·
O índice de participación
das galegas e galegos nas campañas de doazón de sangue situouse en 40,5
doazóns por cada 1.000 habitantes e ano no pasado exercicio
·
O Centro de Transfusión de Galicia salientou as 6.657 doazóns obtidas polo procedemento de aférese
O Centro de Transfusión de Galicia (CTG) presentou esta mañá os
resultados das campañas de doazón de sangue desenvolvidas no pasado ano
2014 e que supuxeron
que Galicia acadase un total de 111.255 doazóns de sangue, cifra que
permitiu, por 15º ano consecutivo, que a nosa Comunidade se mantivese,
con 40,5 doazóns por cada 1.000 habitantes e ano, dentro dos índices de
doazóns recomendados pola Organización Mundial
da Saúde (OMS).
Os datos foron presentados nunha
rolda de prensa polo director xeral de Asistencia Sanitaria do Servizo
Galego de Saúde, Félix Rubial Bernárdez, que estivo acompañado pola
directora do Centro de Transfusión de Galicia,
María Inmaculada Rodríguez Calvo. Ambos coincidiron en salientar a
positiva evolución da nosa Comunidade a pesares do descenso do 2,52%
experimentado o pasado ano, debido ao envellecemento sociodemográfico
experimentado pola poboación galega. Non obstante,
Félix Rubial salientou que Galicia supera en catro puntos a media de
doazón española, situándose entre as Comunidades con maior taxa de
doazón de España, e apelou á probada solidariedade dos galegos e galegos
para remontar este lixeiro descenso e incrementar
o volume de doazóns de sangue no presente exercicio.
Datos 2014
O director xeral de Asistencia
Sanitaria sinalou que a meirande parte dos cidadáns decantáronse por
acudir a unha unidade móbil do CTG para facer a súa doazón, xa que no
pasado 2014, o 84,3% das doazóns rexistráronse neste
vehículos, aínda que lembrou a presenza de locais de atención
permanente ao doador de sangue nas sete grandes cidades galegas para
facilitar o acceso dos cidadáns a este xesto solidario,
Ademais, Félix Rubial salientou a
elevada participación dos cidadáns no programa de doazón mediante
aférese, do que, no pasado ano, se rexistraron 6.657 procesos, aínda que
manifestou o interese do CTG en tentar incrementar
no presente exercicio o número de doazóns mediante este procedemento.
A doazón mediante aférese permite a
obtención dos diferentes compoñentes sanguíneos por separado e nun
mesmo proceso e permite mellorar a calidade transfusional e a asistencia
sanitaria a doentes que padecen diferentes enfermidades
como o cancro.
Colaboración
O director xeral de Asistencia
Sanitaria non quixo deixar de amosar o agradecemento do Servizo Galego
de Saúde e da Consellería de Sanidade a todos os cidadáns que teñen
participado activamente nas campañas de doazón de
sangue xa que, co seu xesto solidario, contribúen ao mantemento do noso
sistema sociosanitario. Neste sentido, salientou o elevado consumo dos
distintos compoñentes sanguíneos por parte dos hospitais galegos que
cifrou un 96.404 unidades de hemacías no pasado
2014, aínda que esta cifra supuxo un 2,6% de descenso do consumo con
respecto ao ano anterior.
Ademais, salientou a importancia da
colaboración prestada por miles de cidadáns pero tamén por todos os
colectivos da sociedade galega, institucións, empresas,
asociacións,...Mención especial merece a contribución da factoría
viguesa de PSA Peugeot Citroën que, dende o ano 1994, acolle campañas
de doazón de sangue e contabiliza unha cifra que ronda as 53.000 doazóns
no transcurso destas dúas décadas.
Agradecemento
Félix Rubial non quixo deixar de
amosar o seu recoñecemento, e o de toda a sociedade galega, a todos os
doadores e doadoras, así como a todas as persoas, asociacións e
institucións que colaboran nas campañas informativas
a prol da doazón de sangue, especialmente ás Irmandades de Doadores de
Sangue e salientou o papel dos medios de comunicación na distribución de
información vencellada con este xesto solidario.
No hay comentarios:
Publicar un comentario