A Consellería do Medio Rural lembra a tódolos interesados en participar na XXIII Cata dos Viños de Galicia e a XIII Cata dos Augardentes que teñen ata o vindeiro mércores, 22 de xuño, para presentar a solicitude.
As adegas e destilerías interesadas nestas catas, que terán lugar en Santiago de Compostela do 18 ao 21 de xullo, teñen que inscribirse nos seus respectivos consellos reguladores e poden consultar as bases do concurso na páxina web da Consellería (mediorural.xunta.es).
No caso da cata de viños poderán participar todos aqueles elaborados nas adegas inscritas nos rexistros de cada unha das Denominacións de Orixe (DO) existentes en Galicia: Ribeiro, Valdeorras, Rías Baixas, Monterrei e Ribeira Sacra. Así como os viños elaborados polas adegas produtoras de viños con indicación xeográfica (viños da terra), con produción controlada na campaña 2010; estes son Val do Miño-Ourense, Betanzos e Barbanza e Iria.
Todos os viños que se presenten á cata terán que ser da colleita do ano 2010, agás os que nalgunha das fases de elaboración estivesen en contacto con madeira, que neste caso poderán ser do 2009. Así mesmo, non será admitido ningún participante que nos dous anos anteriores a presentación desta solicitude fose sancionado por unha infracción moi grave á lexislación agroalimentaria.
Na XIII Cata das Augardentes de Galicia poderán participar todas as augardentes brancas elaboradas polas empresas rexistradas no Consello Regulador das Denominacións Xeográficas das Augardentes e Licores Tradicionais de Galicia.
Finalistas
Ás tres primeiras clasificadas na categoría de viños recibirán os prestixiosos Acios de Ouro, Prata e Bronce, respectivamente. Na categoría de Augardentes premiaranse aos tres primeiros cos Potes de Ouro, Prata e Bronce. Ademais seleccionaranse os mellores viños branco e tinto de Galicia e ás empresas que resulten finalistas nas distintas categorías establecidas entregaráselle un diploma acreditativo.
No hay comentarios:
Publicar un comentario