O Albariño está á volta da esquina. As primeiras  casetas xa lucen na Calzada, os organizadores non se dan un respiro para  rematar os últimos detalles e os comerciantes xa presentaron as bases  para o concurso de lemas de camisetas, no que repartirá 700 euros. En  resumidas contas, o movemento habitual nestas datas previas á semana  grande pero diferente ao mesmo tempo porque esta 60 edición terá un son  especial e non só porque o Rey da Balada, Julio Iglesias, vaia ofrecer o  seu único concerto galego na vila que, por certo, vai vento en popa  porque xa vendeu o 50% das localidades; tamén porque o grupo Manso e  Amigos compuxo un tema adicado exclusivamente ao evento vitivinícola e  outro á vila en particular. A súa estrea terá lugar o domingo, as 22:30  horas na Praza de Fefiñáns durante a gala de elección das Raíñas do  Albariño, e co acompañamento do gran instrumentista Esteban Batallán. 
Precisamente  o alcalde, Luis Aragunde, recibiu onte da man do propio “Manso”,  Salvador Cores, e do resto de compoñentes do grupo (Ramón Vieites, Xoán  Silva, Blas Domínguez, José Antonio Vilas e Olegario Falcón) as  partituras. A adicada a capital do albariño leva por nome “A ti meu  Cambados” e o seu estribillo correspóndese a unha dedicatoria inserida  no “Vento Mareiro” de Ramón Cabanillas: “A ti meu Cambados, pobre,  fidalgo e soñador, que o cantareiro son dos pinales i ó agarimo dos teus  pazos lexendarios, dormes deitado ó sol, á veira do mar”. A melodía foi  aportada por Gonzalo González e os arranxos polo conxunto vilaxoanés.
versos "da raza"
A  inspiración do poeta da raza tamén está presente en “Amante Albariño”  coas súas verbas: “Albariño ouro da terra/ sol que encendes os  amores/alumeas corredoiras/e fas esquecer dores...”; e se misturan con  outras de Cunqueiro: “Ven, ven, ven amante albariño, ven, ven, ven ó meu  lado, ven, ven, ven delicioso albariño, ven, ven, ven meu amigo”; así  como versos moi populares de Emilio Álvarez Blázquez como “Fumos ó viño  Albariño/ fror da terra vendimada/ como quen vai de camiño/ e quedamos  de pousada”.
No programa da festa tamén está incluida un evento  gastronómico moi peculiar. A asociación cultural e veciñal Santa Cruz  prepará hoxe unha paella xigante que poderá degustarse no campo da festa  a partir das 14 horas por 6 euros que ademais, dan dereito a un pedazo  de empanada, pan e viño tinto do país (a repetir). Pero, antes ás 10  horas, xa haberá actividades de entretenemento como un campionato de  chave e outro de ran, e unha misa cantada na mesma carpa da festa.
Outra  das citas inmediatas para estes días é a inscripción no concurso de  camisetas da asociación de comerciantes, Cambados Zona Centro, porque o  prazo remata o próximo día 3. Segundo as bases, presentadas onte polo  seu presidente, Marcos González, na compaña do alcalde, é preciso  formalizar a participación nas súas oficiñas, na rúa Ourense, e entregar  un exemplar. A mellor levará 400 euros, a segunda 200 e haberá un  tercer premio de 100 euros. Este ano rebaixáronse as cuantías porque a  situación tamén é compricada para este sector. Os gañadores recibirán os  seus recoñecementos o sábado, día 4. 
Para ilustrar a iniciativa,  a entidade elixiu unha imaxe de Julio Iglesias na que pon un exemplo de  lema participante: “Albariño, un viño para presumir” para exemplarizar a  necesidade de empregar o inxenio e o bo humor, deixando de lado a  vulgar. Porque a, cada vez máis preto, presenza do “Rey da Balada” na  localidade está causando auténtico furor.
A produtora Esmerarte  informaba onte de que xa leva vendido case o 50% das localidades  previstas para o seu concerto do día 1 en Fefiñáns, en tan só unha  semana dende que se puxeron á venda. Resulta bastante lóxico tendo en  conta que se trata do único concerto que ofrecerá este ano en Galicia, e  sobre todo, dende que se fixo público que a súa cita co público canario  tivo que suspenderse ata novo aviso por problemas de “loxística”. Cabe  lembrar que nesta xira está a facer un repaso dos números un da súa  carreira musical e que as entradas continúan á venda en El Cortes  Inglés, Novagalicia Banco e a oficina de turismo de Cambados. E o  concerto de Iglesias non é máis que o preludio de toda unha semana de  festa. O contador do espíritu albariñense está en marcha
miércoles, 25 de julio de 2012
New
O instrumentista Esteban Batallán estreará con Manso e Amigos dous temas adicados ó Albariño e Cambados.
XM de Voz de Barro
 Voz de Barro. Mail: vozdebarro@gmail.com 
música
Etiquetas:
barro,
Esteban Batallán,
música
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)

No hay comentarios:
Publicar un comentario