A formación nacionalista acordou chamar ao PSOE na asemblea do venres e anunciou que irá publicando os avances das conversas no seu perfil oficial de Facebook
O BNG de Barro iniciará esta semana, previsiblemente, este martes a última hora da tarde, os contactos co PSdeG PSOE para negociar un posible pacto de Goberno. Os nacionalistas, que a semana pasada foron acusados polo PSOE pola dilación en chamalos, fixeron público o acordo adoptado na súa asemblea local, celebrada o venres pola noite e na que se ratificou a decisión de "comezar a vindeira semana as negociacións co PSdG-PSOE para buscar un acordo que permita reeditar un goberno bipartito en Barro, o que lle dará estabilidade ao mesmo ao longo do próximo mandato".
Por outra banda, a formación acordou dar traslado de todos e cada un dos movementos deste proceso de negociación aos veciños e veciñas "en aras dunha total trasparencia das mesmas". O comunicado insiste en que "o BNG traballará para acadar un acordo de goberno co PSdeG-PSOE, seguindo as directrices do que acordaron as nosas formacións nos seus respectivos órganos de dirección". A primeira das notificacións, este luns, foi a data para o primeiro encontro, que terá lugar na sede da formación nacionalista.
A comunicación non foi a única ao respecto, senon que o PSOE tamén usou o perfil oficial en Facebook para tranquilizar aos votantes e sinalar con claridade que "non faremos pactos contra natura". Deste modo, José Sanmartín despexa dúbidas sobre a posibilidade de aceptar presentarse como candidato á Alcaldía con apoios do edil do PP e dos dous edís ‘expopulares’ de Xuntos por Barro. O perfil tacha a idea de "confabulacións dos medios" e pide celeridade ao BNG para "avanzar na negociación de temas como os servizos na parroquias ou as melloras urxentes no Colexio de Barro".
https://www.diariodepontevedra.es/articulo/comarca-de-pontevedra/bng-barro-acordou-asemblea-iniciar-negociacions-co-psoe/202306052127551256681.html
No hay comentarios:
Publicar un comentario