A XUNTA DE GOBERNO APROBA OS 160 OBRADOIROS DO PROGRAMA “DEPO EN MARCHA” - Voz de Barro. Noticias

Breaking

El tiempo en Barro

El tiempo - Tutiempo.net

martes, 12 de julio de 2016

A XUNTA DE GOBERNO APROBA OS 160 OBRADOIROS DO PROGRAMA “DEPO EN MARCHA”




160 entidades de 46 concellos da provincia se beneficiarán da iniciativa de envellecemento activo e mellora da calidade de vida das persoas maiores

A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra vén de aprobar as solicitudes dos obradoiros do programa Depo En Marcha para o ano 2016, unha iniciativa elaborada polo servizo de Cohesión Social e Xuventude. Tras adxudicar a contratación da execución do programa na Xunta de Goberno do pasado 23 de xuño á empresa “Magnafor Qualitas, S.L.”, que ofertou un prezo por obradoiro de 745,36 €, pódeselle dar cobertura a un total de 160 cursos, o que supón un incremento de 60 obradoiros fronte aos ofertados inicialmente. O custo máximo para a institución provincial desta iniciativa, IVE incluído, é de 120.000 €.

As entidades beneficiarias de maiores, pensionistas e xubilados da provincia de Pontevedra tiveron que cumprir algún dos seguintes requisitos: seren asociacións, federacións ou confederacións e fundacións que figuren no Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais; seren entidades que figuren no Rexistro Xeral de Asociacións dentro da provincia e clasificadas na categoría “terceira idade–pensionistas–xubilados”; seren asociacións de maiores, pensionistas, persoas prexubiladas e xubiladas malia non estar recollidas nos anteriores rexistros ou entidades que, sen o estar tampouco, xustifiquen o seu labor no eido das persoas maiores.

As entidades beneficiarias pertencen aos concellos de Agolada, Arbo, Baiona, Barro, Bueu, Caldas de Reis, Cambados, Campo Lameiro, Cangas, A Cañiza, Cerdedo, Cotobade, Covelo, Crecente, A Estrada, Forcarei, Fornelos de Montes, Gondomar, A Illa de Arousa, Lalín, A Lama, Marín, Meaño, Moaña, Mondariz, Moraña, Mos, Nigrán, O Rosal, Pazos, Poio, Ponteareas, Ponte Caldelas, Pontevedra, O Porriño, Redondela, Ribadumia, Salceda de Caselas, Sanxenxo, Silleda, Soutomaior, Tomiño, Tui, Valga, Vigo e Vilagarcía de Arousa.
Os 29 obradoiros incluídos dentro do programa Depo En Marcha correspóndense con oito grandes bloques: Traballando coas Mans (cestería, pintado de teas, reciclaxe ou arte floral), Entre fogóns (cociña galega, elaboración de conservas, licores, panadería, repostería, tapiñas ou petiscos), Aprendendo da Natureza (un obradoiro de plantas medicinais e outro de poda e tarefas de campo), Móvete (pilates, ioga, taichí, ximnasia de mantemento e zumba), Activando Corpo e Mente (conservación da memoria, musicoterapia, risoterapia ou control e manexo da ansiedade e o estrés), Dálle Marcha (bailes de salón, pandeireta e canto popular), Enredando (xogos tradicionais, teatro e fotografía) e En Rede (internet e correo electrónico, iniciación á informática e informática avanzada). Estes obradoiros teñen unha duración de 30 horas e serán impartidos en xornadas de entre unha e tres horas á semana, que as entidades poderán repartir no mesmo día ou días alternos, segundo as necesidades das persoas participantes ou da propia entidade.

Todos eles forman parte dunha iniciativa da Deputación de Pontevedra, a través do seu Servizo de Cohesión Social e Xuventude, posta en marcha tras detectar a necesidade de establecer medidas que favorezan o envellecemento activo, optimizando as oportunidades de saúde, de participación e de seguridade coa finalidade de mellorar a calidade de vida das persoas maiores da provincia de Pontevedra.

Á súa vez, Depo En Marcha tamén busca o establecemento de relacións sociais e de movementos de participación e cooperación social entre as persoas participantes, polo que promove por unha banda o establecemento de espazos de encontro e de intercambio de experiencias e, por outra, a independencia das persoas maiores, evitando o illamento e as situacións de soidade que se dan en moitas ocasións entre as persoas que se atopan neste rango de idade.

No hay comentarios:

Publicar un comentario