― A sustentabilidade ambiental nesta obra, que está a transformar o concepto de edificio, avalada polo método BREEAM, fixa aforros do 73,4% en emisións de CO², do 12,8% en demanda enerxética, e do 37,8% e do 30% en consumos de enerxía primaria e de auga
― A ferramenta para analizar e medir o impacto ambiental do ciclo de vida dos elementos do edificio hospitalario arroxa como resultado unha puntuación do 91%
― Este método engádese á obra transformadora do Novo Montecelo, xunto á peculiaridade do deseño en ‘Z’ da torre de hospitalización, á orixinal distribución de espazos, á ecoloxía e construción sostible, aos materiais elixidos e ao uso de fontes de enerxía renovables
― Os traballos de execución do Novo Montecelo supoñen un investimento da Xunta de máis de 130 M€ nesta primeira fase
O proxecto do Hospital Público Novo Montecelo de Pontevedra eríxese como exemplo de eficiencia e referente nacional e internacional en construción sostible.
Os parámetros de eficiencia do proxecto en execución do Novo Montecelo, que está a transformar o concepto do edificio hospitalario, vén avalada polo método BREEAM (Building Research Establishment Environmental Assessment Methodology), creado no Reino Unido en 1988, referente internacional na avaliación do grao de sustentabilidade ambiental de calquera nova construción, tendo en conta o seu uso e as súas particularidades.
A ferramenta utilizada para analizar e medir o impacto ambiental do ciclo de vida (ACV) dos elementos do edificio hospitalario arroxa como resultado unha puntuación do 91%, segundo a metodoloxía BREEAM.
Mediante este método analízanse desde o deseño e a edificación ata o mantemento, nun total de dez categorías. Entre os aspectos que se avalían tómanse en conta diferentes aspectos relacionados coa xestión, saúde e benestar dos usuarios, enerxía, transporte, auga, materiais empregados, xestión dos residuos xerados, uso ecolóxico do chan, contaminación e innovación.
Este método engade singularidade á obra transformadora do Novo Montecelo, xunto á peculiaridade do deseño en ‘Z’ da torre de hospitalización, á orixinal distribución de espazos, á ecoloxía e construción sostible, ás características dos materiais elixidos e á utilización de fontes de enerxía renovables.
Un 73% menos de emisións de dióxido de carbono
En comparación cun edificio hospitalario referencial, o Novo Montecelo consegue reducir nun 73,4% as emisións de CO² e acada aforros do 12,8% na demanda enerxética, do 37,8% no consumo de enerxía primaria e do 30% no consumo de auga.
Parte desta eficiencia débese ao uso de paneis fotovoltaicos para a xeración de enerxía eléctrica. Para a climatización emprégase un sistema centralizado que subministra calor a 5 subestacións distribuídas na planta soto, na segunda e na cuarta. O resultado evoca unha rede de distribución urbana, onde una central de frío, recuperación e outra de calor subministran enerxía a subestación con intercambiadores de calor que independizan ambos os circuítos de auga.
A ventilación faise con climatizadores, mentres que para a produción de auga quente o proxecto optou pola tipoloxía de caldeiras de baixa temperatura. A recuperación de calor do equipo produtor de frío aproveitarase para prequentar a auga quente sanitaria, que conta para a súa subministración con equipos de baixo consumo. No equipamento do edificio hospitalario tamén destaca o emprego dun sistema de iluminación de alta eficiencia.
Os bloques de ampliación deseñáronse como contedores modulares intercambiables. Así, a súa estrutura adáptase ás distintas distribucións funcionais, mentres que a xeometría da resposta a un programa de necesidades que se resolveu cun edificio con zócalo prismático de catro plantas, cun andar técnico e con outros catro en forma de ‘Z’, destinados a hospitalizacións, e como remate, cunha nova planta de instalación.
Novo Hospital Público Montecelo
Os traballos en execución do Hospital Público Novo Montecelo, cuxa primeira fase supón un investimento autonómico de máis de 130 millóns de euros, continúan a avanzar a bo ritmo. No seu conxunto, o Goberno galego investirá 155 millóns de euros para dotar Pontevedra e a súa área dun hospital de referencia.
As obras en execución consisten na construción dun novo edificio hospitalario cunha superficie de preto de 92.000 metros cadrados distribuídos en 10 andares.
As instalacións constan dun edificio dianteiro, no que se situarán as consultas externas para os servizos de hematoloxía, medicina preventiva, cardioloxía ou dixestivo; e outro traseiro para as urxencias, o bloque cirúrxico, a UCI pediátrica ou os laboratorios. Sobre esa zona de basamento elevarase un terceiro bloque que se corresponde co edificio de hospitalización.
No hay comentarios:
Publicar un comentario