MANTENSE O RITMO DE CONSULTAS NAS OFICINAS DE ASESORAMENTO A AFECTADOS POR PREFERENTES, CON MÁIS DE 100 CONSULTAS NO SEGUNDO DÍA - Voz de Barro. Noticias

Breaking

El tiempo en Barro

El tiempo - Tutiempo.net

jueves, 20 de junio de 2013

MANTENSE O RITMO DE CONSULTAS NAS OFICINAS DE ASESORAMENTO A AFECTADOS POR PREFERENTES, CON MÁIS DE 100 CONSULTAS NO SEGUNDO DÍA


A afluencia á rede de oficinas mantívose en niveis similares aos da primeira xornada
·       Unha das principais dúbidas é se a venta das accións podería prexudicalos no caso de que acudan á vía xudicial para reclamar o reintegro íntegro dos aforros
·       Os asesores facilítanlle aos usuarios un documento para que, no momento da venta, fagan constar que se reservan a posibilidade de emprender accións legais
As oficinas de asesoramento legal a afectados por preferentes posta en marcha pola Deputación Provincial de Pontevedra e pola Unión de Consumidores de Galicia mantiveron durante a súa segunda xornada de funcionamento o mesmo ritmo de traballo que no primeiro día.
Así, se onte foron 108 as consultas atendidas polos asesores, hoxe foron 102. As expectativas para as próximas semanas, en función do número de persoas que está chamando ou acudindo ás oficinas para pedir cita cos avogados, é que este ritmo se manteña e non se baixe das 100 consultas diarias, aínda que a cifra pode variar en función da complexidade dos casos concretos que se atendan, que poden requirir de máis ou menos tempo de dedicación.
Unha vez máis, a desconfianza nas cifras que a entidade financeira lles ofrece aos clientes en relación á quita e ao canxe das preferentes e subordinadas por accións é un dos motivos que máis preocupa aos usuarios.
Unha boa parte deles acude ás oficinas para que lle verifiquen se os datos ofrecidos na entidade se corresponden coa realidade.
Outro dos temas que preocupa é se a venda das accións para obter liquidez pode prexudicalos no caso de que decidan emprender accións legais para recuperar o seu diñeiro integramente. Nestes casos, os propios asesores lle facilitan ao usuarios un documento de reserva de accións legais, no que fan constar que, aínda que aceptan o canxe e a venta, se reservan o dereito a reclamar por vía xudicial ou arbitral a devolución íntegra dos seus aforros.
Consultas atendidas por área
As oficinas que máis consultas atenderon nesta xornada foron as de A Estrada, con 16 persoas atendidas, e Pontevedra e Cangas, con 14 cada unha.
En Vigo e Redondela atendéronse 12 afectados en cada oficina, en Ponteareas 11, en Tui e Cambados 8 en cada unha e en Lalín, 7.
Cómpre ter en conta que o número de consultas atendido diariamente depende, en boa medida, do perfil e do tipo de consulta do usuario e non tanto do número de afectados que acoden á oficina. Así, por exemplo, as oficinas de Pontevedra, Ponteareas, Vigo, Tui e Redondela son as que están a rexistrar maior número de solicitudes de consulta, mentres que os afectados da área de Lalín están acudindo de forma máis gradual ás oficinas.
O obxectivo da Deputación e da Unión de Consumidores é dar resposta a todos os afectados, polo que o acordo asinado entre ambas as dúas entidades xa establece a posibilidade de prorrogar a vixencia de mesmo en caso de que se considere necesario.



No hay comentarios:

Publicar un comentario