O titular da Xunta presidiu a sinatura do
convenio entre a Consellería de Sanidade, o Sergas e o Concello de Pontevedra
polo que se establecen as bases para a execución das obras de ampliación do
hospital que pasará a denominarse Gran Montecelo
FEIJÓO SUBLIÑA QUE COA AMPLIACIÓN DO HOSPITAL PÚBLICO
DE MONTECELO EN PONTEVEDRA O MAPA SANITARIO DE GALICIA ESTÁ MÁIS PRETO DE
ACADAR A SÚA COMPLETA RENOVACIÓN
§ Agradece
a unión de esforzos para que se poida proceder canto antes á redacción e
execución do proxecto sectorial de incidencia supramunicipal, que fixará os
criterios urbanísticos para a ampliación deste hospital
§ Salienta
que con esta ampliación os profesionais desenvolverán o seu traballo nun único
edificio; haberá unha única porta de Urxencias; trátase dunha obra que non
interferirá na actividade asistencial do antigo edificio, co que posteriormente
se realizará a conexión; e aproveita a infraestrutura do actual Montecelo
§ Resalta
que os terreos sobre os que se construirá esta ampliación abranguen unha extensión
de máis de 46.000 m²; polo que, no seu conxunto, o novo hospital pasará a
ocupar unha superficie superior aos 90.000 m²
§ Destaca
o traballo dos profesionais do Sergas, que fan posible que este primeiro
semestre de 2016 sexa o semestre cos mellores datos de listas de espera desde
que hai rexistros: “Neste período, fixeron máis de 100.000 intervencións, o que
supuxo baixar a demora media para unha intervención cirúrxica a 58 días e
rebaixar en 5 días, pasando de 40 a 35, o tempo medio de espera para unha
consulta”, di
§ Felicita
especialmente aos traballadores da área de Pontevedra, “xa que semestre a
semestre se confirma que o Hospital público de Pontevedra é un dos máis
eficientes de todo o Servizo galego de Saúde”
O presidente da Xunta, Alberto
Núñez Feijóo, destacou hoxe que coa ampliación do Hospital público de Montecelo
en Pontevedra o mapa sanitario de Galicia está máis preto de acadar a súa
completa renovación.
Durante a
sinatura do convenio entre a Consellería de Sanidade, o Sergas e o Concello de
Pontevedra polo que se establecen as bases para a execución das obras de
ampliación do hospital, Feijóo aseverou que con esta premisa a Xunta construíu
o hospital máis grande que fixo nunca o Servizo galego de Saúde, o Hospital
Público de Vigo; ampliáronse as urxencias do CHUAC e, neste momento, estase a
levar a cabo o equipamento do bloque cirúrxico completo; estase a rematar a
ampliación do Hospital do Salnés; estase a levar a cabo a ampliación do
Hospital da Mariña e entregarase aos cidadáns de Ourense un novo edificio de
hospitalización do Complexo Hospitalario de Ourense; estase a traballar para
presentar o Plan director do Hospital de Ferrol e tamén a ampliación do
Hospital de Conxo; renováronse 36 centros de saúde e estanse a licitar outros
10.
O responsable
do Executivo autonómico salientou que este proxecto de ampliación do Hospital
público de Montecelo é froito do consenso e da colaboración institucional entre
a Xunta e o Concello. Non en van, nace do consenso en torno ao proxecto, ao contar
coa aceptación maioritaria en todos os ámbitos sociais; do consenso en torno á
planificación; e do consenso en torno á execución da obra.
Sobre este
punto, Feijóo agradeceu a unión de esforzos para que se poida proceder canto antes
á redacción e execución do proxecto sectorial de incidencia supramunicipal, que
fixará os criterios urbanísticos para a ampliación deste hospital público, que
pasará a chamarse Gran Montecelo; e para a dotación de infraestruturas e servizos
necesarios para o seu óptimo funcionamento.
Unha ampliación demandada, merecida e necesaria
Feijóo
incidiu en que se trata dunha ampliación que a área sanitaria de Pontevedra
demandaba, e que os veciños de Pontevedra merecían. Pero que tamén esixía o
propio funcionamento asistencial, xa que actualmente a atención hospitalaria
préstase en tres centros diferentes e fisicamente separados e afastados: o
Centro de Especialidades de Mollabao, o Hospital Provincial e o Hospital
Montecelo.
“Polo tanto, estamos
a falar dun proxecto de ampliación que achega moitas vantaxes, xa que os
profesionais desenvolverán ou seu traballo nun único edificio; haberá unha
única porta de Urxencias; trátase dunha obra que non interferirá na actividade
asistencial do antigo edificio, co que, posteriormente se realizará a conexión;
aproveita a infraestrutura do actual Montecelo; implica menos expropiacións e
casas afectadas que co anterior proxecto e busca o maior consenso profesional,
social e político”, abundou.
Máis polo
miúdo, o presidente da Xunta explicou que o proxecto para a construción do Gran
Montecelo consiste nunha ampliación do actual hospital cara ao sur. Os terreos
sobre os que se construirá esta ampliación abranguen unha extensión de máis de 46.000
m²; polo que, no seu conxunto, o novo hospital pasará a ocupar unha superficie
superior aos 90.000 m².
O plan
previsto é que o novo inmoble estea unido ao resto das instalacións de
Montecelo, e que nel estean centralizados servizos como: a área de urxencias, a
Unidade de Coidados Intensivos, a hospitalización con ingreso ou as
especialidades de maior complexidade.
A atención
ambulatoria prestarase nas instalacións actuais de Montecelo, onde se
aproveitarán os investimentos realizados nos últimos anos para adecualas aos
servizos de cirurxía maior ambulatoria, cirurxía de curta estancia, un hospital
de día e diversas consultas. E, no exterior, contará cun aparcadoiro libre en
superficie e tamén cun aparcadoiro subterráneo baixo o edificio de nova
construción.
Finalmente,
cómpre sinalar que, segundo a planificación, tanto o Hospital Provincial como a
Casa do Mar de Mollabao terán novos usos, que serán determinados durante a
redacción do anteproxecto para a ampliación de Montecelo. Neste sentido afirmou
que “o Hospital provincial terá que ter un novo uso sociosanitario”.
Se ben neste
momento xa se está a traballar na avaliación das necesidades asistenciais, Feijóo
subliñou que entre os compromisos que asume a Xunta figuran: realizar os
trámites precisos para a aprobación deste proxecto sectorial de incidencia
supramunicipal, para así obter os terreos onde proceder á construción do
inmoble; encargarse da construción das infraestruturas interiores, así como o
seu mantemento e o das zonas verdes e espazos libres do recinto hospitalario; e,
xunto con isto, tamén se incluirán as reservas de espazo dotacional en
previsión de posibles futuras ampliacións de equipamentos.
Unha sanidade pública máis eficiente grazas ao traballo dos profesionais do
Sergas
Feijóo
concluíu a súa intervención destacando o traballo dos profesionais do Servizo
galego de Saúde, que fan posible que este primeiro semestre de 2016 sexa o
semestre cos mellores datos de listas de espera desde que hai rexistros. “Neste
período, os profesionais do Sergas fixeron máis de 100.000 intervencións, o que
supuxo baixar a demora media para unha intervención cirúrxica a 58 días –o
mellor dato desde que hai rexistros- e rebaixar en 5 días, pasando de 40 a 35,
o tempo medio de espera para unha consulta”.
No hay comentarios:
Publicar un comentario