MATINSA COMEZARÁ O 1 DE XUÑO A XESTIÓN DO SERVIZO PROVINCIAL DE INTERVENCIÓN EN EMERXENCIAS - Voz de Barro. Noticias

Breaking

El tiempo en Barro

El tiempo - Tutiempo.net

sábado, 27 de abril de 2013

MATINSA COMEZARÁ O 1 DE XUÑO A XESTIÓN DO SERVIZO PROVINCIAL DE INTERVENCIÓN EN EMERXENCIAS


Rafael Louzán e Miguel Cañada asinaron hoxe o contrato, que suporá un investimento de 21 millóns de euros en 8 anos

· A empresa adxudicataria inclúe melloras no servizo que van desde o incremento de persoal e material, ata a posta en marcha de aplicacións informáticas de xestión operativa

· A rebaixa no custe de prestación do servizo permitirá que a Deputación Provincial financie obras de reforma das instalacións dos parques


O vindeiro un de xuño é a data na que a empresa Mantenimiento de Infraestructuras S.A: Matinsa comezará a xestionar o Servizo Público de Xestión de Emerxencias provincial. Así figura no contrato asinado esta mañá no Pazo Provincial entre o presidente da Deputación, Rafael Louzán, e o representante da empresa, Miguel Cañadas.

O contrato, o de maior contía económica que executa a Administración Provincial, ascende a 21.059.338,71 euros para o período de vixencia do contrato, que é de 8 anos, prorrogables por períodos de 3 anos e ata un máximo de 14. Os pagamentos mensuais serán de 219.368,11 euros (2.632.417,34 euros cada ano).

O servizo, que dará cobertura á boa parte da provincia de Pontevedra a través dos parques de bombeiros de Bueu, O Porriño, Ribadumia e Vilagarcía de Arousa, será obxecto de diversas melloras, unhas ofertadas pola propia empresa dentro da oferta coa que resultou adxudicataria, e outras que financiará a Deputación Provincial grazas ao aforro que suporá o novo modelo de xestión dos parques de bombeiros e que o presidente provincial cifrou en 150.000 € ao ano.

Melloras sociais e de recursos humanos e materiais

As melloras que aplicará a empresa adxudicataria refírense ao incremento de medios humanos e materiais, a maior cobertura das pólizas de seguros, deseño e aplicación de plans de intervención e de programas operativos de xestión do servizo ou ao incremento da formación do persoal.

Así, haberá 4 bombeiros-condutores máis a tempo completo e outros 4 máis a tempo parcial, dotarase ao servizo dun vehículo de extinción autobomba a maiores e de dous equipos de excarceración máis.

No caso das melloras para os traballadores, estas inclúen melloras no ámbito social valoradas en 12.916 €/ano e nas pólizas de seguros, por un valor de 5.704 €/ano e que incluirá unha póliza de responsabilidade civil a 6 millóns de euros; seguros de vehículos a todo risco; seguro obrigatorio por accidentes de traballo con indemnizacións de ata 120.000 euros en caso de morte ou incapacidade ou de 60.000 en caso de incapacidade permanente absoluta.

A formación, que redunda nunha mellor prestación do servizo e nunha maior operatividade e seguridade para os traballadores, increméntase en 70 horas no caso da formación inicial (ata as 400 horas); e en 33,25 h. a formación continua, de forma que cada bombeiro recibirá 63,25 horas anuais de formación.

Tamén se mellorará o subministro e relevo do vestiario e porase en marcha unha aplicación informática de xestión operativa que permitirá, entre outras cousas, a xeolocalización dos vehículos, a visualización xeográfica das posicións de cada vehículo, a xestión de partes e informes de intervención.

En canto ao Plan de Intervención, incluirá un estudo xeográfico-poboacional da zona de cobertura dos parques, estudo de riscos e de isócronas e a análise dos medios de emerxencias existentes, en base aos cales se elaborarán protocolos de intervención, plans de mantemento dos edificios e instalacións dos parques de bombeiros e plans para o mantemento e substitución de vehículos. A maiores, a empresa oferta 13.120 horas máis ao servizo do consorcio cada ano.

Melloras nas instalacións

Pola súa banda, a Administración provincial ten previsto realizar numerosas obras de reforma e reparación nas instalacións dos 4 parques de bombeiros. Un investimento que será posible grazas ao gran aforro que se conseguirá con este novo modelo de xestión.

As obras inclúen actuacións desde cerramento das parcelas de parques que non están de todo cerrada, como acontece en Bueu, reparación ou reforma de diversos elementos como portais, hidrantes, taquillas, servizos, vestiarios, espazos de descanso ou de estancia dos bombeiros nas horas de espera, así como adecentamento do contorno onde sexa necesario.

As obras realizaranse nos catro parques, atendendo ás principais necesidades de cada un deles.

No hay comentarios:

Publicar un comentario