Robert Beade medra baixo terra - Voz de Barro. Noticias

Breaking

El tiempo en Barro

El tiempo - Tutiempo.net

domingo, 4 de junio de 2023

Robert Beade medra baixo terra

O músico publica o seu segundo disco, no que inclúe colaboracións de Tete Novoa, de Saratoga, e Pacho Brea, de Ankhara

O guitarrista de Barro Robert Beade. GONZALO GARCÍA
photo_camera O guitarrista de Barro Robert Beade. GONZALO GARCÍA


"Eu fago todo isto para poder desenvolver un proxecto persoal cos meus propios temas e con total liberdade. Despois, se se vende ben, pois xenial, pero tampouco é o obxectivo principal. O que me move é seguir facendo a música que eu queira".

Robert Beade (Barro, 1985) ten unha vida absolutamente vinculada a iso mesmo: a música. Formado na Escola de Barro, aínda forma parte da Banda desta localidade como clarinetista. Baixista en grupos como Nova Era, formou parte de bandas como Negra Sombra ou Jit. A guitarra é o seu instrumento principal. Ademais de no proxecto musical que desenvolve co seu propio nome, tócaa na banda de heavy metal Evil Hunter. Afincado na capital da provincia, traballa na tenda Musical Pontevedra. No ano 2020 publicou o disco de rock instrumental Influences. Dende este venres está dispoñible en todas as plataformas dixitais e no selo Demons Records, o seu segundo traballo, Down Underground. "É o título dun dos temas. Escollino porque o de ‘bajo tierra’ pensei que me encaixaba moi ben para o que sería o deseño da portada", explica. Sobre ese concepto traballou efectivamente o encargado de realizada, o ilustrador Manuel Giménez.

"Se o anterior traballo era totalmente instrumental, neste a metade dos temas teñen letra", conta o músico. Para interpretar eses tres temas contou con outros tantos colaboradores: Thomas Vikström, "que é sueco, pero vive en España", vocalista de Therion, "unha das primeiras bandas que comezou a mesturar metal e voces de ópera"; Tete Novoa, de Saratoga, e Pacho Brea, de Ankhara.
Beade encargouse de compoñer toda a música do disco, así como a letra do tema que interpreta Tete Novoa. Os outros dous colaboradores foron os que escribiron as letras dos seus temas. 

Á parte contou con outro par de colaboracións especiais, as de Victor Smolski (ex guitarrista de Rage) nun tema e de Matt de Vallejo (batería de Ankhara ou Mónica Naranjo) en todo o disco. "Estou moi contento, a verdade. Son todas colaboracións bastante potentes". 

Os nomes propios vinculados ao proxecto van máis alá. José Rubio (Warcry) é o coprodutor do álbum xunto ao propio Beade. "En realidade, a liña musical que sigo neste disco é moi semellante ao do anterior", explica. "Quizais non está tan presente aquel interese que tiña en homenaxear as miñas influencias no primeiro traballo, pero o son é moi similar".

Beade conta que el segue publicando un disco en formato físico (CD) porque, nese aspecto, se considera alguén da vella escola. "Pero é que ademais a min gústame o formato físico. Sigo comprando discos. Son consumidor", recoñece. "É verdade que os tempos cambiaron e hoxe xa moi pouca xente merca un CD, pero eu sigo preferindo ter o formato físico dos discos. Ademais, por un lado, móvelo un pouquiño por aí cando podes e recuperas algo do investimento. Por outro, digan o que digan, o son e a experiencia é diferente. Non é o mesmo coller un disco e colocalo nun reprodutor que ir escoitándoo no móbil. Para min sacalo en formato físico forma parte do concepto de disco". 

Di que non lle preocupa ir á contra en canto ao que se considera mainstream. "En realidade o metal ou o heavy metal tampouco foi nunca, salvo excepcións como eu que sei AC/DC ou Iron Maiden, unha música de masas. É verdade que se viviron épocas mellores, pero sempre tirou máis a minoritario", di. "Pero a min é o que me gusta. Non me preocupa que estea ou non estea de moda. E, realmente, tanto hai anos como agora conta cun grupo de seguidores moi fieis. A xente á que lle gusta o metal é moi leal ao xénero. Vai a todo o que pode. E inclúome. É un público que está ao pé do canón. Dalgunha maneira penso que é un estilo especial que engloba moitas cousas, case é unha forma de entender a vida. Funcionamos como unha comunidade".

CONCERTO DE PRESENTACIÓN NO BAZAAR

Robert Beade presenta en directo este sábado 3 de xuño (22.00 horas), no pub Bazaar (Praza do Teucro), coa súa banda, o seu novo disco. Contará coa colaboración de Emi Ramírez para interpretar os temas vocais. A entrada é de balde ata completar cabida e priorizarase o acceso con invitación. "En principio é o único concerto que teño previsto polo momento", explica o músico. "A idea é realizar unha pequena xira de presentación por salas, pero despois do verán"

 

https://www.diariodepontevedra.es/articulo/cultura/robert-beade-medra-baixo-terra/202306022206281256240.html

No hay comentarios:

Publicar un comentario