Os técnicos alertan da aparición da ‘psila africana’ nos
cítricos de do ‘tigre do plátano’ nas árbores de diferentes zonas da provincia
Na viña
insístese na necesidade de vixilancia das parcelas e da aireación dos acios
como medidas preventivas fronte ao Mildeu
A Estación Fitopatolóxica de
Areeiro, centro dependente da Deputación de Pontevedra, vén de advertir dos
graves danos da Cydalima perspectalis
nos buxos dos xardíns da provincia.
Segundo indican, recibíronse numerosas notificacións de danos “ben visibles”,
polo que se recomenda facer fronte á praga utilizando aceite de parafina,
azadiractin (de orixe natural) ou cipermetrin, deltametrin ou outros piretroides
(de orixe sintética), procurando mollar ben a totalidade da pranta.
Por outra banda, os responsables da
estación sinalan o inicio dos síntomas da presencia do coñecido ‘tigre do
plátano’ (Corythuca ciliata) en
árbores de diferentes zonas da provincia. Para reducir as poboacións e evitar
as decoloracións que xera o ataque nos ‘plátanos
de sombra’ é recomendable aplicar un tratamento con alfacipermetrin e
deltametrin, nas porcentaxes indicadas (pódese consultar as cantidades na web
do Areeiro).
En canto á pataca, continúanse a observar poboacións importantes de
escaravello, que pode chegar a eliminar incluso toda a masa foliar da pranta.
En canto ás couces dos acios , nestes momentos en que en moitas fincas se está
a realizar a colleita, é preciso lembrar que é fundamental retirar os restos do
cultivo e destruílos para evitar que alberguen individuos das pragas.
En relación aos cítricos, durante estes días os técnicos de Areeiro recibiron un
elevadísimo número de consultas sobre como intervir fronte á praga da ‘psila
africana’ (Trioza erytreae), que
nestes momentos está en plena actividade. Unha boa medida é retirar e destruír
os brotes máis novos e tenros, nos que están as colonias dos insectos. Ademais,
é preciso aplicar tratamentos insecticidas. Debido a que tamén hai presencia de
pulgóns e cochinillas ademais do tratamento específico para o control da psila,
do que só se permiten unha ou dúas aplicacións ao ano, pode utilizarse calquera
outro produto destinado ao control de insectos ‘chupadores’ dos cítricos.
As maceiras están nestes momentos sendo afectadas polo ‘moteado’ como
consecuencia das condicións climáticas nocturnas e das primeiras horas do día
(temperaturas altas e humidade). Así mesmo, continúan aparecendo colonias de
pulgón verde, e o pulgón laníxero está aumentando a súa actividade. A couce da
maceira está a afectar fincas preto de Pontevedra nas que hai capturas
importantes que se sitúan no límite de tolerancia. Debido a que este ano en
xeral hai pouca froita, é o momento ideal para adoptar medidas de control
alternativas como a instalación de bandas-trampa de cartón ondulado.
Finalmente, en canto á viña, a situación segue a ser
medianamente estable fronte á semana pasada. Sen embargo, houbo fincas no
Condado, Rosal e preto de Pontevedra nas que si se confirmou un avance do fungo
do Mildeu, todas elas nas que os labores de roza non se realizaron
adecuadamente ao longo da campaña.
Nos vindeiros días anúncianse
condicións similares de temperatura ás de anteriores semanas, o que sumado á
existencia de orballos fai que a situación de risco persista. Aconséllase,
pois, manter un elevado nivel de vixilancia, realizando revisións periódicas e
renovar os tratamentos no caso necesario para frear as infeccións. Insístese en
que non se deben esquecer os labores de aireación dos acios con despuntes,
desfoliados e rozas.
No hay comentarios:
Publicar un comentario