- O delegado territorial da Xunta en Pontevedra recordou que os concellos que firmen este acordo poderán contratar brigadas de 4, 5 ou 6 persoas
- O operativo de verano completarase cos medios propios da administración autonómica e coa posta en marcha de outros dous convenios para a realización de tratamentos de prevención en vías municipais e para o mantemento dos vehículos-motobomba
O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, presentou esta tarde, ante os alcaldes dos 28 concellos que conforman o distrito forestal XIX (Pontevedra-Salnés-Caldas-Morrazo), o convenio que permitirá aos municipios poñer en marcha brigadas de prevención e defensa contra os incendios forestais durante os meses de maior risco de lume.
No encontro estiveron tamén presentes o xefe territorial de Medio Rural e do Mar de Pontevedra, Gerardo Zugasti, e o xefe do Servizo de Prevención e Defensa contra Incendios Forestais, Manuel Francisco Gutiérrez.
Deste xeito, Cores Tourís presentou ante os responsables destes 28 concellos, un convenio “que pon en marcha a Consellería de Medio Rural e do Mar e que permitirá a contratación de entre 4 e 6 persoas para cada brigada, tendo en conta que estes equipos humanos e materiais serán subvencionados pola administración autonómica nun 75%”. O 25% restante será asumido polos propios municipios.
Segundo se destaca do convenio presentado hoxe, os concellos que se sumen a esta iniciativa comprometeranse a preparar faixas de xestión de biomasa en terreos forestais de titularidade municipal ou de propietario descoñecido. “Estes traballos consistirán na posta en marcha de roza manual, rareo e eliminación de restos nun mínimo de cinco hectáreas durante os tres meses de operativo destas brigadas, co obxectivo de levar a cabo labores de prevención”, explicou o delegado territorial.
O resto das actuacións das que se farán cargo estes equipos serán labores de vixilancia e extinción. “Estes traballos serán concretados polo responsable do distrito forestal correspondente baixo o mando único descrito no Plan de Defensa e Incendios de Galicia. Executaranse tanto dentro do ámbito municipal como, en caso de necesidade, noutros puntos do distrito”, engadiu Cores Tourís.
O importe da axuda da Consellería de Medio Rural e do Mar correspondente ás labores de extinción e vixilancia será anticipado trala firma do convenio. “En canto á axuda dos traballos de prevención”, matizou o delegado territorial, “tramitarase o seu pago tras a correspondente xustificación de cada concello”.
Operativo de loita contra o lume
Estas brigadas virán a complementar os equipos previstos no operativo de loita contra o lume organizado pola Consellería de Medio Rural e do Mar, que contará, na provincia de Pontevedra, cos mesmos medios que o ano pasado: 25 brigadas de terra, 2 equipos helitransportados, persoal propio de empresas dedicadas a esta labor e 28 cuadrillas de operarios do Seaga.
Paralelamente a todo este equipo humano, a Consellería de Medio Rural e do Mar está a tramitar dous convenios máis cos concellos da provincia de cara a mellorar a prevención e loita contra o lume.
Deste xeito, 21 concellos de Pontevedra sumáronse ao convenio de participación na prevención de incendios forestais mediante a realización de tratamentos preventivos en vías e camiños de titularidade municipal. Esta iniciativa supón limpar 3.200 quilómetros e conta cun orzamento de algo máis de 201.000 euros.
O segundo convenio céntrase na participación en prevención e defensa contra incendios forestais e está destinados aos 14 vehículos-motobomba da provincia. O obxectivo é cubrir as necesidades económicas destes vehículos e dos seus operarios. Estará operativo dende o 1 de xullo ata o 15 de outubro.
A Delegación Territorial da Xunta en Pontevedra presentará o convenio para a creación de brigadas municipais contra o lume no resto de distritos forestais ao longo de toda esta semana. O mesmo fará a Delegación Territorial da Xunta en Vigo no distrito forestal de Porriño.
No hay comentarios:
Publicar un comentario