ANTE A ELEVADA DEMANDA, A DEPUTACIÓN PRORROGA EN UN MES A APERTURA DAS OFICINAS DE ASESORAMENTO SOBRE AFORRO ENERXÉTICO DE PONTEVEDRA, LALÍN, VIGO E VILAGARCÍA - Voz de Barro. Noticias

Breaking

El tiempo en Barro

El tiempo - Tutiempo.net

domingo, 2 de noviembre de 2014

ANTE A ELEVADA DEMANDA, A DEPUTACIÓN PRORROGA EN UN MES A APERTURA DAS OFICINAS DE ASESORAMENTO SOBRE AFORRO ENERXÉTICO DE PONTEVEDRA, LALÍN, VIGO E VILAGARCÍA



Nos dous meses de funcionamento, os técnicos da Unión de Consumidores atenderon a máis de 3.000 familias
As oficinas de asesoramento sobre aforro enerxético postas en marcha pola Deputación de Pontevedra e a Unión de Consumidores de Galicia en Pontevedra, Vigo, Lalín e Vilagarcía de Arousa seguirán abertas ao público durante todo o mes de novembro, para atender a elevada demanda de información recibida nelas e que foi imposible atender integramente nos dous meses de funcionamento inicialmente previstos.
Así o anunciou na mañá do venres o presidente da Deputación, Rafael Louzán, na rolda de prensa posterior á Xunta de Goberno, onde destacou que a día de hoxe son “máis de 3.000 familias” as atendidas nas 10 oficinas abertas ao público desde o 2 de setembro.
Ante esta situación e tendo en conta que son moitas aínda as persoas que están a demandar asesoramento, a Administración Provincial decidiu prorrogar nun mes a apertura de 4 dos centros tendo en conta tanto a demanda que rexistran como a súa ubicación, co obxectivo de que todos os cidadáns teñan unha oficina próxima á que acudir.
Ritmo crecente
O ritmo de afluencia a estas oficinas foi en aumento a medida que pasaban as semanas, de forma que desde a súa posta en marcha na primeira semana de setembro ata esta última semana se cuadruplicou o número de consultas atendidas, pasando das 130 iniciais ás preto de 600 coas que se pechará esta semana.
Rafael Louzán incidiu en que o balance destes dous meses ponm de manifesto o acerto da creación destas oficinas, que permitiu aclarar “a máis de 3.000 familias” cuestións como qué tipo de contrato teñen, se a potencia contratada é a que precisan ou non, como entender a súa factura de electricidade e obter información que lle vai permitir “aforrar entre 80 e 100 euros anuais”.
As principais consultas realizadas centráronse na diferenza entre mercado libre e mercado regulado e en saber en cal dos dous se ten contratada a subministración eléctrica, sendo destacado o número de persoas que estaban no mercado libre sen sabelo.
As condicións de renovación dos contratos de subministro de enerxía eléctrica, permanencias e penalizacións que pode implicar no caso de cambiar de compañía; as axudas públicas existentes para facer fronte á factura eléctrica (en concreto a tarifa de último recurso e o tícket eléctrico social) ou consultas sobre a tarifa de discriminación horaria como forma de posibilitar o aforro na factura, foron algunhas das dúbidas que máis frecuentemente se atenderon nas 10 oficinas.
Datos por oficina
As oficinas con maior afluencia foron as de Pontevedra, Vigo e Vilagarcía, nas que se concentrou o 40% das consultas atendidas.
Así, na oficina de Pontevedra, situada no Edificio Administrativo da Deputación, o número de familias atendidas nos dous primeiros meses de funcionamento achegouse ás 500, mentres que en Vigo se situou no entorno dos 400.
A falta aínda de coñecer o número de persoas que se atenderán ao longo da xornada de hoxe, Vilagarcía levaba atendidas xa o xoves preto de 400 familias.
Pola súa banda, a oficina de Lalín leva atendido máis de 250 persoas e o ritmo de afluencia das últimas semanas é crecente,  de forma que pasou de atender unha media de 8-10 persoas a mediados de outubro a preto de 20 diarias na última semana.
Ante esta situación e a elevadísima demanda que se segue a rexistrar, os usuarios de electricidade poderán seguir informándose nestas catro oficinas, de forma que a situada en Lalín atenderá  a todo o norte da provincia, a de Vilagarcía e Pontevedra á zona centro e Vigo ao Sur da provincia.
Ás persoas atendidas nestas 4 oficinas, hai que sumar as que acudiron ao longo destes dous meses a A Estrada e Tui, que pecharán hoxe con preto de 300 persoas atendidas en cada unha delas; Cangas, con 220 persoas; Cambados e Redondela, cunhas 200 persoas asesoradas en cada unha; e Ponteareas, onde se atenderon máis de 250.

No hay comentarios:

Publicar un comentario