxética
Finalmente, o
proxecto de xestión de activos inclúe tamén un apartado específico dedicado á
eficiencia enerxética, co que se trata de realizar unha serie de probas piloto
en diferentes espazos para comprobar cal é a mellor solución para cada ámbito
de actuación.
Así, a
empresa que resulte adxudicataria do proxecto realizará probas piloto de
eficiencia enerxética no alumeado público substituíndo as lámpadas
convencionais por outras de alta eficiencia enerxética e instalando sistemas de
xestión que permitan monitorizar o consumo e valorar a eficiencia e viabilidade
do novo modelo de alumeado.
Para
determinar solucións eficaces en edificios públicos, faranse probas en 250 inmobles,
entre os que se incluirán todas as casas do concello, o Pazo Provincial e o
Edificio Administrativo. Implantaranse sensores e equipos de telexestión que
permitan analizar e controlar o consumo.
Para testar
sistemas eficaces nas instalacións deportivas -moi numerosas na provincia de Pontevedra e que habitualmente
rexistran un consumo enerxético elevado- faranse probas piloto nun estadio
municipal de fútbol, por medio da instalación de sensores e sistemas de
monitorización de consumo de enerxía e auga.
A promoción
do aforro enerxético estenderase tamén aos fogares, para os que está prevista a
realización de talleres de sensibilización e concienciación sobre o uso
eficiente da enerxía, así como a instalación de sensores e sistemas de
monitorización de consumo en 200 fogares da provincia para obter información de
consumo e demostrar a eficacia das medidas de aforro enerxético.
No hay comentarios:
Publicar un comentario