A reforma da igrexa de San Pedro contou cunha achega de 20.000 euros da administración provincial
A Deputación Provincial de Pontevedra acometerá obras de ensanche e mellora do trazado da estrada Mane-Rebón, co obxectivo de mellorar a seguridade viaria e a comunicación con Moraña, Barro, os Milagres de Amil e Pontevedra. Así o anunciou esta mañá o presidente desta administración, Rafael Louzán, durante unha visita á parroquia de Rebón na que presentou aos veciños o anteproxecto das obras, acompañado pola alcaldesa de Moraña, Luisa Piñeiro, e polo delegado da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís.
Os traballos, que afectan á estrada provincial PO-0503, incluirán unha modificación do actual trazado entre os lugares de O Parañés e O Vexildo, nun treito que ocupa 912 metros de longo e que actualmente transcorre polo medio do pobo, de forma que son varias as vivendas que se atopan pegadas mesmo ao borde da calzada.
O novo trazado suporá a eliminación de numerosas curvas e fará posible acadar un ancho de 9 metros, que doutra forma non se podería alcanzar debido á proximidade das vivendas e, tamén, á presenza do Pazo e da capela de San Roque, que se sitúan un a cada lado da estrada, o que impide o ensanche da calzada sen que resulten afectados.
O presidente da Deputación salientou que esta obra é necesaria e que se estiveron estudando 2 ou 3 alternativas de trazado, ata atopar o que, de acordo cos veciños e cos técnicos, se considera o máis axeitado.
O novo vial terá un ancho de 9 metros, con dous carrís de 3,5 metros e beiravías de un metro cada un.
Restauración da Igrexa de San Pedro
Ademais de analizar o novo trazado da estrada coa alcaldesa de Moraña, María Luísa Piñeiro, e cos veciños desta localidade, Rafael Louzán visitou a igrexa de San Pedro de Rebón, na que se están realizando obras de mellora que contan cunha axuda económica da Deputación de 20.000 euros, ademais da colaboración veciñal e da Comunidade de Montes.
As obras do templo parroquial permitiron a substitución do tellado, evitando así as numerosas goteiras que se producían no interior da igrexa debido aos enormes danos que presentaba o tellado; o cambio de portas e fiestras e outros traballos de reforma interior, sobre todo de carpintería; así como a limpeza exterior da pedra.
Campo de Fútbol
Ademais destes investimentos, a Deputación acaba de iniciar as obras de construción do campo de fútbol de herba artificial de Moraña, que conta cun orzamento próximo ao millón de euros.
No hay comentarios:
Publicar un comentario