O HOSPITAL CLÍNICO DE SANTIAGO ACOLLE O MÉRCORES 25 DE ABRIL UNHA CAMPAÑA DE DOAZÓN DE SANGUE DO CENTRO DE TRANSFUSIÓN DE GALICIA - Voz de Barro. Noticias

Breaking

El tiempo en Barro

El tiempo - Tutiempo.net

martes, 24 de abril de 2012

O HOSPITAL CLÍNICO DE SANTIAGO ACOLLE O MÉRCORES 25 DE ABRIL UNHA CAMPAÑA DE DOAZÓN DE SANGUE DO CENTRO DE TRANSFUSIÓN DE GALICIA

Unha unidade móbil do CTG desprazarase ata as inmediacións do pavillón docente das 09.30 ás 14.30 horas para posibilitar a doazón dos profesionais do centro sanitario santiagués

O Hospital Clínico de Santiago acollerá mañá, mércores 25 de abril, unha campaña de doazón de sangue promovida polo Centro de Transfusión de Galicia (CTG), co obxectivo de fomentar este xesto solidario entre os profesionais deste organismo. Esta campaña enmárcase dentro do programa de colaboración que están a desenvolver o CTG en empresas e institucións públicas galegas para fomentar a creación dunha cultura solidaria a prol da doazón de sangue na sociedade galega en xeral e, moi especialmente, acadar a participación dos profesionais do ámbito sanitario.

Unha unidade móbil do CTG desprazarase o mércores 25 de abril ata a entrada do pavillón docente, e atenderá a todos os doadores e doadoras das 09.30 ás 14.30 horas.

Este centro hospitalario xa acolleu a visita das unidades móbiles do Centro de Transfusión de Galicia ata en seis ocasións, rexistrando un total de 231 doazóns de sangue, das cales o 19% (44 doazóns) correspondíanse con persoas que efectuaban unha doazón de sangue por vez primeira.

Empresas e organismos públicos
No pasado 2011, rexistráronse en Galicia 116.112 doazóns de sangue, das que, aproximadamente, o 10% correspóndense con doazóns recollidas en campañas realizadas en empresas e organismos públicos.

A Consellería de Sanidade e o Centro de Transfusión de Galicia, conscientes da importancia da participación deste colectivo, están a desenvolver un programa para impulsar as doazóns no seo das empresas e organismos públicos de toda Galicia, para tentar incrementar o número de doazóns deste colectivo.

O Centro de Transfusión de Galicia quere amosar o seu recoñecemento á Xerencia de Xestión Integrada de Santiago pola súa inestimable colaboración no desenvolvemento das campañas de doazón de sangue e polo seu compromiso con este xesto solidario, fundamental para o desenvolvemento da rutina asistencial dos nosos centros sanitarios.

No hay comentarios:

Publicar un comentario