Incrementarase considerablemente a achega para os SAF, co obxectivo de dar cobertura ao maior número de demandantes
· A Consellería destina 2 millóns de euros para a contratación de desempregados destinados aos concellos
· Serán contratos de 25 horas semanais que permitirán dar continuidade aos servizos que agora están prestando nos concellos os traballadores do Plan de Emprego da Deputación
· Estímase que se poderán contratar unhas 500 persoas
A Deputación de Pontevedra destinará este ano un total de 2.247.504 euros ao financiamento de servizos sociais básicos nos 53 concellos da provincia de menos de 20.000 habitantes. Así se recolle nun acordo asinado esta mañá polo presidente da Administración Provincial, Rafael Louzán, e a conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato e no que tamén se inclúe unha achega de 2 millóns de euros por parte da Consellería para que a Deputación poida contratar a desempregados para a realización de traballos nos concellos.
A achega que a Deputación destinará aos servizos básicos municipais permitirá cubrir o financiamento do Servizo de Atención no Fogar e a retribución do persoal dos centros de servizos sociais comunitarios e de persoal técnico dos equipos municipais con perfís complementarios aos do traballador social, como auxiliares administrativos ou educadores.
Pola súa banda, a Consellería responsabilizarase destes servizos nos concellos de máis de 20.000 habitantes, así como de subvencionar aos traballadores sociais de todos os municipios.
Tanto a conselleira como o propio presidente da Deputación fixeron especial fincapé no compromiso firme da Administración Provincial cos servizos sociais, que suporá incrementar considerablemente a achega que os concellos poderán recibir neste ano para o servizo de atención no fogar (SAF).
Inicialmente, estaba previsto que a Deputación destinase a mesma cantidade achegada pola Xunta en 2011 a este servizo, pero a administración provincial decidiu ampliala considerablemente para facilitar a cobertura asistencial por medio deste servizo do maior número posible de demandantes.
Así, aínda que estará en función da demanda de axudas que presenten os concellos, estímase que dos 2.247.504 de euros que achegará a Deputación 1.193.579 euros irá ao financiamento dos SAF e 1.053.925 destinarase a persoal técnico e de servizos comunitarios.
Por medio deste acordo, a Deputación dará cobertura a todos os concellos da provincia excepto Pontevedra, Vigo, Cangas, A Estrada, Redondela, Lalín, Marín, Ponteareas e Vilagarcía, dos que se responsabilizará a Xunta. En total, a Deputación atenderá unha poboación de 397.529 habitantes.
500 traballadores
Como contrapartida, a Xunta, a través da Consellería de Traballo e Benestar, destinará á Deputación unha achega de 2.000.000 de euros (catro veces máis do que viña achegando ata o de agora a esta deputación para políticas de emprego) para a contratación de persoal destinado ao desenvolvemento de obras e servizos de interese colectivo nos concellos da provincia.
O obxectivo é mellorar a empregabilidade dos traballadores e asegurarlle aos concellos a disposición de medios humanos para atender servizos municipais básicos.
Permitirá contratar a unhas 500 de persoas, con contratos de 25 horas semanais para darlle unha oportunidade ao maior número de traballadores posible, que dependerá das necesidades concretas dos concellos, do tipo e duración dos contratos (que poderá ser de 4 ou 6 meses) e do perfil do traballador (técnicos ou peóns). Serán contratos para comezar a traballar a partir do 1 de outubro, enlazando así co Plan de emprego da Deputación.
Achega sen precedentes
Neste sentido, Rafael Louzán incidiu en que, grazas ao acordo asinado hoxe nun acto no que tamén participou a deputada Marta Iglesias e o delegado da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, “os cidadáns van ver que unimos forzas, que evitamos solapamentos e duplicidades” e que grazas a esta “estreita colaboración e coordinación” imos garantir os servizos básicos e tamén a mellora da empregabilidade dos pontevedreses e pontevedresas.
Louzán incidiu en que, con este acordo, “os concellos van ter a garantía absoluta non só de que van poder seguir prestando os servizos sociais básicos, senón de que imos poñer todos os medios ao noso alcance para que poidan facelo da mellor maneira posible”.
Así, recalcou que o obxectivo da Deputación é lograr non só que non diminúa a cantidade destinada a estes servizos, senón reforzalos, para o que a Administración provincial comprometeu, no acordo desta mañá “unha achega sen precedentes”.
“Tanto desde a Xunta de Galicia como desde esta institución –dixo Louzán- apostamos pola atención de proximidade” e, por iso, se vai facer unha aposta forte pola atención social.
“Logralo vainos esixir un esforzo extraordinario, pero cremos que é positivo, necesario e xusto, porque estamos falando dos que máis o precisan e dos que menos teñen”, recalcou. En canto á contratación de persoal destinado aos concellos, Louzán destacou que se comezarán a seleccionar en setembro, co obxectivo de que os concellos poidan manter o nivel de servizos que agora están prestando e que, nunha provincia moi turística está permitindo que “teñamos en perfecto estado de revista as nosas infraestruturas”.
No hay comentarios:
Publicar un comentario