§ No marco
do Plan específico extraordinario de investimentos, a Vicepresidencia vén de
convocar dúas ordes de subvencións, coa finalidade principal de contribuír a
mellorar a calidade da vida local cun importe total de 5 millóns de euros
§ A primeira
das convocatorias está destinada á mellora de infraestruturas e equipamentos
nos concellos de Galicia
§ A outra
liña de axudas está dirixida ás asociacións de veciños, comunidades de usuarios
de augas e asociacións de mulleres rurais de Galicia
§ A Xunta
contempla a posibilidade dunha posterior ampliación de crédito sen apertura de
novo prazo de presentación de solicitudes, que será destinado aos concellos
afectados polos temporais
A Xunta de Galicia destacou hoxe o forte
tecido asociativo da provincia de Pontevedra, que recibirá 1.050.000 euros –o
maior investimento provincial- da Orde de axudas para Asociacións
de Veciños, Comunidades de usuarios de augas e Asociacións de Mulleres Rurais
de Galicia publicada a semana pasada no Diario Oficial
de Galicia.
O director
xeral de Administración Local, Alberto Pazos, e o delegado territorial da Xunta
en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís detallaron hoxe en Pontevedra
convocatoria de axudas que vén de publicar a Xunta a semana pasada.
O Diario Oficial de Galicia publicou a semana pasada as
ordes de axudas para concellos e entidades grazas ás cales tanto os
concellos de Galicia como entidades sociais, que engloban asociacións de
veciños, comunidades de usuarios de augas e asociacións de mulleres rurais de
Galicia, poderán contar cunhas axudas que acadan en total os 5 millóns de
euros.
A primeira das convocatorias está destinada á mellora de infraestruturas
e equipamentos nos concellos de Galicia; e a segunda das Ordes destínase para
as asociacións de veciños, confederacións, federacións ou unións de asociacións
de veciños de Galicia, comunidades de usuarios de augas e asociacións de
mulleres rurais de Galicia.
Estas dúas ordes teñen en común o seu financiamento, que ten orixe no
Fondo de Superávit de Responsabilidade, unha achega extraordinaria de fondos
froito do cumprimento do déficit público, e que a Xunta entende que debe servir
coma axuda a aqueles organismos, tanto concellos coma asociacións, con
especiais dificultades económicas e aqueles concellos que se comprometeron no
cumprimento dos mesmos obxectivos de déficit do goberno galego.
As axudas
para entidades teñen por obxecto subvencionar investimentos
destinados ás asociacións de veciños, confederacións, federacións ou unións de
asociacións de veciños de Galicia, comunidades de usuarios de augas debidamente
inscritas no rexistro público correspondente e asociacións de mulleres rurais, coa finalidade de contribuír a mellorar a
calidade da vida da veciñanza galega.
Esta liña de axudas conta cun orzamento de 3
millóns de euros distribuídos por provincias. A Coruña conta con 950.000 euros;
Lugo e Ourense, 500.000 cada unha das provincias; e Pontevedra, a que máis, con
1.050.000 euros. A axuda económica poderá acadar a totalidade do investimento
realizado cun límite máximo de 15.000 euros para a realización de obras e de
5.000 euros para dotación de equipamentos.
Grazas a esta orde, as
entidades poderán realizar investimentos, tanto de obra como de equipamentos,
en inmobles da súa titularidade ou dos cales lles corresponda o dereito de uso,
camiños veciñais e traídas de augas veciñais coa finalidade de mellorar a
prestación dos servizos de interese veciñal, mediante un mellor aproveitamento
dos recursos dispoñibles, contribuíndo deste xeito a satisfacer as necesidades
e aspiracións da veciñanza.
As entidades deberán estar
debidamente inscritas no correspondente rexistro de asociacións da Comunidade
Autónoma de Galicia, conter na súa denominación a identificación como
asociación de veciños, federación, confederación ou unión de asociación de
veciños, e ter actualizados no rexistro os datos de composición da xunta
directiva e os estatutos da entidade. No suposto das comunidades de usuarios de
augas, deberán estar inscritas no libro do rexistro de augas do correspondente
organismo de bacía.
As solicitudes deberán
presentarse preferentemente por vía electrónica a través do formulario
normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal, e o prazo de
presentación das solicitudes será dun mes, contado a partir de maña, segundo
dispón o Diario Oficial de Galicia.
Mellora de
infraestruturas e equipamentos nos concellos galegos
Esta liña de subvencións teñen por obxecto o outorgamento de axudas
específicas para investimentos destinados aos concellos de Galicia para a
mellora de infraestruturas e equipamentos, coa finalidade de contribuír a
mellorar a calidade da vida local, e que contan cun orzamento de 2 millóns de
euros.
Os
representantes autonómicos puxeron en valor o éxito desta convocatoria posto
que o número de solicitudes presentadas (85 ata o momento) xa supera o crédito
disposto nesta orde. Pese a isto, o director xeral animou a seguir presentando
solicitudes ante a posibilidade de que se incremente o orzamento. Alberto Pazos indicou que a Xunta
contempla a posibilidade dunha posterior ampliación de crédito sen apertura de
novo prazo de presentación de solicitudes, que será destinado aos concellos
afectados polos temporais, e neste caso a axuda alcanzará os dous terzos do
investimento realizado, cun prazo de execución e xustificación ata o 31 de
outubro.
Serán subvencionables os investimentos na mellora de infraestruturas,
dotacións, instalacións e equipamentos vinculados á prestación de servizos
municipais, coma obras de saneamento e abastecemento de auga, pavimentación de
vías públicas municipais, reformas de edificios e instalacións municipais, e dotación
de equipamentos. A axuda económica concedida terá un límite de 35.000 euros por
concello, podendo cubrir o cen por cen do investimento solicitado. As
solicitudes de subvención serán atendidas respectando a súa orde de entrada e
sen comparación con outras solicitudes, ata o esgotamento do crédito dispoñible.
Ao abeiro desta convocatoria os concellos galegos de menos de 10.000
habitantes que a súa actuación respecte os requisitos fiscais impostos pola
normativa estatal de estabilidade orzamentaria, regra de gasto, límite de
débeda e período medio de pagamento a provedores; os concellos afectados polos
temporais acontecidos na nosa comunidade nos meses de xaneiro e febreiro deste
ano; e os concellos que non recibiran axudas superiores a 20.000 euros na liña
non competitiva do Fondo de Compensación Ambiental, poderán optar a estas
axudas.
No hay comentarios:
Publicar un comentario