A DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA SITÚA O EMPREGO COMO EIXE CENTRAL DOS SEUS ORZAMENTOS, CON 10 MILLÓNS DE EUROS PARA A CONTRATACIÓN DE PRETO DE 3.000 DESEMPREGADOS - Voz de Barro. Noticias

Breaking

El tiempo en Barro

El tiempo - Tutiempo.net

viernes, 7 de noviembre de 2014

A DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA SITÚA O EMPREGO COMO EIXE CENTRAL DOS SEUS ORZAMENTOS, CON 10 MILLÓNS DE EUROS PARA A CONTRATACIÓN DE PRETO DE 3.000 DESEMPREGADOS



Rafael Louzán debullou as liñas xerais das contas de 2015 na Comisión 3ª do Parlamento de Galicia

·       Incluirán a posta en marcha dun novo Plan de Práctica Laboral para titulados universitarios e de FP con destino en centros da Deputación e os concellos
·       A construción dos viveiros de Lalín e Barro-Meis e a implantación de novas empresas no  polígono suporán un incentivo máis para a creación de postos de traballo
·       Os concellos recibirán 25 millóns de euros para obras e servizos municipais
·       O reforzo dos servizos sociais completa a tríada dunhas contas públicas pensadas para garantir “o benestar das familias”
A Deputación de Pontevedra sitúa o emprego como eixe central dos seus orzamentos para 2015 e, en torno a este “obxectivo prioritario”, articularanse unhas contas públicas que buscan, por riba de todo, “ser instrumentos útiles para mellorar a calidade de vida dos cidadáns”.
O presidente da Administración Provincial expuxo esta tarde na Comisión 3ª de Contas, Economía e Facenda do Parlamento de Galicia as liñas xerais dos presupostos de 2015, que rexistran unha lixeira suba (do 1,2%) con respecto a 2014 e se sitúan nos 148,1 millóns de euros.
Louzán apostou por unhas contas de 2015 que dan continuidade a “unhas políticas que, desde o mesmo inicio da crise, tiveron como principios reitores a loita contra o desemprego, o apoio aos concellos e a garantía do mantemento dos servizos e infraestruturas básicas para o benestar da poboación”.
Neste sentido, situou o desemprego como o principal problema da provincia, polo que se inclúen 10 millóns de euros dedicados directamente á contratación de uns 3.000 desempregados, ao que hai que sumar unha forte aposta pola promoción do emprendemento e o emprego que se prevé xerar de forma indirecta cos investimentos da Deputación.
No primeiro punto, destaca a posta en marcha dun novo Plan de Práctica Laboral para mozos e mozas titulados universitarios ou de FP que terán ocasión de adquirir experiencia laboral nos diferentes centros da Deputación de Pontevedra e nos concellos, e outro Plan de Emprego para desempregados sen prestación que traballarán no mantemento de infraestruturas e servizos municipais.
En canto á promoción do emprendemento, en 2015 serán xa unha realidade os viveiros de Barro-Meis e Lalín, nos que se van investir 2,5 millóns de euros e que permitirán o asentamento de empresas de nova creación en condicións favorables.
25 millóns de euros para os concellos
Outro dos piares fundamentais das contas públicas para 2015 é o investimento nos concellos da provincia, que alcanzará os 25 millóns de euros para infraestruturas e servizos municipais.
Neste ámbito de cooperación cos concellos destaca a aposta pola unión de esforzos para garantir unha maior eficacia e eficiencia na prestación de servizos básicos. Así, a comezos de ano botará a andar o Servizo Provincial de Recollida e Tratamento de Lixo, cunha consignación de 4,85 millóns de euros nos orzamentos e que permitirá racionalizar un servizo que na actualidade presenta un elevado déficit, coa conseguinte carga para os concellos.
Inicialmente serán 21 os concellos que se integren nesta iniciativa, que inclúe unha forte aposta pola reciclaxe e pola compostaxe (cunha planta provincial actualmente en tramitación en colaboración co Concello de Pontevedra, e un plan piloto de compostexe doméstico vinculado ao servizo provincial).
Este consorcio súmase ao xa en marcha de acollida de animais abandonados, que conta cun orzamento de preto de 400.000 euros e aos de xestión tributaria, aceites  e vehículos usados, ou emerxencias.
Ao longo de 2015, a Deputación desenvolverá un importante labor de modernización da xestión de activos todos os concellos da provincia, por medio do proxecto DepoGap. Trátase dunha iniciativa dotade de 6,9 millóns de euros e que permitirá inventariar todos os activos municipais e crear ferramentas tecnolóxicas que permitan a súa actualización permanente e faciliten o mantemento e xestión dos mesmos, ao tempo que abre unha canle de comunicación permanente cos cidadáns, que poderán comunicar calquera incidencia vía móbil e obter resposta inmediata dos concellos.
2,6 millóns para servizos sociais comunitarios
Os servizos sociais básicos son o terceiro piar das contas públicas da Deputación de Pontevedra, que reforza a asistencia ás persoas con maiores necesidades.
Así, os servizos sociais comunitarios dos concellos de menos de 20.000 habitantes percibirán 2,6 millóns de euros, aos que hai que sumar o mantemento do Servizo Provincial de Teleasistencia, as axudas a entidades de servizos especializados e o esforzo que a Administración Provincial vén realizando desde fai varios anos e que manterá ao longo de 2015 para o financiamento de programas e recursos orientados á integración social e laboral dos colectivos en situación de especial vulnerabilidade.
Rigor orzamentario
Todas estas medidas executaranse, tal e como salientou o titular da Deputación “respectando escrupulosamente a máxima de non gastar o que non se ten (rigor orzamentario) e de conseguir o maior rendemento social de cada euro público investido”.
Nesta liña, destacou a solvencia da Deputación, que rematará 2014 cunha débeda por debaixo do 38% dos ingresos correntes e se situará en 2015 no 28%, co obxectivo de seguir nesa liña para acadar o obxectivo de débeda 0.
A iso hai que sumar a capacidade de aforro, que ascende a máis de 30 millóns de euros.

No hay comentarios:

Publicar un comentario