A DEPUTACIÓN COFINANCIARÁ CON PRETO DE 800.000 EUROS OS 7 GRUPOS DE EMERXENCIAS DA PROVINCIA, QUE CONTRIBUIRÁN A DAR COBERTURA A TODA A POBOACIÓN - Voz de Barro. Noticias

Breaking

El tiempo en Barro

El tiempo - Tutiempo.net

viernes, 7 de junio de 2013

A DEPUTACIÓN COFINANCIARÁ CON PRETO DE 800.000 EUROS OS 7 GRUPOS DE EMERXENCIAS DA PROVINCIA, QUE CONTRIBUIRÁN A DAR COBERTURA A TODA A POBOACIÓN


A Xunta financiará o 60% do custe total do servizo, que ascende a 3,9 millóns de euros nos dous anos e medio de vixencia do convenio

· O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, o presidente da Deputación, Rafael Louzán, e Xosé Crespo en representación da Fegamp, asinaron hoxe o convenio de colaboración para a súa posta en marcha

A Deputación Provincial de Pontevedra cofinanciará con 791.666,5 euros o funcionamento dos 5 novos Grupos de Emerxencias Supramunicipais (GES) que entrarán en funcionamento na provincia e dos dous que se consolidan en Sanxenxo e Ponteareas, co obxectivo de completar a cobertura de protección en emerxencias e contra incendios a toda a poboación, complementando aos parques municipais, comarcais e do Consorcio Provincial de Bombeiros.

Coa entrada en funcionamento destes grupos, practicamente o 100% dos veciños e veciñas da provincia poderán dispor dun servizo de emerxencias en menos de 20 minutos.

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, o presidente da Deputación, Rafael Louzán, e Xosé Crespo en representación da Fegamp asinaron hoxe o convenio de colaboración para a súa posta en marcha e para o financiamento durante os dous anos e medio de vixencia do acordo, que remata o 31 de decembro de 2015.

Unha vez asinado o convenio, os concellos que serán sede destes grupos supramunicipais deberán adherirse a el. A continuación, e co obxectivo de que os GES estean plenamente operativos este mesmo verán, iniciarase o proceso de selección de persoal por parte dos concellos sede, e a formación será impartida pola Academia Galega de Seguridade Pública nos distintos parques de bombeiros comarcais da provincia de Pontevedra.

Os novos grupos de emerxencias estarán compostos na súa maioría por 12 efectivos, situados estratexicamente en 6 localidades da provincia e que contarán cunha estrutura máis profesionalizada e de carácter permanente. Ao ter carácter supramunicipal, estes grupos complementarán as redes de bombeiros, tanto municipais como comarcais, nunha malla de xestión das emerxencias ás que tamén hai que sumar Protección Civil.

O custe dos 5 novos GES e dos dous que se consolidan en Ponteareas e Sanxenxo ascende a 1.266.666,4 euros ao ano, serán financiados nun 60% pola Xunta, nun 20% pola Deputación e o restante 20% achegarano os concellos.

Distribución

Os sete grupos distribuiranse nas distintas áreas da provincia, de forma que haberá un grupo de 12 persoas que prestará servizo aos tres concellos do Val Miñor (Baiona, Nigrán e Gondomar); outro dotado do mesmo número de persoas que terá a súa sede en A Guarda e que, ademais de a este concello atenderá os de O Rosal, Oia e Tomiño; outro para a zona do Condado, con sede en Ponteareas e que disporá dos recursos que xa ten nestes momentos o grupo municipal (que se reconverte en GES) para dar cobertura a Arbo, A Cañiza, Crecente, Mondariz, Mondariz Balneario, As Neves e Salvaterra de Miño.

En Ponte Caldelas instalarase un novo grupo, con 12 membros, e que dará cobertura tamén aos concellos de Cotobade, O Covelo, Fornelos de Montes, A Lama e Soutomaior. Os concellos de Campo Lameiro, Cerdedo, Cuntis, Forcarei e Moraña terán cobertura co GES que se situará en A Estrada e que tamén dará servizo aos concellos coruñeses de Teo e Vedra.

O grupo de Lalín, ademais de a este concello, atenderá os de Vila de Cruces, Agolada, Rodeiro e Dozón. Os de Lalín e A Estrada disporán dun total de 16 efectivos, repartidos entre os dous.

En Redondela haberá 12 efectivos que darán servizo a Mos e Pazos de Borbén e, finalmente, os recursos xa existentes en Sanxenxo aproveitaranse para constituír o novo grupo que atenderá a este concello e aos de O Grove, Meaño e Poio.

O custe total para os dous anos e medio de servizo previsto no convenio ascende a 3.958.332 euros, dos cales a Administración Provincial achegará o 20% (791.666,5 euros), a razón de 316.666,60 euros en 2014 e 2015 e 158.333,30 euros para o que resta de 2013.



No hay comentarios:

Publicar un comentario