Os técnicos sinalan a nova aparición de bolboretas de
Cydalima Perspectalis nos buxos dos xardíns da provincia
En canto á
viña, o Mildeu está a afectar ao 3% dos acios, e o Oidio está no momento de
maior afectación
Os técnicos da Estación
Fitopatolóxica de Areeiro (EFA), centro dependente da Deputación provincial,
instaron hoxe a vixiar "moi ben" as plantacións de pataca por polas
posibles infeccións por Mildeu e escaravello. Así mesmo, alertan de que no buxo
empeza a haber de volta danos, de momento puntuais e nalgunhas zonas, por
Cydalima perspectalis, a bolboreta que xa afectou os xardíns da provincia hai
uns meses.
En canto á viña, desde a emisión do aviso anterior, os técnicos
recibiron numerosas consultas acerca da aparición de síntomas severos de Mildeu
en todas as comarcas. Con todo, na revisión desta semana a maioría das leiras
ou non presentaba síntomas, ou apenas alcanzaban o 3% dos acios, cunha
superficie afectada ao redor dun quinto do total. Si se comprobou que as
parcelas do Condado presentan maior afectación. En xeral, segundo advertiron os
especialistas, a situación máis desfavorable observouse en leiras que
presentaron ata fai moi pouco ou presentan aínda un exceso de vexetación, tanto
a nivel da propia planta como da vexetación adventicia, polo que se aconsella
realizar traballos que faciliten a aireación dos acio (despuntes, desfollados,
desbroces) que a día de hoxe son "imprescindibles". Ademais, tamén se aconsella renovar os
tratamentos (se non se fixo xa) confirmando sempre a eficacia das aplicacións
por se fose necesario repetir a intervención.
Sobre o
Oidio, os acios atópanse nun estado de desenvolvemento moi sensible ás
infeccións, e as condicións ambientais que se rexistran tamén son favorables,
sobre todo naquelas localizacións onde se están producindo néboas que manteñen
unha humidade elevada e unha menor luminosidade. "Observamos un incremento
significativo na sintomatoloxía en plantas testemuña sen tratamentos e nas
parcelas historicamente sensibles, como a de Castrelo. Nas demais, ou non hai
síntomas ou estes aparecen limitados a algúns grans. Por este motivo,
recoméndase renovar o tratamento se non se realizou recentemente, nese caso é
fundamental confirmar que freou a infección", sinala a técnico Rosa Pérez
Otero.
Pataca e buxo
Os técnicos
de Areeiro veñen de detectar a posibilidade de afeccións de Mildeu nas
plantacións de pataca de toda a provincia. A humidade foliar nocturna que se
está a rexistrar implica que se dan condicións favorables ás infeccións, polo
que se debe manter a protección con tratamentos respectando o prazo de seguridade
dos produtos utilizados en prantas próximas á colleita.
Por outra banda, tamén se teñen detectado escaravellos en
prantas que aínda están medrando e nas que estes defoliadores están a causar
importantes danos. Tamén se recomenda actuar tendo en conta as condicións
climáticas.
Por último, nalgunhas
zonas, coménzanse a observar as primeiras larvas da segunda xeración da
coñecida como bolboreta do buxo. Este fitófago xa causara graves danos nos
setos de parte da provincia entre finais de abril e primeiros de maio, polo que
é aconsellable incrementar a vixilancia e aplicar os tratamentos cando de
observe a súa aparición.
Nota: Os medios que precisen máis
información ou imáxenes dos patóxenos poden utilizar, citando a súa
procedencia, os documentos e gráficos existentes na páxina web da EFA (http://www.efa-dip.org/es/servicios/Info_Fitosanitaria/Avisos/ultimo.HTM). As radios e tv poden contactar coa
técnica Rosa Pérez Otero para tomar audios e vídeos do presente aviso
fitopatolóxico.
No hay comentarios:
Publicar un comentario