URXENTE: A Consellería de Sanidade fai unha serie de recomendacións para afrontar as altas temperaturas - Voz de Barro. Noticias

Breaking

El tiempo en Barro

El tiempo - Tutiempo.net

jueves, 23 de junio de 2011

URXENTE: A Consellería de Sanidade fai unha serie de recomendacións para afrontar as altas temperaturas

A Consellería de Sanidade, por medio da súa Dirección Xeral de Innovación e Xestión da Saúde Pública, informa á cidadanía sobre diferentes consellos que poden ser moi útiles para afrontar as altas temperaturas. Con eles, contribúese ao espallamento da información máis relevante e das recomendacións sanitarias máis efectivas fronte ao calor, co obxectivo de facilitar a súa aplicación tanto polas propias persoas cun maior risco, como por todo tipo de coidadores destas, ben sexa familiares, profesionais ou voluntarios.

As altas temperaturas poden ter incidencia na saúde humana, especialmente en persoas previamente enfermas. Todos os cidadáns de idade avanzada e os menores de cinco anos, en especial os lactantes, e aqueles que realicen traballos físicos intensos ou deporte ao aire libre, aínda que tamén os que padecen enfermidades crónicas (hipertensión, diabete, cardiopatía, obesidade, entre outras), deben ter presentes as recomendacións relativas ao incremento das temperaturas.

Para protexerse da calor, Sanidade recomenda beber máis líquido do habitual, sen esperar a ter sede, sobre todo auga e zumes de froita lixeiramente fríos. Deberase evitar inxerir bebidas quentes, alcohólicas, café, té, e as moi azucradas. Así mesmo, comeranse verduras e froitas en abundancia, e evitaranse as comidas copiosas.


Respecto da vestimenta, convén usar roupa de tecidos naturais, lixeira e folgada, de cores claras, sombreiros, lentes de sol e cremas protectoras solares. O calzado deberá ser cómodo, fresco e que transpire.
No interior dos edificios aconséllase permanecer, a ser posible, en espazos ventilados ou acondicionados, e utilizando as habitacións máis frescas da vivenda. Durante o día, baixaranse as persianas e pecharanse as xanelas, abríndoas pola noite para ventilar. Así mesmo, poderán utilizarse ventiladores ou aparellos de aire acondicionado. Nos momentos de calor máis intensa refrescarase o corpo cunha ducha ou cun baño en auga morna. Ademais, procurarase eludir as aglomeracións de persoas en locais sen aire acondicionado.

No exterior dos edificios evitaranse, na medida do posible, as actividades nas horas máis calorosas, reducirase a actividade física, procurarase buscar as sombras e, cando se estacione o coche, non se deberá deixar no interior nin a nenos nin a anciáns.

Cando se vaia desfrutar da praia convén evitar as horas do mediodía e as primeiras da tarde. Asemade, Sanidade sinala que nunca se debe quedar durmido tomando o sol. Respecto das cremas de protección, utilizaranse as que teñan un índice non inferior a quince.

Cómpre lembrar, así mesmo, que dende o 1 de xuño, data de inicio de todos os anos, está operativo o Plan da Xunta de Galicia 2011 fronte a unha posible vaga de calor. O Plan establecido polo Executivo galego recolle as actuacións necesarias para reducir os efectos na saúde asociados ás vagas de calor, os sistemas de prevención, alerta e comunicación a utilizar, e define unha sistemática de intervención, segundo os niveis de alerta establecidos. Así mesmo, recolle as canles de coordinación institucional entre as unidades competentes nesta materia.
 

No hay comentarios:

Publicar un comentario