O prazo de matrícula será do 16 de xullo ao 2 de agosto
· Permanecerá aberto ata o vindeiro 3
de xullo, con 67 prazas dispoñibles
· O 50% das prazas quedou cuberta co
alumnado xa matriculado no curso anterior, que optou na súa totalidade pola
renovación
· A Escola conta cunha gran
flexibilidade horaria e de quendas para facilitar a conciliación da vida
familiar e laboral
A Escola Infantil Chupetes, do
Centro Príncipe Felipe, ten aberto o prazo de reserva de prazas para novos
alumnos e alumnas. As familias interesadas poderán presentar as súas
solicitudes ata o mércores, 3 de xullo.
O centro dispón de 114 prazas, das cales o 50% quedou cuberto pola
renovación de matrícula dos nenos e nenas que xa están realizando o 1º ou 2º
curso do primeiro ciclo de educación infantil neste centro e que renovaron na
súa totalidade.
Deste xeito, son 67 as prazas que quedan dispoñibles para alumnado de novo
ingreso, distribuídas en 12 prazas para nenos e nenas de 0 a 1 anos, 24 para o
grupo de 1 a 2 anos e 31 para o grupo de 2 a 3 anos.
Unha vez rematado o prazo de reserva de praza, realizarase o baremo das
solicitudes e o 8 de xullo poderase consultar a relación provisional de persoas
admitidas e non admitidas na propia Escola Infantil, para posibles alegacións.
A lista definitiva estará a disposición dos interesados no mesmo lugar a partir
do luns 15 de xullo.
A formalización da matrícula poderá realizarse entre o 16 de xullo e o 2 de
agosto.
Máxima flexibilidade
Este centro, dependente da Deputación Provincial, atende a nenos e nenas de
0 a 3 anos dando grandes facilidades para a conciliación da vida familiar e
laboral, tanto pola amplitude de horario como pola flexibilidade á hora de
variar de quenda durante o curso.
Así, a un horario moi amplo, de luns a venres de 7:30 a 22:30 horas, suma o
feito de ser unha das poucas escolas infantís que abre de forma ininterrompida
os doce meses do ano e a posibilidade de que os nenos e nenas nela matriculados
acudan ao centro nas quendas que mellor encaixen cos horarios laborais dos seus
proxenitores, podendo varialas sen problema ao longo do curso.
Isto é especialmente relevante para moitos pais e nais que traballan a quendas,
variando a turnos de mañá ou tarde por días, semanas ou meses. A escola
infantil de Príncipe Felipe permite, que nestes casos os nenos e nenas
matriculados nela poida cambiar de horario de mañá a tarde e viceversa tanto
por días como por semanas ou meses.
O centro ofrece unha programación moi completa para atender o
desenvolvemento integral dos nenos. Neste sentido, no curso actual puxo en
marcha actividades orientadas á familiarización co inglés cuns resultados moi
positivos.
A escola dispón de 2 aulas de 0 a 1 anos, 3 para o alumnado de 1 a 2 anos e
outras 3 para os de 2 a 3 anos. Así mesmo, dispón dun servizo médico de
urxencia no propio centro, e un servizo de comedor con posibilidade de almorzo,
xantar, merenda e cea.
No hay comentarios:
Publicar un comentario