DESDE A SÚA ENTRADA EN FUNCIONAMENTO, O CAAN REALIZOU MÁIS DE 3.000 INTERVENCIÓNS E LOGROU A ADOPCIÓN DE 500 ANIMAIS - Voz de Barro. Noticias

Breaking

El tiempo en Barro

El tiempo - Tutiempo.net

sábado, 1 de noviembre de 2014

DESDE A SÚA ENTRADA EN FUNCIONAMENTO, O CAAN REALIZOU MÁIS DE 3.000 INTERVENCIÓNS E LOGROU A ADOPCIÓN DE 500 ANIMAIS



Na actualidade atende a preto de 600 cans nas súas instalacións de Armenteira
·       Con medio cento de concellos adheridos, o Centro de Acollida de Animais Abandonados supón un aforro de ata o 60% no custe do servizo que ata o momento pagaban os municipios
Cando se cumpre ano e medio desde a súa entrada en funcionamento, o Centro de Acollida de animais Abandonados de Armenteira (CAAN), leva realizado máis de 3.000 intervencións.
Así o indicou o presidente da Deputación, Rafael Louzán, na rolda de prensa posterior á Xunta de Goberno, onde destacou o “magnífico servizo” que presta este centro, impulsado pola Deputación e que está a contribuír non só a solucionar un problema ao que os concellos se vían en dificultades de dar resposta, senón tamén a procurar o benestar animal e a concienciar á poboación sobre a tenza responsable de cans.
Neste sentido, o labor do persoal deste servizo provincial permitiu que 500 cans abandonados atopasen un novo fogar por medio da adopción.
Preto de 600 agardan tamén pola adopción nas instalacións de Armenteira.
Aforro de custes
O presidente da Deputación destacou a satisfacción con este servizo, que lle está a supoñer aos concellos adheridos aforros de ata o 60% con respecto ao que ata o de agora pagaban pola contratación do servizo.
Así, concellos que ata a entrada en funcionamento do servizo provincial pagaban 16.000 euros/ano, agora están a pagar tan só 5.500 euros/ano.
O mantemento do CAAN supón un custe anual de 366.678,96 euros, dos cales os concellos aboan 150.229,20 € (0,40 céntimos por habitante), mentres que os 216.449,76 euros restantes os achega a Deputación.
Louzán fixo fincapé na calidade do servizo, que está operativo as 24 horas do día os 365 días do ano e que inclúe a recollida dos animais no concello onde fosen localizados, o seu traslado ao centro de Armenteira, todos os coidados e atencións necesarias para garantir o seu benestar e, ademais, actuacións para a busca dos propietarios, tramitación de denuncias no caso de malos tratos e campañas de concienciación e sensibilización para unha tenza responsable.
Neste sentido, nos 18 meses de funcionamento, desenvolvéronse diversas actuacións para promover a adopción, a identificación dos animais e para sensibilizar contra os malos tratos e o abandono de animais.
Así, distribuíuse material informativo nos concellos da provincia e desenvolvéronse actividades didácticas orientadas aos máis pequenos en centros escolares e campamentos.
Na actualidade estase a traballar nunha nova campaña de concienciación que incidirá na necesidade de identificar aos cans co correspondente microchip e na sensibilización dos máis pequenos en relación aos coidados e protección dos animais domésticos.

No hay comentarios:

Publicar un comentario