A conselleira de Sanidade subliña o carácter solidario da cidadanía galega na conmemoración do Día Mundial da Doazón de Sangue - Voz de Barro. Noticias

Breaking

El tiempo en Barro

El tiempo - Tutiempo.net

viernes, 14 de junio de 2013

A conselleira de Sanidade subliña o carácter solidario da cidadanía galega na conmemoración do Día Mundial da Doazón de Sangue

  • O conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Agustín Hernández, doou sangue e animou ás galegas e galegos a participar activamente
  • Rocío Mosquera entregou unha placa conmemorativa ao presidente da Federación Galega de Doadores de Sangue, Antonio Álvarez Ferreiro, pola súa contribución á sensibilización da poboación a prol deste xesto solidario


A conselleira de Sanidade, Rocío Mosquera Álvarez, e o conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Agustín Hernández, salientaron o carácter solidario dos galegos e galegas con motivo da conmemoración do Día Mundial da Doazón de Sangue, auspiciado pola Organización Mundial da Saúde (OMS).
Ademais, o conselleiro de Medio Ambiente participou activamente doando sangue no Centro de Transfusión de Galicia, ao tempo que convidou a toda a cidadanía a converterse en doadora de sangue e contribuír, deste xeito, á recuperación de moitos pacientes.
Acto de homenaxe
No transcurso desta xornada, a titular do departamento de Sanidade quixo poñer de manifesto a importancia da contribución dos doadores e doadoras galegos ao sostemento do noso sistema sanitario. Neste sentido, entregou ao presidente da Federación Galega de Doadores de Sangue, Antonio Álvarez Ferreiro, unha placa conmemorativa por máis de catro décadas de traballo en favor do solidario xesto da doazón de sangue e como xeito de representar na súa persoa a figura de todos os cidadáns que cada día realizan unha doazón de sangue.
Tanto a conselleira de Sanidade como a directora do CTG, María Inmaculada Rodríguez Calvo, e o presidente da Federación Galega de Irmandades de Doadores de Sangue, Antonio Álvarez Ferreiro, coincidiron en salientar o papel fundamental que desenvolven os doadores e doadoras no sostemento do sistema sociosanitario galego e amosaron o seu sincero recoñecemento a todos os cidadáns que participan nas campañas de doazón.
Agradecemento
Rocío Mosquera lembrou que grazas ás 114.759 doazóns de sangue recollidas en Galicia o pasado ano, a nosa Comunidade Autónoma acadou un índice de 41 doazóns por cada 1.000 habitantes e ano, polo que animou aos cidadáns a continuar incrementando as cifras de doazón, xa que, no transcurso de 2013, estímanse unhas necesidades de ao redor de 121.000 doazóns de sangue para facer fronte á demanda dos nosos centros sanitarios.
Así mesmo, a conselleira de Sanidade remarcou que, dende a creación do CTG, que no vindeiro mes de agosto celebra o vixésimo aniversario da súa fundación, o crecemento do número de doazóns en Galicia foi do 66%, polo que salientou o probado carácter solidario e altruísta de moitos galegos e galegas que, nalgún momento das súas vidas, teñen participado activamente nas campañas de doazón de sangue.
Doazón en verán
A conselleira de Sanidade lembrou que, coa proximidade do verán, faise preciso reforzar o chamamento aos cidadáns para que doen, xa que, entre os meses de xuño a setembro, faise preciso manter estable a participación e precísanse en torno as 500 doazóns de sangue diarias.
Ademais, o Centro de Transfusión de Galicia lembra que, no período vacacional que estamos a comezar, os hospitais galegos precisarán obter preto de 40.000 doazóns, entre os meses de xuño a setembro, coa fin de atender axeitadamente a moitos pacientes. Para poder facilitar o acceso dos galegos e galegas ás campañas de doazón de sangue, o CTG efectuará máis de 700 campañas de doazón de sangue en máis de 250 concellos galegos.
Para resolver calquera dúbida relacionada coa doazón ou coñecer onde doar sangue, pódese consultar a páxina web do Centro de Transfusión de Galicia: ctg.sergas.es ou chamar ao teléfono de información gratuíto do CTG: 900 100 828.


No hay comentarios:

Publicar un comentario