CORES TOURÍS E O ALCALDE DE BARRO ANALIZARON A SOLICITUDE DOS VECIÑOS DE CURRO DUN PASO INFERIOR ENTRE CURRÁS E BRETOÑA NA PO-531 - Voz de Barro. Noticias

Breaking

El tiempo en Barro

El tiempo - Tutiempo.net

miércoles, 24 de abril de 2013

CORES TOURÍS E O ALCALDE DE BARRO ANALIZARON A SOLICITUDE DOS VECIÑOS DE CURRO DUN PASO INFERIOR ENTRE CURRÁS E BRETOÑA NA PO-531

  • O delegado territorial da Xunta en Pontevedra recordou que estas obras englobaranse dentro da mellora desta estrada

  • Permitirá o paso de peóns e de vehículos agrícolas nunha zona do municipio con gran peso agrícola

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, visitou esta mañá o concello de Barro co obxectivo de analizar, xunto ao alcalde do municipio, José Antonio Landín Eirín, a solicitude exposta polos veciños de Curro para a instalación dun paso inferior entre Currás e Bretoña que permita atravesar a PO-531.

Na visita estivo acompañado polo xefe territorial de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, José Luis Díez, e técnicos municipais, así como responsables dos veciños desta parroquia de Barro.

Cores Tourís comprobou sobre o terreo o lugar onde se executaría este paso inferior que permitiría enlazar estes dous lugares e que facilitaría a seguridade viaria aos veciños, xa que serviría tanto para peóns como para vehículos agrícolas, “nunha zona do concello de Barro no que ten un forte peso económico o sector agrícola”.

A maiores, o delegado territorial tamén recolleu a solicitude do alcalde do municipio en relación a execución dunha senda peonil para este tramo. “Deste xeito completaríase as medidas de seguridade viaria que se van a poñer en marcha nesta estrada por parte da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas”, explicou Landín Eirín.

Estas obras incluiríanse dentro do proxecto de reforma da PO-531 que enlaza Pontevedra co nó grande de Curro. Nestes intres, en relación a esta infraestrutura, estase a redactar o proxecto de trazado e impacto ambiental da conexión norte de Pontevedra.

Segundo avanzou o delegado territorial, neste momento está a ser redactado o estudo de tráfico que permitirá determinar a solución final na PO-531 e o orzamento das actuacións, “aínda que se está a priorizar a Variante de Alba”. A Axencia Galega de Infraestruturas está a preparar a documentación necesaria para someter, no prazo aproximado dun mes, o trazado ás consultas ambientais necesarias.


No hay comentarios:

Publicar un comentario