Medio Ambiente colabora coa Deputación de Pontevedra na posta en servizo da primeira fase de abastecemento ao polígono de Barro e Meis - Voz de Barro. Noticias

Breaking

El tiempo en Barro

domingo, 22 de abril de 2012

Medio Ambiente colabora coa Deputación de Pontevedra na posta en servizo da primeira fase de abastecemento ao polígono de Barro e Meis


O proxecto hidráulico supuxo unha achega económica de máis de 3 millóns de euros

  • Esta actuación está enmarcada nun convenio de colaboración entre a Xunta de Galicia, o Instituto para a Promoción e Equipamento do Solo Industrial da provincia de Pontevedra (IPESPO) e os concellos de Barro e Portas
  • O novo sistema de abastecemento tamén dota de auga á parroquia de Briallos, no Concello de Portas
  • O proxecto contemplou a instalación dunha captación no río Chaín (Portas), unha estación de tratamento de auga potable (ETAP) e un sistema de bombeo e impulsión desde a estación ata un depósito no polígono de Barro- Meis
  • Hernández lembra que a Xunta continúa cos traballos do Plan Umia, un programa que conta cun orzamento de preto de 22 millóns de euros
 A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, en colaboración coa Deputación de Pontevedra, vén de poñer en servizo a primeira fase do abastecemento de auga ao conxunto industrial Barro – Meis así como á parroquia de Briallos, no Concello de Portas. Así o manifestou hoxe o conselleiro Agustín Hernández na súa visita a esta zona pontevedresa. Neste acto tamén estiveron presentes o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís; o presidente da Deputación de Pontevedra, Rafael Louzán; os alcaldes de Portas, Roberto Vázquez; de Meis, José Luís Pérez; e de Barro, José Antonio Landín.

Hernández explicou que este proxecto hidráulico supuxo unha achega económica de máis de 3 millóns de euros. Este investimento está enmarcado nun convenio de colaboración entre a Xunta de Galicia, o Instituto para a Promoción e Equipamento do Solo Industrial da provincia de Pontevedra (IPESPO) e os concellos de Barro e Portas.

O proxecto contemplou a instalación dunha captación no río Chaín (Portas), unha condución desde a captación á futura estación de tratamento de auga potable (ETAP), unha ETAP dimensionada para 38,74 l/s e un sistema de bombeo e impulsión desde a estación ata un depósito no polígono de Barro- Meis.
A captación consta de dúas bombas sumerxibles, un caudal de 44 l/s e altura de 21 m.c.a. A estación dispón dun sistema de filtración, dosificación de reactivos, depósito de 400 m3 de augas filtradas, depósito de 50 m3 de augas de lavado de filtros.

O bombeo ao depósito de Briallos conta con dúas bombas verticais e protección antiariete e a impulsión dende a ETAP ata o depósito dispón de 9.171 metros de tubaxe.
No seguinte gráfico móstrase o funcionamento da estación de tratamento de auga potable inaugurada hoxe.

Plan Umia
O conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Agustín Hernández, lembrou que a Xunta de Galicia está a traballar no desenvolvemento das actuacións do Plan Umia coa execución dunhas medidas recollidas nunha exhaustiva planificación que, ata o ano 2015, suporá un investimento de preto de 22 millóns de euros.

Esta programación está a desenvolverse con actuacións concretas de saneamento e depuración de núcleos situados na ribeira do Umia e tamén con accións de xestión, de mellora e de concienciación no ámbito de influencia do río.

No hay comentarios:

Publicar un comentario