AS OFICINAS DE ASESORAMENTO LEGAL A AFECTADOS POR PREFERENTES ATENDERON A MÁIS DE 800 PERSOAS DESDE QUE ENTRARON EN FUNCIONAMENTO - Voz de Barro. Noticias

Breaking

El tiempo en Barro

El tiempo - Tutiempo.net

miércoles, 26 de junio de 2013

AS OFICINAS DE ASESORAMENTO LEGAL A AFECTADOS POR PREFERENTES ATENDERON A MÁIS DE 800 PERSOAS DESDE QUE ENTRARON EN FUNCIONAMENTO



O martes duplicouse o número de asesores nas 9 oficinas e ampliouse o horario ás tardes en Vigo e Pontevedra

·       O incremento de asesores permitirá ampliar a preto de 150 as persoas atendidas diariamente
·       Os avogados fan un estudo pormenorizado de cada caso e ofrecen información detallada das posibilidades que ten cada afectado para recuperar o seu diñeiro
As oficinas de asesoramento legal a afectados por preferentes e subordinadas levan atendido desde a súa entrada en funcionamento a máis de 800 persoas.
O elevado número de solicitudes de asesoramento recibido nos primeiros días de funcionamento das oficinas, na pasada semana, e o tempo de dedicación que require resolver cada consulta (unha media de 20-30 minutos) levou á Deputación e á Unión de Consumidores a dotar de dous asesores a cada unha das 9 oficinas abertas noutros tantos concellos da provincia e a ampliar o horario das de Pontevedra e Vigo, que desde o martes abren de 10 a 14 horas e de 17 a 20 horas.
O aumento dos recursos á disposición dos afectados está a permitir incrementar notablemente o número de consultas atendidas diariamente.
Así, no primeiro día de funcionamento atendéronse 131 persoas e na xornada de hoxe o número superou as 140, tras proceder á reorganización das citas para dar cabida ao maior número posible de afectados e malia a diminución da afluencia á oficina de A Estrada por ser festivo local neste concello.
Malia todo, unha vez reorganizadas todas as citas que xa estaban programadas e tendo en conta a fluencia de novos solicitantes, agárdase que nos vindeiros días o número de usuarios atendidos diariamente se sitúe no entorno dos 150 ao día.
O obxectivo é dar cobertura a todos os interesados en recibir este asesoramento legal individualizado e facelo no menor prazo posible, polo que se agarda que este ritmo de resposta se manteña nos próximos días e semanas.
Estudo pormenorizado dos casos
As 25 persoas que traballan nesta rede de oficinas ofrecen asesoramento individualizado aos usuarios, o que obriga a dedicarlle a cada un tempo medio de 30 minutos.
Neste tempo, os asesores –avogados expertos na problemática derivada da comercialización de produtos híbridos– fan un estudo pormenorizado de cada caso e ofrécenlle aos afectados toda a información necesaria para que poida tomar as decisións máis acertadas e adaptadas á súa situación.
O principal problema que se está a presentar nestes momentos nas oficinas é o da falta de información e de explicacións sobre a quita e o troco das preferentes por accións. Os usuarios demandan unha explicación detallada dos documentos que a entidade bancaria lles pide que asinen, das consecuencias que ten a sinatura dos mesmos e de cales son as opcións que teñen nestes momentos para recuperar o seu diñeiro.
Afluencia por zonas
Nestes dous primeiros días de funcionamento das oficinas de Pontevedra e Vigo con quenda de mañá e tarde, duplicouse o número de persoas atendidas en cada unha das oficinas e agárdase aumentar aínda máis este número nos próximos días coa reorganización das citas.
Así, se na pasada semana se estaban a atender unha media de 15 persoas diarias na oficina de Pontevedra, hoxe foron xa 32 as atendidas. En Vigo pasouse tamén dunha media de 11 persoas por xornada ás 31 de onte as 32 de hoxe, sendo a expectativa chegar a cubrir 35 consultas diarias.
Nas 7 oficinas restantes o incremento de consultas atendidas cada día non foi tan significativo, debido a que manteñen o horario de mañá e, tamén, a que se continúa traballando na reorganización das citas.
Malia todo, concellos como Cambados practicamente duplicaron xa o número de usuarios, de forma que se nos 4 primeiros días da pasada semana se atenderan a 32 persoas, entre onte e hoxe atendéronse xa outras 26 persoas.
Número moi similar se atendeu en Cangas e en Ponteareas nestas dúas xornadas, cun total de 25 e 27 persoas respectivamente.
En Redondela atendéronse 9 persoas o martes e para hoxe tiñan cita outros 9 afectados.
Pola súa banda, no concello de A Estrada hoxe atendéronse 9 consultas, un número inferior ao habitual (que se sitúa nunha media de 15 persoas diarias) debido ao festivo local.
Finalmente, en Tui resolvéronse onte 10 consultas e en Lalín foron 14 as persoas atendidas o martes (6 máis que a media diaria da pasada semana).
Nestes días os asesores están poñendo especial empeño en atender a todos cantos queren facer consultas sobre o procedemento de troco por accións e depósitos e sobre as quitas, debido a que se trata dun procedemento que ten uns prazos determinados, polo que se pretende que todos poidan aclarar as súas dúbidas antes de que remate este prazo.
As oficinas seguirán abertas, como mínimo, ata mediados de agosto, co obxectivo de que, independentemente da decisión que sobre eses procesos adoptasen os afectados, poidan seguir contando con asesoramento legal para recuperar o seu diñeiro íntegro pola vía xudicial ou da arbitraxe. 

No hay comentarios:

Publicar un comentario